xoves, 26 de decembro de 2013

Contos de Nadal (III): Empachos de cine estacional...

    

            Antes de nada, quero aclarar unha cousa que pode que non resulte moi evidente despois de dúas publicacións que intentaban ser un pouco incendiarias. Eu non odio o Nadal. Se tivese tantos cartos coma Hugh Grant non os gastaría en pasar estas datas en Marrocos fuxindo do vórtice propio das mesmas. Non encontro nada especialmente sádico en que me bombardeen con panxoliñas que son materia fecal ou anuncios grotescos e absurdos, simplemente son formas de expresión cultural que non acho especialmente agradables pero ante os que estou profundamente anestesiada (como habitante deste confuso primeiro mundo que son), salvo breves momentos de lucidez e reacción coma os que xa se viron aquí. Pese a todo isto, o Nadal non é unha época ou festa que me desguste, sempre está ben ter un par de escusas ao ano para disfrutar coa familia e os amigos, ao final é o único que se pode ver como realmente valioso nestas datas.

            Despois deste momento de humanización (e sensiblería) deste contraditorio personaxe que me creei para firmar as miñas “creacións”, vou directamente ao miolo da cuestión. Sen vaselina nin ningún tipo de lubricante e a pelo: hoxe falamos de… CINE DE NADAL!!!


            As panxoliñas e os anuncios non foron máis que o preludio, pois agora si que topamos coa pedra angular do horror tan estrafalariamente hortera destas festas. É ben sabido que esta é unha época inzada de festivos e días non lectivos, idóneos para non facer nada, resgardarse do frío baixo unha manta, estomballarse no sofá e poñer a tele confiando en que o azar nos obsequie con algún clásico contemporáneo realmente entretido que nos faga menos pesada a dixestión do banquete que unha caritativa alma maternal preparou para vinte cando en realidade só eramos sete. É moi amplo o abano de longametraxes admitidas neste contexto: Regreso ao futuro, Cando Harry atopou a Sally, O Señor dos Aneis, Sorrisos e Bágoas, Bailando con Lobos, Indiana Jones, E.T., calquera película de Disney que non sexa A cincenta… En fin, hai moitas, os requisitos indispensables para emitilas son que ocupen gran parte da franxa horaria vespertina e que o seu argumento non requira un esforzo intelectual sobrehumano por parte do espectador.

            Se o fatum nos favorece e nos atopamos con calquera destes documentos que si nos poden facer máis amenas as vacacións, todo marcha ben. Pero se pola contra, o que fan as canles de televisión é programar cine feito ad hoc para estas datas, a cousa xa se complica. É raro que o cine de Nadal non caia, ao igual que as cancións e a publicidade, nos tópicos e no abismo kitsch (tamén veremos excepcións, non todo vai ser dar medo) e xa vou obviar os telefilmes de Antena 3, que iso xa é un xénero aparte que non merecería nin que o citase. Premisas amables, ambientes familiares, conflitos que se resolven felizmente, apelación aos sentimentos… Todo iso está nas “obras magnas” do cine de Nadal que se verán a continuación.

         Xa vou deixar nun aparte, nunha infame e vil cuneta, películas do estilo do Grinch, Polar ExpressElf ou Vaia Santa Claus! (coas súas pertinentes e noxentas secuelas, con busca de noiva para o gordo do ho, ho, ho incluída), xa partimos da base de que nada que se nos presente baixo esas denominacións ou similares pode ser bo. Guións idiotas e historias estúpidas que buscan o seu oco dentro do vasto océano do mal chamado cine familiar. Xa está.

            Porén, non é posible comezar a falar do cine de Nadal sen os seus antecedentes hoxe elevados á categoría de clásicos. Frank Capra corouse como un dos precursores deste subxénero cinematográfico cando aló polo 1946 se estreou Que belo é vivir, manual de referencia para todo o que viría a posteriori (incluídos os telefilmes de Antena 3 nos que antes me cagaba, algún estarán botando deste estilo mentres escribo isto). Ton de fábula para contarnos unha historia moi edulcorada non apta para diabéticos, na que un home afogado polas vicisitudes dunha vida que ve cruel opta pola vía do suicidio para logo redimirse no contexto das festas do Nadal (anxiños da garda que buscan gañar as súas ás incluídos), descubrindo o lado bo dunha vida que antes desprezaba. Que bonito. Para chorar ou pegarte un tiro. Punto. É raro que a 2 non a vaia botar este ano (tamén).


            A filosofía Dickensiana moito dano fixo neste sentido, semella que só se pode ser boa xente no Nadal, o resto do ano tanto ten que sexas peor ca Satanás. O Nadal é puro sentimentalismo argumental e iso tamén se ve noutras mostras de cine familiar máis contemporáneas…


