luns, 30 de setembro de 2013

O temazo da semana: "Volver"

Boeno, hoxe publico a miña primeira reflexión cultural barateira na diáspora e, por este motivo, a escolla do terceiro temazo da semana non podía realizarse doutro xeito. A min, que me entusiasma a poesía cada vez máis (ata hai ben pouco parecíame un coñazo e algo antinatural todo aquilo que non estivese en prosa), a canción da que vou falar a continuación ponme os pelos coma escarpias, porque, para min ten unha das letras sobre a nostalxia, o regreso e todos os sentimentos que lle suxire a un a evocación do pasado máis caralludas da historia da música, da poesía e de non sei cantas artes máis. Esta canción é Volver, popularizada nun primeiro momento por toda unha icona da cultura arxentina (aínda que non o vou dicir moi alto so pena de que se me enfaden os uruguayos e os franceses), o arquicoñecido cantante de tangos Carlos Gardel.

            Volver foi composta no 1934 ou 1935 (as fontes que me proporciona internet son algo confusas e contraditorias) polo propio Gardel e Alfredo Le Pera, este último, autor da súa marabillosa letra. Por obra e gracia destes dous mestres, veu ao mundo un auténtico himno, un tango cunha melodía delicada na que a voz rexia e porteña de Gardel e a mensaxe da canción son as verdadeiras protagonistas. Encántame o son a gramófono, a antigo, a anos 30 tan puro que, evidentemente, ten esta canción, é unha auténtica viaxe na máquina do tempo a unha época descoñecida tan turbia como dourada. Pero é que as figuras literarias desa letra son a repanocha, de verdade, a min o de las nieves del tiempo blanquearon mi sien paréceme unha das metáforas máis traballadas coas que me topei no meu curto andar pola vida e o meu aínda máis curto camiñar no mundo da arte. E hai frases tan demoledoras como tengo miedo de las noches que pobladas de recuerdos encadenan mi soñar, que dan conta do ton nostálxico da canción, que nos transportan a unha fonda melancolía e que nos fan desfrutar coma nunca do emprego da lingua. Porque si, ata na linguaxe se pode atopar beleza e deleite, a min polo menos pásame.


            Como era previsible, Volver foi maltratada ou non por unha ringleira irrematable de versións máis ou menos afortunadas. A película homónima de Pedro Almodóvar do ano 2006 colleuna como tema de cabeceira para ilustrar o espírito do seu filme… Pero, para min, cagouna. Con todo o respecto que me merecen o flamenco como xénero musical e algúns dos seus máis ilustres represantes, que os responsables da banda sonora desta película lle desen ese xiro tan cañí ao estilo do tema rematou por matalo. Tampouco teño nada en contra da voz de Estrella Morente, que, guste ou non, bota un verdadeiro chorrazo por esa boquiña (sí, é ela, non é Penélope a que canta nesa película, aínda que creo que se nota eu aviso por se acaso) pero, non sei, para min non acaba de callar esta versión e creo que se carga a inmensa forza que ten o tema, pese a que define á perfección a problemática á que se enfrontan as mulleres que protagonizan esta cinta.


            Porén, ao contrario que a flamenco cover que veño de citar, hai unha versión, máis acústica, que me encanta: a de Andrés Calamaro, incluída no seu álbum El Cantante. Supoño que é un pouco tópico pensar que só un cantante arxentino pode captar a esencia dun tango de Gardel pero é que para min realmente dá no cravo. Mantén o espírito e mesmo o ritmo deste tango ao mesmo tempo que lle dá un aire novo, convértea nunha canción de autor e corrobora o que xa se sabía, que é unha canción intemporal cunha mensaxe universal e que, polo tanto, como boa peza de arte que é, perdurable e memorable, non poderá morrer xamais. Así funciona para min a interpretación que fai Calamaro deste tema: cóllea e versiónaa para demostrarnos, por se non o tiñamos claro, que é un clásico inmortal e que, como tal, merece que dun xeito ou outro a lembremos, a tarareemos na ducha e gocemos dela coma unha magnífica canción.

            É por iso polo que esta canción é un temaaaaaaaaaaaaaaaaaazo con todas as letras.

            Escoitádea e marabilládevos.


venres, 27 de setembro de 2013

Superación persoal ben narrada: “De óxido e óso”, de Jacques Audiard


É raro que unha historia de superación persoal me guste. Moi raro. Son anos e anos de películas de tarde de Antena 3 ou trapallada made in Hollywood ou Disney infestadas de tópicos sobre a, por outro lado, case sempre apaixonante parábola de quen cae e se volve erguer. Estes envoltorios que veño de citar, de calidade máis que discutible, condicionaron dun xeito un pouco (bastante, moi) negativo a miña forma de ver e recibir este tipo de guións que acabaron sendo tan predicibles e estereotipados. Polo tanto, non me gusta o actual canon que impera na produción de dramas de superación persoal, pois considero que ignora por completo a dureza e a crudeza reais que caracterizan unha verdadeira batalla pola supervivencia, a mellora e a vitoria. Non hai unha mímese, a superación persoal no cine xa é case máis ciencia-ficción que a propia ciencia-ficción.

Porén, de vez en cando atopo algún documento que me devolve a esperanza e penso, “que ben, non estou soa no mundo cando opino que un dramón que pretende ser realista debe ser iso precisamente, realista, e que non recaia nesa ringleira de sentimentalismos edulcorados e non aptos para diabéticos tan falsos e pouco recoñecibles polo ser humano medio; gracias por devolverme a fe na ficción cinematográfica como un medio catárquico mediante o cal poida acadar non só un esmerado gusto pola forma e os detalles audiovisuais senón unha experiencia emocional que me chegue ao máis profundo”. Porque si, eu formo parte dese grupo de idealistas que cren nestas, para algúns, paridas da catarse, a identificación cos personaxes, o ficcional como imitación e todas estas cousas. Creo nunha serie de conceptos que fixeron que me doera moito a cabeza durante un par de anos mentres estudaba a carreira e que, a veces, non chego a entender moi ben. Pero creo neles!

Boeno, xa me estou desviando do tema. Dicía, antes de tocar outras poucas pólas e ramificacións da cuestión principal, que nalgún momento era quen de atopar un indicio de recuperación do que eu penso que debe ser o espírito dun drama de superación persoal. E a última vez que iso sucedeu foi aló polo mes de decembro do pasado ano, cando se estreou nos cines a última película de Jacques Audiard, De óxido e óso.


Por se a alguén este francés lle sona máis a lingua sino-tibetana que a lingua romance, darei algúns datos, para curarme en saúde. Jacques Audiard é un director de cine francés que acadou a súa merecida sona internacionalmente gracias ao filme Un profeta (2009), requetepremiada cinta que supuxo o pulo definitivo na carreira deste realizador galo. Con todo, antes desta película, fixo outras cousas non menos interesantes como Lee os meus beizos (2001), con Vincent Cassel de protagonista, ou De latir, o meu corazón parou (2005). Despois do éxito de Un profeta, era sabido que o nivel de esixencia por parte de crítica e público sería moi superior e, dende o meu punto de vista, creo que logrou cubrir e mesmo sobrepasar todas as expectativas. Para De óxido e óso, Audiard contou coa actriz francesa do momento, Marion Cotillard (que, admítoo, encántame e seguramente acabarei dedicándolle un recuncho da miña galería de ídolos femininos) e cun case debutante, o belga Matthias Schoenaerts (premio para quen consiga pronuncialo).

Como xa dixen, a acollida do filme foi excepcional. Por parte de todos aqueles medios que che ordenan pensar, sentir e gustar dunha determinada forma, por parte dos mesmos que aínda hoxe intentan convencerme de que Lost in translation é un peliculón (outro día irei cara esa lameira, non me desvío). Pero agora direi o que opino eu. E xa aviso, como case sempre que falo dunha película, que vai haber, espero que de xeito limitado, spoilers.

De óxido e óso cóntanos unha historia que pretende ser e de feito é dura, baseándose nunha obra de Craig Davidson. Cando Stéphanie (Marion Cotillard), unha domadora de orcas, queda eivada tras un tráxico accidente acontecido durante un dos espectáculos nos que participa, inicia unha relación íntima pero por momentos tensa con Ali, un pai solteiro que trata de sacar adiante ao seu fillo de 5 anos (e cuxa relación tampouco é ideal) que se introduce no mundo das loitas clandestinas aspirando a ser loitador profesional. O que temos son dous personaxes desgarrados e derrotados por unha vida que para eles deixa de valer a pena e que se atopan durante unha errante travesía cara ningures ata que, por fin, recuperan o control das súas vidas e as ganas de seguir adiante.


Con esta mesma premisa Isabel Coixet daríanos toneladas de diálogo e discusión, de conversas sobre o profundo e o superficial e o divino e o humano (máis ou menos soporíferas, dependendo de cal sexa o nivel de tolerancia do espectador con respecto a esta directora). Atopariámonos coa maior viaxe de redención verbal da historia. E, coidado, a min non me parece mal, eh, pero tamén valoro moi positivamente que Audiard nos plantexe a transformación destas dúas persoas tan, en principio, desgraciadas sen apenas diálogo. Os silencios son tan importantes ou máis que o que Stéphanie e Ali teñan que dicirse, en todo o filme non hai máis que unha conversa realmente importante e decisiva entre eles e dura pouco máis de tres minutos. Gústame que Audiard optimice en recursos verbais, xestiona moi ben o emprego da palabra e logra transmitirnos moito máis coa imaxe, con eses planos tan minimalistas, e coa planificación do que mostra que con toda a verborrea que se podería incluír.

Moquéase con esta película? Non, non é unha película sensibleira, como xa dixen. Non é coma estas películas malas de superación persoal que buscan a bágoa fácil co recurso ao sentimentaloide, non. Isto é superación persoal pero ben narrada, os personaxes buscan mellorar e saír da miseria e no camiño atopan máis fochas que pistas ben pavimentadas pero os malos momentos de ambos ou entre ambos non se traducen en escenas destas de choros interminables e gritos pelados que semellan un requisito indispensable para que te nomeen ao Oscar e te teñan por unha boa actriz ou un bo actor. Non, o compoñente emocional, como o verbal que dicía antes, está moi ben xestionado e racionado e ambos actores fan un traballo excepcional precisamente por iso, por non sobreactuar, por non deixarse levar polo exceso e por unha mala interpretación do pathos, algo non sempre fácil sobre todo tendo en conta o enorme contraste que hai entre ambos personaxes e o complicada que se fai a súa relación como consecuencia dese contraste.


O realismo desta película chega a ser estremecedor, non se limita á adecuada manifestación das emocións, pois no caso de Marion Cotillard chegamos a crernos realmente que non ten pernas. Xa se sabe que hoxe en día no cine pode facerse de todo ou case de todo, pero, aínda así, creo que é xusto congratularse polos bos “efectos especiais” desta cinta (é que de verdade que impacta velo), posto que, incluso cos adiantos dos nosos días nesa materia, hai quen resolve estas circunstancias dun xeito malo e cutre, co cal, nunca chega a ser crible. E tamén hai imaxes realmente belas, detalles e xestos que se converten en arte e mesmo a escena do accidente é orixinal, perturbadora e, por momentos, ata bonita.

De óxido e óso para min teno case todo: unha boa historia, personaxes ben definidos, boas interpretacións, recursos visuais adecuados á narración do drama… É unha película que me gustou e que, sobre todo, me chegou, que non me deixou indiferente e que me anima, por suposto, a seguir máis de cerca a carreira de Jacques Audiard nos anos vindeiros, pois creo que é un dos directores máis interesantes do cine europeo actual e un tipo que teña algo que contar non é doado de encontrar hoxe en día (hai moita merda honesta e moito farsante). É unha película moi recomendable, unha BOA historia de superación persoal. Védea.


xoves, 19 de setembro de 2013

De nostalxia e outros males da vellez (II): Gustos musicais "from outer space"...