            O argumento de Só na casa (titulada Mi pobre angelito nos países latinoamericanos) xogaba co gran temor ou coa gran ilusión de todos os nenos do mundo occidental capitalista (dependendo do cafres que fosen): quedar sos na casa sen ter que aguantar as berras de seus pais, os abusos de irmáns maiores con cerebros de tubérculo e as manías dalgún tío incapaz de ter vida propia sen chucharlle o sangue a algún irmán excesivamente xeneroso. En realidade, o modelo familiar que se nos propoñía nesta película de Chris Columbus do ano 1990 é o suficientemente interesante como para que nos paremos a analizalo un pouco. Son unha familia numerosa, pois os McCallister teñen unha recua de fillos, e, por se isto fora pouco, o irmán de papá McCallister vive con eles xunto coa súa muller e outra prole nada escasa. Pero, lonxe de vérense sobrepasados polas circunstancias de ter que compartir teito, gastos e todo o demais con tantísisma xente, teñen un tren de vida do máis acomodado e poden permitirse ir a París de vacacións de Nadal e a Florida na secuela deste filme. Canto menos, raro. Pero boeno, o caso é que o pobriño de Kevin McCallister (Macaulay Culkin), un neno bastante espelido para a súa idade, acaba ata os mesmísimos da panda de tolos e desequilibrados que lle tocou en familia (porque, a verdade, normais tampouco eran) e consegue que o seu desexo de quedar só na casa se faga realidade, cando toda a súa familia colle un avión ata París deixándoo esquecido en Chicago. Nun principio, o neno flipa coa adquisición da súa anhelada liberdade pero logo xorden algúns problemas, concretamente, dous: un par de cacos algo patosos cuxo liderado recae en Joe Pesci dispostos a fastidiarlle a Kevin a súa idílica existencia pero non sen que este lles plante cara recorrendo ao seu enxeño. Atmosfera de Nadal, algo de humor primitivo estilo Vídeos de primera, un pouco de carisma infantil a cargo dun Macaulay Culkin que aínda non era quen de sospeitar que a caída sería máis grande que o seu meteórico ascenso e un toque final de moralina para aleccionar aos nenos a que non desexen determinadas cousas que poden chegar a cumprirse…


           Como xa se adiantou, Só na casa coñeceu unha secuela (canónica, todas as que viñeron detrás son espúreas) que tamén foi todo un éxito e que contribuíu decisivamente a engrosar a lista de pequenas celebridades caídas en desgraza e que logo serían asiduas de Neverland e outros templos do bizarrismo: Só na casa: perdido en Nova Iorque. Desta volta, Kevin volvía quedar abandonado pola súa neglixente familia (en serio, unha vez pase, pero dúas!!!), mais esta vez a confusión non o deixaba á súa sorte na casa, senón que o metía nun avión cara a cidade dos rañaceos mentres a súa familia voaba a Florida. Adiviñen en que tempo litúrxico acontecía isto…


            Iso si, a decoración de Nadal dos McCallister é un auténtico soño (ou pesadelo). Vaia palloza e que grilandas! Parece Harrods!


           Hai unha lei non escrita no mundiño de Hollywood que di que todos os mangallóns que habitualmente reparten estopa a esgalla en subprodutos de acción de rápido consumo e pouca mollera deben aceptar nalgún momento da súa carreira un proxecto que os alonxe dos estereotipos que eles mesmos se forxaron no xénero e que dulcifique un pouco a súa imaxe. E  que mellor que facelo nunha película con nenos? Agarden! Imos redondear a xogada, que o fagan con nenos EN NADAL!!! Taquillazo asegurado e bodrio garantizado. Pois ben, antes de ser gobernador de California, o austríaco máis internacional, Arnold Schwarzenegger (unhas cinco clases de alemán para pronuncialo correctamente), embarcouse nunha empresa máis complicada: conseguir o xoguete de moda para o seu fillo (Jake Lloyd antes de ser Anakin Skywalker) en Un pai en apuros, oda á estulticia perpetrada por un tal Brian Levant en 1996. Pai desatento co seu fillo que busca corrixir este importante defecto… pasando máis tempo co seu poliño, xogando ao béisbol (metáfora por excelencia do amor paterno-filial no cine familiar americano) e axudándolle a facer os deberes? Efectivamente, NON! Pretende deixalo correr mentres merca o cariño do seu fillo con xoguetes ultrademandados co gallo das festas do Nadal e, para a súa desgracia, esgotados en todas as tendas. A carreira de Arnie por conseguir o cobizado Turboman remata cunha mensaxe sentimentaloide, por suposto: despois de pasar uns 90 minutos humillantes, a carreiras entre unha xoguetería e outra e chanchullando todo o posible para agasallar ao seu raparigo (cun nulo sentido do ridículo) Schwarzenegger por fin cae na conta de que os bens materiais non son o máis importante e comprende que debe pasar máis tempo co seu fillo antes de que chegue á puberdade e o teña por un carca. En fin, de novo, polo Nadal todos somos bos e xenerosos, mesmo co capitalismo sempre axexando…


           O certo é que Un pai en Apuros debería considerarse cine social, hai un enorme pouso de realidade nesta película, pois todos os pais do mundo occidental acaban idiotas polo Nadal buscando os regalos de seus fillos e permitindo que a publicidade e o capital lles sorban o siso. Síntoo pero eu son máis de Poli de gardería...

        Sempre que me sinto pesimista por como está o mundo penso na porta de chegadas do aeroporto de Heathrow. A opinión xeral dá a entender que vivimos nun mundo de odio e egoísmo, pero eu non o entendo así. A min paréceme que o amor está en todas partes. A miúdo, non é especialmente decoroso nin ten interese xornalístico, pero sempre está aí. Pais e fillos, nais e fillas, maridos e esposas, noivos, noivas, vellos amigos... Cando os avións se estrelaron contra as Torres Xemelgas que eu saiba ningunha das chamadas telefónicas dos que estaban a bordo foi de odio ou vinganza; todas foron mensaxes de amor. Se o buscades, teño a estraña sensación de que descubriredes que o amor en realidade está en todas partes.


            Así comeza unha das grandes estrelas desta escolma de filmes de Nadal… Con Hugh Grant metido no papel máis improbable de toda a súa carreira (primeiro ministro do Reino Unido) e recitando estas verbas bañadas cun chorrazo de crema pasteleira mentres vemos imaxes de xente requetefeliz abrazándose e bicándose nun aeroporto. Así comeza Love Actually, clásico contemporáneo do cine de Nadal e da comedia romántica firmado por Richard Curtis (noutrora, guionista máis ou menos enxeñoso) no ano 2003. A premisa tampouco sería tan mala se estivese ben executada, que non é o caso: varias historias paralelas nas que o espectador entra a ver como o amor en todas as súas formas inflúe decisivamente nas relacións que se establecen entre os seus respectivos protagonistas, cun repertorio moi variopinto de sexos, razas, clases sociais e ocupacións laborais. Reparto de luxo (Hugh Grant, Emma Thompson, Colin Firth, Alan Rickman, Liam Neeson, Laura Linney, Keira Knightley, o prota de The Walking Dead…), refinamento british, sentimentos, Nadal, amor e bla, bla, bla. Ideal para ver un domingo á tarde, cumpre a súa función de desfrute efémero á perfección e non lle pidamos máis porque non dá máis de si. Con todo, o seu plantexamento tan coral supuxo unha pequena revolución no xénero da comedia amable e romantiqueira, xa que logo reproducirían este mesmo esquema pezas moi esquecibles como Noite de fin de ano ou Historias de San Valentín.


            Hai verdadeiros traumas da era VHS que me custa moito lembrar...


       Non quería pero esta publicación estaría moi coxa se non se incluíra algunha peza de debuxos animados. A poder ser, do universo cutre Disney. Seguramente moitos nenos grandes coma min dunha extracción xeneracional determinada lembren aquela ondada de segundas partes dos clásicos Disney feitas directamente para a súa distribución comercial en vídeo coas que este célebre estudo de animación nos traumatizou ao mesmo tempo que se cargou a esencia das películas orixinais. Ben, pois unha desas segundas partes que oxalá tivese esquecido era A Bela e a Besta 2: Un Nadal Encantado. Sí, podería ter posto unha de Pocoyó ou cinguirme á selección tan abominable de cine infantil de Nadal feita polo Furibundo Espectador hai un par de anos e todo tería sido menos doloroso pero non, o meu lado masoquista invítame a revisar este truño consumido por unha servidora na súa tenra infancia. Unha Bela secuestrada pola Besta e que adoecía xa dunha severa síndrome de Estocolmo decide que o Nadal é a época idónea para abrandarlle o corazón a un príncipe despótico e egoísta convertido en monstro, mais deberá facerlle fronte a un órgano con moi mala hostia que pretende arruinar o Nadal. Os desenlaces made in Disney xa se sabe como son, non creo que faga falta engadir nada máis. As cancións son verdadeiramente horripilantes e van dende a panxoliña pura e dura a unha cuña do Ministerio de Cultura polo día do libro…


        Pero (e xa para rematar) non todo se reduce a este paradigma cochambroso e nauseabundo, pois tamén hai cine de Nadal moi válido e de calidade. Sei que tamén pode resultar un pouco tópico poñer dous exemplos moi ligados á figura de Tim Burton, director moi afeito a deixar a súa característica pegada barroca en cada proxecto que toca e que ou gusta moito ou non gusta en absoluto, pero creo que o visionado destas dúas películas é moi recomendable para estas datas: Pesadelo antes de Nadal...


           ...e Eduardo Manstesoiras.


            E con estas dúas xoias que dignifican a cultura cinematográfica do Nadal despídome… Ata que Lars Von Trier se anime a reinventar o xénero (de momento, xa adiantou choio estreando Nymphomaniac o día de Nadal)! 

mércores, 18 de decembro de 2013

Contos de Nadal (II): "Marketing" intelixente?


O prometido é débeda e, aínda que son moi consciente de as segundas partes non adoitan ser boas, intentarei asemellarme ás excepcións e facer O Imperio Contraataca e non o En Terra Perigosa 2 dos posts de Nadal… Boeno, creo que me pasei coa comparación, no caso de Steven Seagal, nin as primeiras partes teñen un pase. Pero non deixemos que un “manghallón” agora lixeiramente fondón nos despiste, pois veño a falar doutra das cousas que máis me arrepían do Nadal. Non sabería dicir se é un fenómeno igualmente aborrecible que as panxoliñas do novo milenio ou se, directamente, é peor. Produce calafríos, iso si, mais é parte natural desta festa, xa que o consumo non se incrementa sen unha inxente cantidade de incentivos. E con incentivos non me refiro a subidas de soldo nin nada que se lle pareza, iso son trapalladas que o rojerío deste país ousa reclamar! Non, os capitalistas de ben prefiren inspirarse en Goebbels, que xustiza social nin que farrapos de gaitas! Pois iso, ningunha cacharrada fútil se vende sen salvaxes campañas publicitarias que apelen aos instintos máis básicos da nosa psique e, como elas tamén teñen a súa sensibilidade, no Nadal adquiren unha forma (terrorificamente) amable, cordial e encantadora… En fin, vamos coa selecta dos maiores crimes publicitarios da historia do Nadal contemporáneo.