Antes de poñerme a explicar o por que do título desta segunda entrega de cousas que nos provocan a temida enfermidade do retorno a un tempo pasado, direi que eu non sempre fun este ser absolutamente perfecto que son agora, cunha cultura exquisita e cun gusto pola arte de verdade altamente desenvolvido (léase isto con toda a ironía e sarcasmo posibles, por favor, que senón non ten gracia). Boeno, vaia novidade! Se me gustaban os Power Rangers xa se sabe que non é que fora moi lista… Ben, pois neste retorno aos ontes, antontes e transantontes, vou falar de algo aínda máis vergoñento e vergonzante que a miña afección por aqueles guerreiros adolescentes de pacotilla… Os meus pretéritos gustos musicais! Si, a miña intención é dar medo e provocar un berro máis grande que o de Janet Leigh a punto de ser apuñalada na ducha en Psicosis. Efectivamente, a lista que virá a continuación podería musicalizar calquera película de terror, porque a algúns destes “artistas” (se é que merecen tal epíteto) non vos gustaría atopárvolos nunha quella a escuras (por certo, como mola! Segundo o tradutor da Xunta de Galicia, “callejón” en galego é “quella”! Que forte!)…

Boeno, sen máis dilación, vou proceder a compartir con todos vostedes o noxento ranking dos infames, inconfesables e pérfidos cantantes/grupos/cousas indefinidas que máis me gustaban cando era nena… E non tan nena, admítoo.

1.      Ricky Martin


Directamente dende ese Puerto Rico que tanta merda lle ten dado ao mundo (musicalmente falando), chega o número 1 da lista. Seguro que moitos, que agora mesmo desexarían non ter memoria, son capaces de lembrar o mundial de fútbol de Francia de 1998 ou a película Hércules de Disney… Moi ben, pois Ricky Martin andaba polo medio destes dous fregados e conseguiu acadar unha fama descomunal no mundo enteiro, xa que poder poñerlle voz a un evento como un mundial de fútbol e á película infantil máis agardada do Nadal no mesmo ano revitaliza a carreira de calquera. No mundial conseguiu horrorizarnos con The Cup Of Life (La Copa De La Vida), aquel himno multilingüe (Ricky demostrounos o políglotas que podíamos chegar a ser se sabiamos dicir “vamos” en tres idiomas) que invitaba a mover as cadeiras e celebrar a alegría dunha gran competición deportiva de masas. Todo moi vomitivo. En canto ao seu idilio con Disney, limitouse a facer o que outros tantos antes e despois del: facer un pequeno aceno ao público de fala hispana destrozando bastante baixada de ton a xa pouco dixerible balada de superación persoal que Michael Bolton entoaba en inglés, Go The Distance, que en español foi traducida como No Importa La Distancia. Vomitar arco iris é pouco para definir esta pastelada.


Pero o caso é que lle saíu moi ben a xogada e o cantante de María asegurouse a súa permanencia no panorama musical durante máis dunha década. E aínda segue sendo un cantante de éxito, incluso respectado por algúns artistas mediocres que van máis de culturetas (como Miguel Bosé), e mesmo foi quen de facerse cun papelón en Broadway: o Ché de Evita, de Andrew Lloyd Webber (e non, non é o Ché Guevara! Que carallo pinta o Ché Guevara entre Eva e Juan Perón?). Pero o Ricky Martin que eu recordo con maior nitidez (agora xa deixei as drogas duras) é o que acadou sona cos discos Vuelve (no que se incluían os dous temas que arrasaron nas listas naquel confuso ano 1998) e Ricky Martin (1999), cuxo single máis coñecido foi ese Livin’ La Vida Loca no que nos volvemos espantar co spanglish tan característico dos artistas latinos máis estereotipados. Non, non entendo nin poderei entender nunca como era posible que me gustara isto. O chaval ía de guapo e, de vez en cando, soltaba algún gorgorito destes que che facían dicir “oes, mal non canta” pero as cancións eran todas iguais e todas incidían nese estilo salsa-pop tan chungo que co paso dos anos envellece tan mal e que só vale para que a Panorama faga un popurri/remix destes que che quitan as ganas de vivir pero que cunha boa borracheira acabas bailando. Espeluznante. Por sorte, xa estou rehabilitada.

2.      Operación Triunfo


Esta canteira de cantareiros prefabricados imitada ata a saciedade (incluso nalgún concurso cutre autonómico no que varios aspirantes a cantante de orquestra compiten entre si por obter a gracia de Piñeiro) pariu algunhas das voces e carreiras musicais máis estomagantes de España. Baixo o amparo de TVE e cos cartos de todos os contribuíntes, no 2001 coñecemos un Nadal incluso máis perturbador que aquelas Pascuas musicalizadas polo All I Want For Christmas Is You, de Mariah Carey. Non había tenda, centro comercial ou tenderete que non amenizara a nosa reincidencia anual no capitalismo salvaxe cuns versos aterradores: A tu laaaaaaaado me sieeeeeeeeeeento seguroooooooo… Era como unha tortura en Guantánamo, por dicilo de forma suave.


E que dicir dos integrantes da terrorífica coral que popularizou esta borralla que chamaron Mi Música Es Tu Voz (título ilóxico onde os haxa)? Entre eles atopamos á arquifamosa Rosa de España, a gañadora do concurso, que foi a Eurovisión perpetrando un dos maiores atentados da historia deste festival kitsch, Europe’s Living A Celebration, e que non serviu para revitalizar o orgullo patrio sempre ferido de morte neste certame; David Bisbal, o clásico “ghañán” cantante de orquestra agora tamén metido a artista guay gracias á súa amizade con Alejandro Sanz (posiblemente o cantante e compositor máis sobrevalorado que se coñeceu neste país, con permiso de Nacho Cano) e principal rival de Melendi na carreira por ser o coach máis enrollado de Telecinco; David Bustamante, paradigma do proletario que aspiraba a saborear o mel do éxito paleta en man (e que moqueaba máis que unha “maruja” vendo o final de Cristal); Chenoa, o talento incomprendido de voz chorreante que quedou nesa pouco honrosa cuarta posición… E o resto pasaban por alí: Manu Tenorio, Nuria Fergó, Gisela (que chegou a representar a Andorra en Eurovisión), e un montón de xente da que non se volveu saber nada e que posiblemente non os coñezan nin na froitería do seu pobo (eu nin me acordo).

Pero houbo un tempo no que sabía os nomes de todos os concursantes, a orde na que foran expulsados e incluso as cancións que cantaran en cada gala. É máis, a triunfomanía apoderárase do meu ser ata o punto de mercar, MERCAR, tres dos discos que foran editados coa selección dos karaokes máis esperpénticos emitidos neste programa. E escoitábaos. E gravábaos en cassette para poñer no coche ou para meter no walkman (eu era das poucas que aínda usaba este trebello nos albores do século XXI). Agora están metidos de xeito estratéxico, é dicir, o máis ocultos posible (por iso de causar unha boa impresión ás visitas) no moble portadiscos collendo pó. E pronto acabarán en Sogama, xúroo. Nin nostalxia nin farrapos de gaitas, isto non había por onde collelo e non, non entendo como puido gustarme este concurso e algúns dos que saíron del.

3.      Mägo de Oz


Cando falo deste grupo de heavy-metal/folk-rock/celta/neobarroco/chungo/cani véñenme á cabeza varios interrogantes: por que nunca levaron ao xa ex-cantante, polo que puiden oír, a un logopeda? Por que eses videoclips tan cutres? Por que esas letras tan incongruentes? Por que poñen diérese no “a” de “mago”? Seguramente conseguirei que un montón de fans enfurecidos se me boten enriba mentando á nai que me pariu e poida obter unha resposta a estas preguntas (aínda que dubido que a primeira teña xustificación algunha, porque non se lle entende nada, por favor, que vocalice!), porque Mägo de Oz ten os seus seguidores, xente que sabe valorar debidamente a achega desta banda ao panorama musical español. Pero, para min, sentíndoo moito por todos estes fanáticos, son os Camela do rock (de feito, o tal José Andrëa, o ex-cantante, tiña un parecido moi sospeitoso co Dioni).

É certo, case toda a xente da miña xeración en canto descubriu un son máis duro, menos dulcificado e menos pop, bateu con alguén que lle pasou material de Mägo de Oz. E aquilo era a cousa máis alucinante e heavy do mundo, vamos. Gustaba. Incluso agora creo que nesa banda hai bos músicos e a instrumentalización dalgunhas cancións paréceme francamente cojonuda. Pero hai moitas cousas que non me casan. Todas as cancións acababan sendo iguales, moito virtuosismo musical, sí, moitas ínfulas de rock progresivo por momentos (como proba está esa Venganza De Gaia que a min tanto me gustaba con 13 anos), moitos temas aspirantes a temazos, moita melena, moito rollo celta-místico pero pouca “chicha”.

A de Mägo de Oz é unha etapa vital máis, cando che pasa o tempo deles, xa non che molan, pois non abandeiran un estilo definitivo, nin moito menos, son un pouco como Celtas Cortos pero máis “carghados ao bombo”. Xa digo, de toda esta parafernalia salvo unicamente aos músicos (que, aparte, inspiran nos vídeos unha felicidade e unha ledicia por tocar nun grupo que me entenrece o corazón, de verdá) porque esa estética tan pasada e tamén un pouco cutre xa me aburre un pouco, ademais de parecerme “algho ghañana” cando pretende todo o contrario (sen éxito, claro está). E a voz do José Andrëa este é máis chirriante que cravar as unllas nunha pedra…


4.      Avril Lavigne


Máis farsantes do rock para a lista. A pequena Avril prometía. Claro que… Prometía cando unha servidora tiña 14 anos e non escoitara máis punk que algunha canción de Green Day. E despois descobres que iso tampouco era punk e non che pasa o cacao mental ata que non te fas con algo dos Clash ou os Sex Pistols. E entón enténdelo todo. Avril Lavigne non era máis que pop fétido e cochambroso disfrazado de pseudoestética punk/skate. Marketing puro e precursora de todas estas trapalladas que, coma a bomba atómica, por desgraza non se poden “desinventar”: os Jonas Brothers, Paramore, Tokio Hotel… Fenómenos “rock” adolescentes nos que hai moito “ghitarreo” e pouca calidade e espírito. Avril Lavigne tiña un disco, que sacou alá polo 2004, Under My Skin, no que se repetía ad infinitum a estridencia da súa voz (que recorda un pouco á de Alanis Morissette, outra canadiense internacional) e ese ruído que pretende ser rock, un pouco sentimentaloide por momentos e bastante insufrible. Pero a min gustábame. Porén, a deriva da carreira de Avril Lavigne cara un son aínda máis pop e unha estética errante, entre o insulto ao grunge e unha pseudo-Madonna confirmoume que era o que xa debía ter sabido nun principio: lixo musical inmundo.


5.      La Oreja de Van Gogh


Estes donostiarras tamén ma meteron ben dobrada. Co seu pop do país da gominola arrasaron nas listas de éxitos e comezaron a formar parte da ditadura das mesmas dende o 1998, se non recordo mal, con esa canción, El 28, na que Amaia Montero aínda non falseaba tanto a voz pero na que empezaba a irse de ton e chirriar moito. Pero o colmo da “empalaghosidá” foi ese disco que sacaron no ano 2000, El Viaje De Copperpot, no que tanto nos dicían que cerraramos a porta e nos sentaramos cerca, como que nos ían escribir a canción máis bonita do mundo ou que ían estar con nós e que nos ían regalar o seu agarimo… Purpurina everywhere! No 2003, iso de contarlle cousas a alguén mentres facía que estaba durmindo xa esgotou a miña capacidade de resistencia e deixaron de gustarme. Ese “orghanillo” omnipresente en todas as cancións, o falsete dunha Amaia que cada vez pecaba máis de divismo e que logo marcharía da banda (se tampouco cantabas tan ben, jodía!) e unhas letras tan buenrrollistas que invitaban ao suicidio colectivo foron os detonantes.