Se a iconografía que rodea ás panxoliñas pop xa era fodida de carallo, a dos anuncios de Nadal non ten nada que envexarlle… É máis, ás veces xorde un contubernio entre ambas disciplinas, a ¿música? e a publicidade, de moi difícil dixestión. Todo vale en publicidade e, dado que esta (gran) cabrona é un pouco ácrata, é posible ver de todo, calquera extravagancia ou ridiculez é válida como reclamo ao dispendio estacional. Xa veredes que non minto…

                 
A primeira póla a examinar desta enorme árbore que é a publicidade de Nadal é a dos anuncios de xoguetes. Se hai un invento cursi, insultante, ñoño e pusilánime neste mundo ese son os anuncios de xoguetes. Segundo os seus artífices, están dirixidos ao público infantil, o cal vén xustificar que se empregue unha linguaxe dulcificada, candorosa e máis ben estúpida. Nunca veremos un anuncio de xoguetes (nin ningún programa infantil agás o Xabarín Club) que non se dirixa aos nenos tratándoos como imbéciles. É unha realidade da que parece que aínda non temos plena consciencia, pensamos que os cativos son parvos e, francamente, creo que non é certo, sácannos bastantes puntos en intelixencia aos adultos. Porén, ningún neno quere atoparse a mañá do 25 ou do 6 (ou ambas mañás, depende do nivel de despilfarro que estean dispostos a asumir proxenitores de todo o mundo) co temido carbón ou os aínda máis humillantes calcetíns, co que a malvada industria xogueteira pon en marcha toda a maquinaria precisa para captar a atención dos raparigos. E faino cara xogos ou artefactos pedagóxicos que poidan ensinarlles algo de forma lúdica e amena aproveitando que é unha época no ano na que se venden moitos xoguetes? Efectivamente, NON, é mellor mostrarlle aos nenos unha ringleira de tópicos sexistas, condutas violentas, valores obsoletos e contidos baleiros! Onde vai parar! E contados polo “señor que caeu na marmita das anfetaminas” ou pola “señora encantadora que primeiro enuncia o que vai anunciar e logo cántao”, depende do sexo dos rapaces, segundo Luis Piedrahita. As nenas á cociña coas súas bonecas saídas do mundo dos unicornios rosas... 


            ...e os nenos a repartir hostias! Como ten que ser! 


Por certo, modo irónico on, por se algún aínda non se entera…

Por suposto, non hai Nadal sen anuncios de perfumes. Barateiros ou de luxo, tanto ten! Despois dunha ausencia de meses, as fragrancias máis empalagosas fan o seu habitual desfile polas pantallas domésticas de todo o país. Aquí si que hai un repertorio variopinto e para todos os gustos. E debo admitir que este subxénero publicitario me produce sentimentos encontrados: a maioría destes spots son breves cuñas nas que impera a temática absurda e non hai máis que fortes insinuacións sexuais (porque é o que teñen os perfumes caros, que os pos e fodes coma un coello, si) acompañadas das estrelas do cine, da moda ou da música máis rutilantes do momento e cunha banda sonora  máis ou menos suxerente en función do guarra e obscenamente que se queira transmitir a mensaxe “regala esta colonia!” Con todo, nesta parcela publicitaria puiden notar que era posible amosar un mínimo de talento. Por suposto, niso inflúe (e moito) que grandes realizadores se animaran a darnos unha interpretación novedosa dun proceso de comunicación tan básico pero tan eficaz como é a publicidade. Martin Scorsese, Jean-Pierre Jeunet, Baz Luhrmann, Joe Wright (todos eles para Chanel) ou Wong Kar-Wai (para Dior) son algúns dos nomes recoñecidos que se embarcaron nestes mini-proxectos para os que non todos valen. Porén, estas leves bafaradas de aire fresco para a publicidade non me anubraron o siso! Pois hai propagandas moi infumables, véxanse as colonias de Antonio Banderas e outras celebridades que deciden sacar aromas anódinos con firma, ou esta, de Adolfo Dominguez, narrada a modo de trailer e protagonizada polo reclamo máis pobre, inexpresivo e menos efectivo de alén dos Ancares: Eduardo Noriega.


Despois hai outras campañas coma a de Lady Million, un perfume de Paco Rabanne, que me dan verdadeiro noxo por vender unha imaxe da muller como un ser frívolo, caprichoso e materialista. En certo sentido, case todos os anuncios de colonias pecan diso, pero neste é especialmente heavy, para o meu gusto.


E, para rematar a tríada de anuncios de colonias estomagantes, completo esta especie de podium cun clásico agora extinto pero que todos lembraredes: busco a Jacq’s…


O colmo da pornografía publicitaria e da degradación da imaxe feminina nestes anuncios…

Pero non me demoro máis, que sei que xa se están empezando a botar de menos certas palabras clave como “burbullas” e “calvo”. Si, señores, ao final todo é unha escusa para poder analizar cunha mediana profundidade dúas campañas publicitarias que xa son un xénero en si mesmo para todos os públicos que posúen un DNI do estado español e que forman parte da paisaxe, iconografía e tradición do Nadal cañí.