6.      The Corrs


A versión irlandesa dos anteriores, ou máis ben ao revés, creo que The Corrs iniciaron a súa carreira con anterioridade. Non o sei, non o recordo. Tampouco me importa. O concepto era iso, máis ou menos o mesmo que o de La Oreja de Van Gogh, pero con algunhas peculiaridades que os facían realmente transgresores, un grupo diferente na escena musical internacional (modo irónico on, por se algún non se entera): en vez de ser tres ou catro tíos e unha tía, como parece que manda o canon de constitución de bandas de pop/rock en todo o mundo, eran tres tías e un tío (olé por esa contestación feminista!). Estes catro irmáns irlandeses empalagaron máis que unha napolitana rechea de chocolate, crema pasteleira e caramelo durante algúns anos e o seu imperio do azucre con aroma de vainilla aínda perdura. Como protexidos de Bono e algúns máis, Andrea Corr e os seus sacaron uns poucos discos e fixéronse respectar, a pesar de todos eses himnos á estulticia: Would You Be Happier?, So Young, Breathless, Summer Sunshine, Angel… Si, aínda me acordo dunhas cantas! Todas soaban igual e todas intentaban trasladarme a ese paraíso dos bos sentimentos que tanta repulsión me produce. En fin, foi unha época coma outra calquera e todas as froitas verdes rematan por madurar. E, por fortuna para a miña saúde mental, The Corrs forman parte do meu pasado e xa non canturreo na ducha intentando emular a voz tamén estomagante de Andrea Corr.


7.      Spice Girls


Unha das grandes iconas británicas... Admítoo. A súa reaparición hai un ano na cerimonia de clausura dos xogos olímpicos de Londres emocionoume. Foi coma un retroceso de 15 anos no tempo, de repente sentín ganas de facer unha voltereta para demostrar que podía ser tan caralluda coma a Mel C esta, a que ía de deportista e tía sá. En realidade, daban moito noxo, nin co numeriño dos minis deixaban de ser un grupo anódino e que nada tiña que aportar ao pop pero as Spice Girls (ou as “Espichaghrelos” como nos gustaba coñecelas dun xeito máis enxebre) forman parte do inventario de recordos daquel inmenso baúl dos confusos 90. A miña máis tenra infancia. Eu flipaba co “pelaso” de Mel B, a forma física de Mel C… E xa! Porque as outras tres nin cando era pequena me molaban. Non entendía por que Victoria (por aquel entón Adams e non Beckham) tiña sempre esa cara de desprezo polo resto da raza humana e non me inspiraba ningunha confianza. E tanto Geri como Emma resultaban demasiado barbies e artificiais para o meu gusto. Como as outras dúas ían de máis “gherrilleiras” pois eran as que me gustaban e as que me pedía sempre para imitar cando se poñía o cassette co Wannabe… Que tempos… Toda a parede empapelada cos caretos destas rapazas (co logo da defunta Super Pop na esquina do póster), veña fundir os aforros das pagas en merchandising (iso sí, nunca cheguei a ver a película)… Ai, “dior mío”! Canta tontería. Menos mal que xa pasou.


8.      Backstreet Boys


O equivalente masculino das Spice Girls. Unha boy band destas na que se supón que todos os tíos están buenorros e cantan con moitas florituras ao amor, a vida, a amizade e a diversión. E un montón de fans desesperadas por tocalos e que desexarían ter un fillo de cada un deles. Toneladas de indignidade feminina… Despois duns fructíferos anos 90, nos que deberon asegurarse a súa vida con creces antes dos 30 anos, no 2005 volveron cunha balada ben “peghañenta”…


9.      Britney Spears


Tampouco é que significara moito esta muller na miña vida pero póñoa na lista para que haxa 10, que sempre mola máis que poñer 9. Pilloume desprevenida o Baby, One More Time e, como naqueles anos aínda ía de tía adorable e virxinal e eu era un ser puro e inocente, gustoume. Pero xa entón na miña casa houbo unha dura campaña de desprestixio cara Britney Spears e fun fácil de convencer. Xa digo, non significou nada. Só mancillei unha cinta de 60 con ese infame e desprezable álbum de debut.


10.  Aqua


Os mestres do one hit wonder por excelencia. Pouco hai que dicir deste grupo danés, tan só a que para min é a estrofa máis brutal, demoledora e intensa da historia da música (e que resume a súa bagaxe neste mundiño)…

I’m a barbie girl
in a barbie world.
Life in plastic
is fantastic.

Para que logo lle chamen “música lixeira”… Que bodrio, polo amor de Deus! Creo que encabeza a lista de Rolling Stone das peores cancións da historia, con iso xa o digo todo. E coa vida de plástico (nin Edith Piaf, machiño) despídome por hoxe…


martes, 17 de setembro de 2013

"Medea", de Eurípides

Era cuestión de tempo. Tiña que honrar o meu pseudónimo dalgún xeito. Porque eu non son Medea por casualidade. É un nome que considero moi bonito, precioso, e que cumpre con todas as regras que eu considero case sagradas na antroponomástica: non máis de tres sílabas, dobre consonantismo oclusivo e sonoro, fácil pronuncia, perfectamente identificable ao oído… Hai unha eufonía neste nome que me apaixona pero esa non é a razón da miña escolla para firmar estas cousas que publico de cando en vez na rede. O verdadeiro motivo de que eu mesma me rebautizase con ese nome é un e só un: a miña obra literaria preferida, a Medea de Eurípides. Pois sí, hoxe falarei por fin da Medea de Eurípides. Repito, era cuestión de tempo, todo era moi obvio, nalgún momento ía compartir con quen queira que naufrague polo vasto océano de internet e veña dar con estas liñas a miña fascinación pola que, para min, é a gran heroína tráxica da literatura grega clásica.


Como estes primeiros parágrafos que me dispoño a confeccionar van conter información para profanos na materia, rogo a calquera que saiba un mínimo sobre esta obra que pase directamente ao miolo da cuestión (son moitas as cousas que vou comentar sobre Medea, moitas). A modo de breve contextualización para dummies, direi que a Medea de Eurípides é un drama tráxico cuxa primeira representación data das Grandes Dionisias do ano 431 a.C. O teatro nace na Atenas democrática como parte dos festexos cívico-relixiosos da cidade e xa na época do seu autor este feito estaba máis que consolidado. E, por suposto, Medea non é allea a esta circunstancia, pois foi representada neste evento do mesmo xeito que todas as obras anteriores, acompañada doutras dúas traxedias (compoñendo unha triloxía tráxica) e un drama satírico hoxe perdidos. A evolución do xénero tráxico acada cotas inimaxinables ata entón con Eurípides, o gran autor de traxedias do último tramo do século V a.C., quen introduce innovacións e modificacións antes impensables nas súas obras e configura dun xeito moito máis contemporáneo o mito a tratar na obra. Así mesmo, a caracterización dos seus personaxes é froito dun tratamento psicolóxico moito máis exhaustivo, pois afonda nas emocións, razóns e paixóns dos protagonistas dos mitos como ningún traxediógrafo o fixera antes, de aí que se adoite dicir que, se ben Sófocles presentaba aos seus heroes tráxicos como debían ser, Eurípides presentábaos como o que realmente eran. Os seus heroes e heroínas son máis humanos, redondos, figuras universais que transmiten valores e problemáticas universais, e Medea exemplifica todo isto á perfección. Grosso modo, poderiamos dicir que Medea é un dos maiores expoñentes dunha traxedia máis transgresora e revolucionaria da que Eurípides foi o gran abandeirado, algo que o converteu nun xenio incomprendido e rexeitado, case vilipendiado, na súa época, o cal non impediu que acadase o lugar que lle corresponde por xustiza no canon da literatura universal de todos os tempos. De feito, é un autor que gozou dunha maior sona conforme foron pasando os séculos e, actualmente, é o tráxico máis valorado e mellor conservado.

Que nos conta a Medea de Eurípides? (volvo derivar á xente máis docta no tema ao parágrafo que siga a este) Pois unha historia pouco amable, das que a min me gustan, unha historia sórdida, de vinganza e violencia, resolta no narrativo dun xeito brillante, unha historia desas que nin empezan co “érase unha vez” nin rematan co “foron felices e comeron perdices”. Tras superar con éxito mil vicisitudes e dificultades na súa empresa heroica, Xasón e Medea establécense en Corinto ao amparo do rei Creonte, onde levan unha vida en principio tranquila e crían aos seus dous fillos. Porén, os problemas non tardan en aparecer, posto que Creonte decide ofrecerlle a Xasón a man da súa filla Glauce, nunhas segundas nupcias que o ata ese momento fiel esposo de Medea non tarda en aceptar. A incertidume anubra o futuro de Medea, muller e estranxeira, quen se ve ameazada co abandono conxugal e o desterro, ademais de sentirse fondamente traizoada e aldraxada polo seu home. Ante esta difícil situación, Medea decide utilizar as súas habilidades máxicas (que no seu día tanto beneficiaran a Xasón na consecución dos seus obxectivos heroicos) en contra del, tomando a determinación de acabar coa vida de Glauce e Creonte mediante velenos e asasinando logo aos seus propios fillos, cortando de raíz a liñaxe de Xasón e calquera posibilidade de descendencia lexítima para este, un dos peores castigos que se lle podía infrinxir a un home na Grecia Antiga, moito peor que a propia morte.


Todo “mola” e moito. Temos un conflito familiar de extrema gravidade, medidas contundentes e desesperadas e un desenlace fatal. Pero Medea non se limita a isto. Que ninguén se leve a equívoco, non estamos ante a típica historia na que unha muller tola de celos e paixón por quen a abandona se vinga sen máis. Hai moito máis que isto, e unha vez que se ten a oportunidade de profundar un pouco máis tanto no contido como na forma desta obra, pódese comprobar que son moitos os motivos que moven a Medea cara a súa decisión final. Pero, para comprendelos un pouco mellor, vexamos algúns detalles desta obra.

A Medea de Eurípides dá comezo cun monólogo a cargo da ama (xa o feito de que o personaxe dunha muller non libre fora a que presentara o problema fundamental da trama debeu supoñer todo un revulsivo na súa época), un parlamento no que esta escrava se lamenta das circunstancias: a súa señora, Medea, está afundida ante a idea de que Xasón a deixe a prol dun matrimonio máis proveitoso e que lle outorgará un maior prestixio social, pois a súa prometida é filla dun rei e grega, non como Medea, que é unha feiticeira expatriada. Ningún pasado glorioso bota luz sobre un presente que se ve ignominioso, nada importan as vitorias dun tempo anterior, cando Medea se botou aos brazos de Xasón e contribuíu dun xeito decisivo aos seus logros, como foron a obtención do vélaro de ouro e a derrota dos seus inimigos, incluída a propia familia de Medea.

Como se pode ver, o sacrificio da heroína parece, nun principio, demasiado grande como para ser tomado á lixeira: unha princesa bárbara que rexeita a súa posición privilexiada no país da Cólquide para axudar ao forasteiro que pretende facerse cun dos bens máis prezados que se custodian na súa terra e que se une a el mediante uns pactos e uns xuramentos dos que son testemuñas os propios deuses. Polo tanto, non é que Medea estea entolecida por un amor incondicional, pode que estea realmente namorada pero non se trata só de amor. Ela axudou a Xasón, sen ela Xasón nunca tería conseguido ningún dos seus obxectivos e que el deixe de ter en conta iso, que esqueza todo o que Medea fixo por el e deixe de respectar eses acordos que selaron como iguais, resulta un agravante da traizón.