Aquel que di ser o cava catalán máis vendido do mundo, Freixenet, leva anos e anos facéndonos vomitar purpurina recorrendo a todo tipo de estratexias de marketing que agora xa comezan a quedar un pouquiño anquilosadas, como o personaxe do raparigo con boina sostendo a botella de cava ou as burbullas-bailarinas-barbies-animadoras-cabareteiras “ghritonas” que parecen saídas dun casino de Las Vegas e que calquera día se lles parten as meixelas de tanto sorrir forzadamente. Por estes spots si que pasou todo tipo de xente, vese que a marxe de beneficios permitía botar man do talonario coma quen gasta uns céntimos en “chuminadas”: estrelas internacionais (Meg Ryan, Paul Newman, Anthony Quinn, Shakira, Kim Basinger…), estrelas patrias (Paz Vega, Penélope Cruz, Maribel Verdú, Alejandro Sanz, Montserrat Caballé…) e parellas de “famoseo” moi improbables e de química nula (Sharon Stone e Antonio Banderas, Norma Duval e Don Johnson, Nieves Álvarez e Pierce Brosnan ou Demi Moore con… Gabino Diego!). É difícil quedarse cun só anuncio, todos son especialmente repugnantes e desprenden un nauseabundo cheiro a hiperbólica ledicia estacional con fins comerciais… A modo de exemplo, poñerei este que celebraba a alegría de mudar completamente os díxitos do ano novo por ser especialmente coral (anticipando atentados publicitarios futuros que veremos a continuación) e repulsivo e porque algún galego pasaba por aí…


Os anuncios de Freixenet son parte importante da nosa historia publicitaria recente pero eu creo sinceramente que a raíña nai dos anuncios de Nadal é…


Efectivamente, o mesmísimo “Calvo da lotería”! Con este pouco amable alcume, o actor británico Clive Arrindell converteuse nunha verdadeira celebridade en España entre os anos 1997 e 2005 ao ser a imaxe da Lotería de Nadal. Un personaxe que chegou a eclipsar e devorar ao produto que trataba de vender, razón que supuxo o seu despido fulminante, coa desaprobación de millóns de españois que xa lle colleran máis cariño que a Naranjito ou Curro, e a súa substitución por cousas como… ISTO:


A ver, non vou exercer aquí de avogada do demo pero, como nena que se criou coa figura de Arrindell soprando ao aire os números da sorte, non entendo que neste país se renegue das grandes iconas realmente carismáticas. O “Calvo da lotería” é, para min, unha das creacións máis gloriosas da publicidade: un personaxe silente e moi recoñecible, rodeado dunha aura de misterio pero que se ve entrañable, acompañado dunha imaxe en branco e negro e dunha música que lle van ao pelo (jo, que mala hostia caéndome ben o fulano, non?)… Gracias ao seu protagonismo absoluto, non resulta un bodrio de anuncio: nin é empalagoso, nin é ofensivo, nin é ridículo, consegue manter unha dignidade publicitaria moi notable e moi difícil, dado que non deixa de ser un anuncio de Nadal. Por iso non entendo que os “oompa-loompas” que se deben encargar agora dos anuncios da lotería consideraran que era mellor idea xuntar nunha mesma campaña un quinteto desta calaña: a estirada e narcisista Marta Sánchez, Niña Pastori-“Transformer Falete”, Bustamante na súa forma máis anódina e prefabricada, Montserrat Caballé convertida nun híbrido entre a “tola dos gatos” e Jack Nicholson en O Resplandor, e Raphael “Mandíbula de ouro”… De verdade que o esperpento que saíu da mente perturbada que ideou semellante atrocidade non puido ser peor: o ambiente ultra-happy que che dá ganas de converterte no Grinch e arruinar o Nadal de todoquisque, a reconversión cutre en panxoliña de Always On My Mind, de Elvis Presley; a muleta invisible da Caballé, as caras de orgasmo finxido do público e, sobre todo, o remate final de Raphael con ese xa célebre na, na, na, na, naaaaaa, na, na, naaaaaaaa… En serio lles estraña que a repulsión que nos produciu este anuncio acabara sendo viral na era da comunicación inmediata? En serio pensaban que lle ía gustar a alguén? En serio crían que iamos esquecer ao “Calvo” tan facilmente???

A día de hoxe seguimos reivindicando ao “Calvo” mentres tratamos de sobrelevar a tortura á que neste 2013 nos someteron os publicistas contratados por Loterías y Apuestas del Estado con algunha parodia moi apropiada…


Xa para rematar, debo compartir unha última decepción. Supoño que moitos recordarán esta campaña publicitaria que parecía inaugurar unha nova tendencia nos anuncios de Nadal…


Nin decoracións rococó, nin alusións a todos os tópicos característicos destas datas, nin sobreactuacións. Só un recordo a un dos grandes mestres do humor español que, por outro lado, alegrou moitos e moitos Nadales conseguindo mofarse ata das situacións máis extremas. Boeno, pois a mesma marca de embutidos que nos trouxera tan esperanzador anuncio non tardou en distorsionar e reinterpretar o concepto e vai e fai, para este ano 2013, isto…