Medea non é unha heroína calquera, xa estamos empezando a comprobalo. Poderiamos dicir que sofre e con razón e a súa progresión emocional, da que dan conta os diferentes discursos que Eurípides pon na súa boca ao longo da obra, é excepcional. Durante toda a obra vemos a unha Medea decidida pero dubitativa, que oscila entre o odio máis acérrimo e a autocompaixón, que se debate entre o profundo amor que sente polos seus fillos e a necesidade de cumprir coa súa obrigación, pois debe contestar dun xeito apropiado e proporcionado ás ofensas de Xasón.


Ademáis, Medea é unha heroína reivindicativa. As intencións do autor respecto a isto están pouco claras, posto que é difícil saber se no contexto dunha sociedade patriarcal coma a grega, outorgarlle a Medea un rol preponderante nunha traxedia era un signo de protesta contra dos ditados desa sociedade ou era un contraexemplo que mostraba os perigos da toma de decisións importantes por parte dunha muller. Hai moitos estudosos que defenden que existía un compoñente propagandístico na traxedia e que os mitos eran empregados na mesma como un paradigma do que debía sustentar o réxime da Atenas democrática. É dicir, na traxedia habería educación cívica, relixiosa e social. Porén, na miña modesta opinión, considero que Eurípides, de seren certas estas hipóteses, se saltou todo isto un pouco “á torera”. Paréceme case imposible que un autor tan innovador coma este se cinguira ao que se esperaba do xénero tráxico en algo tan crucial e diferenciador como é o sentido que lle puido ter dado á trama e ás modificacións que el mesmo introduciu no mito orixinal. Pode que Eurípides non estivese de acordo coas reivindicacións da súa heroína pero seguro que se as puxo enriba da mesa para crear debate foi por algo e non precisamente para mostrar un apoio sen fisuras ao poder establecido e aos postulados desa sociedade patriarcal tan represiva co feminino.

A batalla de Medea contra os elementos adquire por momentos tintes de loita social (ben o demostra o excelente parlamento dos versos 214-266): reclama un mellor trato como muller, como estranxeira e como nai e rexeita todas as inxustizas que padece por pertencer a estes colectivos. Non é casualidade que Medea se convertera nos últimos tempos nunha icona da loita feminista, pois hai moitísimo simbolismo na súa conduta, nas súas palabras e incluso no motivo do infanticidio. Ao lector contemporáneo pode resultarlle bastante pouco doado facer unha lectura, non digo en clave positiva, pero si rexeitando o cariz negativo, deste último motivo que veño de citar, o infanticidio. A polisemia simbólica deste feito dá pé a múltiples interpretacións e creo que algunhas delas non son nada desatinadas, sobre todo aquelas que defenden que con este xesto Medea non só se vinga de Xasón senón que reclama para ela o dereito a decidir sobre a súa descendencia, algo que na Antiga Grecia se lle reservaba única e exclusivamente ao home, de aí teorías tan absurdas coma a teoría embriolóxica, segundo a cal a semente en orixe pura contida no organismo do home estaba tan deturpada que necesitaba dun “recipiente”, ou sexa, a muller, para medrar e reproducirse. Polo tanto, os fillos nunca eran dunha muller, sempre se consideraron posesión do home e a este lle correspondía tomar as decisións pertinentes. Á vista destas consideracións, que Medea ouse decidir se mata ou non aos seus fillos tivo que provocar unha auténtica conmoción no auditorio e non tanto polo horrible que nos poida parecer que unha nai decida acabar coa vida dos seus fillos senón polo feito de que se atreva a facer uso dunha prerrogativa que lle correspondía só ao sexo masculino, a de decidir sobre a vida dos seus fillos. En conclusión, Medea dalgún xeito reivindícase como nai, reclama matando á súa prole unha serie de dereitos que deberían serlle recoñecidos ao ser ela quen pariu e padeceu por traer ao mundo aos seus fillos.

Medea parécese moito a unha muller de agora, a unha muller consciente de que a súa feminidade sempre apareceu nun segundo plano e sempre un paso por detrás do seu semellante masculino. Pero a quen máis se parece Medea é a un heroe homérico. Son moitos os que establecen un paralelismo entre a caracterización dos heroes que aparecen na Ilíada e a Odisea de Homero e a Medea de Eurípides. Especialmente cos heroes da Ilíada, pois sempre se considerou que este poema épico ten máis elementos tráxicos que a Odisea, máis parecida a unha novela moderna de aventuras. E cales son os nexos de unión entre Medea e, por exemplo, Aquiles ou Áyax? O seu fondo sentido do honor, a súa fidelidade aos pactos e aos acordos (fidelidade que se viu traizoada por Xasón), a súa obsesión por non ser obxecto de burla dos seus inimigos, é dura cos seus opoñentes e benévola cos seus amigos… Pero, por encima de todo, Medea é consciente ao igual que estes heroes de que ten un deber heroico ao que dar cumprimento, un deber que ten que materializar aínda a costa daquilo que máis lle importa, tanto ten por encima de que haxa que pasar, debe facerse. No caso de Medea, o ben a sacrificar a prol do cumprimento deste deber son os seus fillos e, a pesar das dúbidas (que tamén forman parte da caracterización do heroe homérico), leva a cabo a súa empresa.


Nótese que durante toda a redacción obviei o que para moitos é o detalle fundamental sobre a caracterización deste magnífico personaxe, máis que nada porque non considero que sexa certo que Medea é unha tola e unha desequilibrada que se deixa levar polos seus instintos máis baixos e polas paixóns máis desenfreadas. De feito, como xa expuxen previamente non creo que o namoramento sexa o motivo fundamental que desencadea o conflito tráxico, non digo que Medea non lle quixera a Xasón pero hai moitas máis circunstancias en xogo. É por iso polo que me nego en rotundo a darlle unha lectura meramente psicolóxica e psicoanalítica aos actos de Medea, porque creo firmemente que nun personaxe tan redondo entran en xogo todas as circunstancias que veño de mencionar e que non todo se reduce á dicotomía entre a tolemia e o equilibrio mental. De feito, creo que Medea é un personaxe perfectamente equilibrado, que razoa os inconvenientes e as vantaxes de todo canto lle pasa pola cabeza e de todas as medidas e solucións que baralla aos seus problemas, vamos, paréceme absolutamente falaz que non se recoñeza isto despois de ler o texto e de prestar unha especial atención aos parlamentos da protagonista. Pero ese adoita ser o problema cando o personaxe se interpreta dende unha óptica moralista actual.

Moi ben, e despois de que Medea se apoderara omnipresentemente desta extensa publicación, algúns dirán… E que pasa con Xasón? Non se supón que el era un heroe, logo maldito por xuntarse con quen se xuntou? Non era el o valeroso líder da expedición dos Argonautas? Aquel que debía reclamar para si os seus dereitos sobre o trono de Iolco? Hai manifestacións literarias a rabiar sobre o mito dos Argonautas e, en particular, sobre o episodio de Xasón e Medea polo que a visión pode ser distinta, pero, polo menos na obra de Eurípides, Xasón é un “ninghién”. É un personaxe absolutamente anódino, a súa caracterización resulta ata ridícula e non posúe as habilidades retóricas que, en cambio, si ten Medea. Os seus argumentos son baleiros e o seu poder de convicción máis ben escaso. Ademáis, sempre se arrima ao sol que máis quenta. É un arribista, literalmente, a súa única aspiración é o poder e todo o prestixio que leva parello. Son moitos os que din, á vista de como aparece na Medea de Eurípides, que Xasón constitúe o prototipo de heroe banalizado, ensombrecido e eclipsado por un personaxe aparentemente secundario e axudante, neste caso, Medea.

Boeno, xa para ir rematando, vou tratar de conducir cara a algún sitio toda esta información e vou intentar animar a quen non o fixera a ler a Medea de Eurípides. Creo que, como moito, non levará máis dunha hora facer unha primeira aproximación a este espléndido drama, para logo botarlle un segundo, terceiro, cuarto e ata quinto repaso. Os que fagan falta. Son moitos os detalles a descubrir e, digo máis, se se ten unha mínima noción de grego clásico non só é recomendable senón imprescindible, achegarse e deterse minuciosamente no léxico empregado, naqueles termos que tantas dificultades e desesperación provocaron a algúns tradutores e que tanto influíron na percepción que se pode ter da obra e do personaxe principal. Se se coñece a lingua de orixe o disfrute desta obra xa será superlativo. Pero é que, ademáis, esta historia é tan brutal, tan extraordinaria… Hai tanto que descubrir nestes personaxes, tanto que dicir sobre eles… É imposible que deixe indiferente a ninguén esta Medea que, ante o infortunio, decide tomar as rendas do seu destino. Imposible. Hai tantos matices, como ben se puido ver, é un personaxe tan ben perfilado, sobre o que correron longos ríos de tinta, que resulta improbable non amala ou odiala.


A Medea de Eurípides, ao ser unha obra tan antiga non ten dereitos de autor nin movidas destas, non vai vir o home do saco da SGAE a secuestrarvos se vola descargades de internet e podedes atopar unha tradución en case calquera sitio con só pedirllo a San Google. Porén, si hai algunhas traducións que me gustaría recomendar, porque creo que son algo mellores e que se aproximan moito mellor ás peculiaridades da lingua orixinal, como son as de Francisco Rodríguez Adrados (unha eminencia no campo da filoloxía e da cultura clásica que con case 100 anos ou os que teña, ten moitos, aínda ten corda para rato), de Alma Mater (1995) ou a de Juan Antonio López Férez, contida no primeiro volume recompilador das traxedias de Eurípides, de Cátedra (1985). E se alguén, por coñecementos ou simplemente por pura curiosidade, se anima a botarlle un ollo ao texto grego, na rede pódese atopar con facilidade unha boa edición, a de Kovacs, no Perseus Digital Library (http://www.perseus.tufts.edu/hopper/), un catálogo de textos de Grecia e Roma no que esta todo, séculos e séculos de literatura clásica. 

Vou ir abrindo boca cunha pseudotradución ao galego dos versos 230-266…

De todo canto ten vida e pensamento, 
as mulleres somos a criatura máis desgraciada.   
Pois, primeiramente, é necesario que compremos un esposo cun
excesivo gasto de diñeiro, e conseguir un dono  
do noso corpo. Pois esta é unha desgraza aínda máis dolorosa.   
E o meirande certame consiste en conseguilo malo      
ou bo: pois as separacións non dan boa fama
ás mulleres, nin lles é posible repudiar ao esposo.
Cando unha chega a novos costumes e leis
é necesario que sexa adiviña, sen telo aprendido na casa,  
de cal será o mellor modo de tratar ao seu compañeiro de leito.         
E se o noso esforzo nisto sae ben    
e o esposo convive con nós sen poñernos o xugo pola forza,         
a nosa sorte é envexable. Se non é así, mellor morrer. 
En cambio un home, cando se farta de convivir cos de dentro,      
indo fóra, calma o desgusto do seu corazón.
[indo á casa dun amigo ou dun da súa idade]:             
Pero para nosoutras é necesario mirar cara unha única persoa.
E din que nosoutras levamos unha vida carente de perigo  
nas nosas casas mentres eles combaten coa lanza, 
mais razoan torpemente: que tres veces preferiría eu     
permanecer onda o escudo que parir unha soa vez.
Mais o mesmo argumento non vale para ti e para min: 
ti tes aquí a cidade e a casa de teu pai,    
a comodidade da túa vida e a compañía dos teus amigos,
pero eu, estando soa e sen cidade, sufro as inxurias  
do meu esposo, collida como botín dunha terra bárbara,   
sen nai, nin irmán nin parente
ao que ir ancorar arredándome da miña desdicha.      
En efecto, todo canto quero conseguir de ti é que,       
se eu descubro algunha vía ou recurso,  
para que o meu esposo pague o castigo por estas desgrazas        
[e quen lle deu á filla que casou con el]           
a calar. Pois unha muller adoita estar chea de medo  
e é covarde para contemplar a pelexa e o ferro:                
pero cando resulta inxuriada no referente ao seu leito,      
non hai outro espírito máis sanguinario.

            Lede esta obra, é sinxelamente maxistral!