Acabáramos! O orgullo de ser español! A ledicia de posuír unha idiosincrasia tan xenialmente particular! Que máis dá que nos afoguen no lodo cada día con políticas cada vez máis inxustas se podemos estar na taberna ata as 5 da mañá! Que máis ten que non teñamos traballo, que nos recorten ata a dignidade e que acaben con todo o que conseguimos con tanto esforzo se temos “os abrazos, os Brincos e o sentido do humor”! Mensaxes perniciosas moi pouco desexables tanto sexa Nadal ou Entroido pero, sobre todo, moi inapropiadas tendo en conta o verdadeiro drama que estamos a vivir coa pantasma da crise. Supoño que era bastante evidente que, coa cantidade de xente que ten que facer a maleta obrigatoriamente para buscar un futuro noutros países, nos ían tocar demasiado a fibra sensible e para mal. En realidade, este anuncio vén sendo a secuela doutro igualmente aborrecible protagonizado por Fofito o pasado Nadal (e moi similar á deturpación do modelo publicitario patriótico dunha coñecida cadea de supermercados galegos), no que non me quedaba moi claro se o que aí se dicía era sarcástico ou se de ironía non tiña nada ata que chegaba ao final. Unha sucia e vil brétema de tópicos que tan grandes nos fan no mundo enteiro, atraendo así a envexosa mirada de nacionalidades de todo o orbe, que se negan a crer na nosa capacidade de superación e recuperación! Parece que estes anuncios tan grandilocuentes os fai Rajoy directamente, negando a realidade de todo un país, sobrecargando de responsabilidade aos que non a temos e apelando amablemente ao noso perdido optimismo como colectivo coma se con iso se foran arranxar todos os nosos problemas.

En fin, con estas formas de marketing  tan pouco intelixentes case me quedo co osiño polar da Coca-Cola ou con lemas tan puerís pero tan honestos como En estas navidades, turrón de chocolate, en estas navidades turrón de Suchaaaaaaaaaaaard ou Vueeeeeeeeeeeeelveeeeeeeeeeeee, a casa vueeeeeeeeeeelve por navidad… Hai que ir ao gran, coño!


domingo, 15 de decembro de 2013

Contos de Nadal (I): Panxoliñas 2.0… ou non


Boeno, como xa adiantaba hai uns días, non puiden resistir a tentación de asimilarme un pouco a esta corrente de paz, amor, felicidade e buenrrollismo que nos aparvará durante unhas insoportables ou “requete-happy” semanas (depende de cada un), iniciando a primeira parte dunha triloxía que me levará aos lugares máis inhóspitos desta celebración. A min o Nadal, como boa nena culturalmente capitalista, gustábame moito. Encantábame a idea de que unha vez ao ano meus pais me compraran con cacharrada plastiqueira mentres eu finxía merecelo moito. Porque si, todos os nenos se portan ben todo o ano, unha das grandes mentiras da nosa era xunto con he leído y aceptado las condiciones y términos de uso, bla, bla, bla… En fin, todos os nenos medran e eu tamén (boeno, algo sempre queda) e, sen chegar a odiar o Nadal en plan novela Dickensiana, si que hai nel certas cousas que me proen un pouco, e non teñen nada que ver con reivindicar a verdadeira esencia cristiá desta festa, por un lado, afortunadamente re-paganizada. Hoxe, dispóñome a destripar unha desas cousas que máis tocan os ovarios… Aínda estades a tempo de deixar de ler, pois todo isto pode chegar a producir urticaria, desprendementos de córnea ou, directamente, derrame cerebral. Si, meus señores, hoxe toca unha verdadeira película de terror, hoxe toca falar de… PANXOLIÑAS POP!!!

Como se os grandes clásicos do cancioneiro popular conmemorativo da festividade do solsticio de Inverno entoados por coros dubidosamente infantís non fosen o suficientemente insufribles (Campana sobre campana, Ande, ande, ande, la Marimorena, Los peces en el río, Ay! del Chiquirritín e toda esa trapallada), os grandes fenómenos de masas da industria discográfica tamén se apuntaron á ardua tarefa de compoñer temas aínda máis cargantes e tediosos. Todo cantante ou grupo cun mínimo de éxito ten unha ou varias manchas no seu historial e é raro que unha delas non coincida co intento de facer unha canción ou un disco dedicado ao Nadal. E isto sucede dende que o mundo é mundo e así o imos comprobar. Correde, insensatos!!!


Ninguén discute hoxe que Frank Sinatra, Aretha Franklin, Elvis Presley ou Johnny Cash, por poñer algúns exemplos, son artistas de pleno dereito, clásicos incontestables cuxa influencia excede incluso o que eles mesmos puideron ter pensado para si, independentemente de ter o ego moderada ou excesivamente inflamado. Pero a maioría destes clásicos tomaron parte no pecado orixinal e gravaron as súas pertinentes panxoliñas, algunhas máis intragables ca outras, admítoo. Pero o caso é que sentaron o perigosísimo precedente do que hoxe debemos padecer cada ano… En fin, comparado cos nosos días, Let It Snow...


            ...ou Blue Christmas eran gloria bendita.


Mais esta práctica non era exclusiva do incipiente pop foráneo, pois dentro de fronteiras un tanto máis próximas tamén asomaba a cabeza algún mito musical que se acabaría repetindo máis que comer uns ovos fritos con chourizo antes de ir para a cama. Si, estimado e hipotético público, Raphael, o mesmo que hoxe presume de ter a mandíbula con maior grao de apertura de España e cuxos especiais de Noiteboa están pretos a considerarse patrimonio inmaterial da humanidade, consegue poñer de acordo a xeracións de onte e de hoxe: non facía falta unha nova versión de El tamborilero.


Os anos 80 non perdoaron nada que puidese resultar un pouco kitsch, incluídos a estética e os sons do Nadal, sempre tan barrocos e azucrados. Para min, o ideal paradigmático desta parte tan xenial e tan infame ao mesmo tempo da nosa historia pop, no que a fedorentas panxoliñas se refire, constitúeno os Wham! con Last Christmas. Porque non se é consciente de que chegou o Nadal ata que non se entra nunha cafetería e non se ve nun televisor no que teñan posto VH1 a George Michael coa súa permanente cantando ao seu polvo estacional perdido mentres xoga ás bolas de neve.


E logo temos dubidosas mostras de talento de xente habitualmente marabillosa e idolatrada por unha servidora… A miña reacción natural é semellante a un “Como puideches facelo??? Por que???” xa que o “detente, Abraham!!!” non serve de moito porque estes males nunca se pillan a tempo. Sí, o Boss ou Queen foron algunhas destas grandes deidades do rock que tamén caeron na trampa, deixándose levar polo enganoso espírito do Nadal.


O do sombreiro texano customizado non ten perdón, Bruce... O ritmillo cutre que xa dá conta do seu carácter de canción de recheo, tampouco, meus señores de Queen... 


Neo-crooners coma o canadense Michael Bublé, que debe querer parecerse en todo a Frank Sinatra, e outras celebridades ambiguas coma Rod Stewart non foron menos. O primeiro sacou o seu disco enteiramente dedicado ao Nadal cun título orixinal onde os haxa, Christmas, aló polo 2011, e non puido resistirse á tentación de ter o seu propio especial televisivo de Nadal, ao igual que Rod Stewart. Hai moitos especiais televisivos no mundo (veño de citar as Noiteboas de Raphael, que xa son un xénero en si mesmo) pero estes dous son o suficientemente ilustrativos do especialmente noxenta que pode chegar a ser unha festa tan internacionalizada. Nota: ambos artistas coinciden no especial de Stewart (no que tamén aparece, por certo, Kylie Minogue), co cal, non debemos descartar que o espazo-tempo se colapse con esta empalagosa explosión de cánticos con cheiro a clásico e “volta ás orixes” dignos do país da gominola combinados con pseudo-entrevistas sobre o marabilloso que é o Nadal e escenas de humor forzado e estritamente guionizado nos que non hai lugar para a improvisación ou a mala hostia.  


Finalmente, non podo dar carpetazo a esta breve escolma de bodrios musicais para cantar baixo un pino decorado de xeito especialmente recargado sen mencionar ás grandes divas da canción do mundo globalizado. Tanto Céline Dion coma a defunta Whitney Houston teñen os seus propios álbumes de Nadal, cuxos nomes prefiro non lembrar (admito non sen vergoña que un deles aínda habita nos estantes da miña casa, adiviñen cal), pero a ama, a “señora hembra”, a matriz, a nai de todas as panxoliñas 2, 3 e 4.0 é ela… A única, a inigualable, a inimitable… MARIAH CAREY!


No mundo occidental é posible un Nadal sen grilandas, sen beléns e mesmo sen agasallos pero dende aquel 1994 no que viu a luz ese esperpento chamado Merry Christmas (de novo, a orixinalidade de artistas e produtores ao poder!) xa non se volve concibir un Nadal sen Mariah Carey. Ela marcou un antes e un despois neste ciclo temático musical con este disco no que mesturaba versións de panxoliñas xa moi manidas por artistas de todo o orbe con composicións propias que acabarían sendo míticas como o All I Want For Christmas Is You que veño de pór arriba, himno por antonomasia destas festas gracias ao Corte Inglés e outros templos do consumismo (a pesar de que Mariah diga que tanto lle teñen os regalos, que ela o único que quere que lle traia Santa Claus é botar un “foghete”).

Esta canción, para a que deberon ser empregadas inxentes cantidades de estramonio a fin de anular a creatividade, a orixinalidade e todo rastro de intelixencia e enxeño aplicables á composición, tamén coñeceu versións. Sexa ou non vomitiva, é un clásico do noso tempo e xa foi revisitado por grupúsculos tan bizarros coma as Nancys Rubias comandadas por Mario Vaquerizo de Gara (este alcume acabo de inventalo eu)...


 ...ou a propia Mariah, ataviada como unha porno-Mamá Noel, facendo unha infame apoloxía do capitalismo e axudada vocalmente por un elfo moi especial que todos quereríamos matar e cuxo nome non vou pronunciar coma se de Voldemort se tratase…


E con estas probas de que o ser humano é capaz de verdadeiras atrocidades moi pouco artísticas, despídome. Non imaxinades o duro que foi o traballo de documentación para esta publicación… Non gaño para psicólogos!

mércores, 11 de decembro de 2013

Jim Carrey non sempre é irritante: “Eternal sunshine of the spotless mind”, de Michel Gondry

   

          É posible. Man On The Moon non foi unha casualidade. Jim Carrey pode ser un bo actor. É capaz de interpretar un papel dramático dun xeito aberrantemente máis profesional que un rol cómico. E unha servidora queda pampa, porque, que quede claro, NON SOPORTO A JIM CARREY. Para min, ver unha película súa é unha experiencia tan ou máis traumática que ler un titular de La razón. Porén, non renunciemos ao ton esperanzador desta publicación caendo en tan baixos instintos. É certo que Jim Carrey me estomaga e moito pero só en determinados contextos. Desgraciadamente, que se prodigue pouco noutro xénero que non sexa a comedia histriónica, non contribúe a mellorar en demasía a imaxe que teño deste actor. Por iso, debo conformarme con desfrutar das escasas mostras que hai do seu verdadeiro talento, talento que se empecina en agochar tras hiperbólicos acenos e esaxeradas xesticulacións que, por outro lado lle deron sona e popularidade a nivel mundial. Unha destas poucas películas nas que puiden ver e valorar ao Jim Carrey actor de verdade foi esta da que me dispoño a falar a continuación: Eternal Sunshine of the spotless mind.

            Antes de ir ao miolo da cuestión, debo aclarar unha cousa. Por que manteño o título orixinal da película se o que adoito facer é traducir case todo o que pasa pola miña man? Pois fíxeno por curarme en saúde, preguiza e unha mestura de ambas. Gústame moito o título en inglés (ten un certo lirismo absolutamente xustificado pola trama) e desprezo enerxicamente a translación que se fixo deste título ao español: Olvídate de mí! Por que cito este título coa ira dunha gorgona? Pois porque ademais de semellar e, efectivamente, ser ridículo, ao meu modo de ver, induce a equívocos. Nin imos ver unha comedia, nin imos escachar coa risa cun argumento desenfadado e pouco profundo sobre problemas de parella, nin nada polo estilo, aínda que nas campañas de promoción a través das cales se intentou postular esta película a todos os premios posibles aló polo 2004 se empeñaran en vendérnola coma unha comedia. Non, xa aviso dende xa, esta película non é para rir por moito que saia nela Jim Carrey. Por iso, a amalgama de título coa que paseou o filme polas carteleiras españolas por aquel entón non me convence. Paréceme un título insulso e completamente desconectado do ton da cinta, que para nada é cómica, polo menos, dende o meu punto de vista. Por iso deixo o título orixinal, porque me parece máis axeitado e porque tampouco me apetece mollarme moito cunha tradución cando me gusta moito así tal cal.


            Boeno, agora si, vou falar de Eternal sunshine of the spotless mind e comprobaredes que as miñas motivacións para facelo non se reducen ao entusiasmo que me produce ver a un Jim Carrey contido e emotivo. Esta película espertou en min unha certa curiosidade que me animou a alugala (onde quedan esas prácticas do Cretácico…) e vela xa só polo seu alucinado argumento (aviso, vai haber inxentes cantidades de spoilers): Joel (Jim Carrey) é un home tímido, taciturno, reservado e cunha acusada tendencia á melancolía e a depresión que un día coñece á volcánica Clementine (Kate Winslet), quen é a súa antítese: impulsiva, vivaz e extrovertida. Como cabe esperar, gústanse de inmediato a pesar de ser tan distintos comezan unha relación con máis fochancas que pistas ben pavimentadas. O que nun principio era unha convivencia feliz torna nun esgotador αγών, no que semella que ambos compiten entre si por ver quen é capaz de facer sentir máis merda ao outro. O aburrimento, as constantes pelexas e a decepción rematan por destruír a relación e Clementine toma unha drástica decisión: borrar todo recordo de Joel da súa memoria recorrendo a un innovador método ideado polo doutor Mierzwiak (Tom Wilkinson). Joel, ao saber disto, decide facer o mesmo e borrar a Clementine da súa mente, esperando así poder curar o seu magoado corazón, mais no mesmo día no que se fai efectivo este borrado de recordos, o propio Joel dende a súa mente, arrepentíndose, tratará de deter o proceso, cun relativo éxito (y hasta aquí puedo leer, non vou destripar nada máis, que xa non é necesario).


            Como é obvio, esta historia non pode saír de calquera mente, non todos os seres humanos posúen unha imaxinación tan poderosa nin un enxeño tan produtivo. Porén, un dos poucos que foron agraciados con ese don no noso mundo é Charlie Kaufman, quen firma o guión desta película e se converte así na proba vivinte de que, no tocante á narración audiovisual, aínda non está todo inventado e aínda cabe esperar algunha (grata) sorpresa. Eu son moi impresionable, seino, pero creo que non peco de inxenua se digo que tanto o guión como a disposición e ordenación das distintas secuencias que acaban formando a historia son algúns dos seus puntos fortes. Todo colle nesta combinación de elementos que nunca é lineal, pois a película dá comezo nun punto inmediatamente anterior ao final, logo intercálanse momentos que se distancian moito no pasado dese punto no que empezamos a coñecer a historia ou que nos aproximan máis a el, de forma completamente caótica e cuxa diéxese tamén cambia de xeito importante duns a outros, e, finalmente, complétase o desenlace que se viu interrompido. Podería terme aforrado bastante palabrerío se dixese que a película comeza in medias res (dicir in media res evidencia un descoñecemento brutal das locucións latinas), mais eu non tiven a impresión ao vela de que fose así, porque realmente non se empeza no medio, no ecuador da historia, senón que o inicio toma forma dun falso flashback. Empézase practicamente polo final e de forma enganosa para o espectador, porque semella un principio completamente lineal e do máis “normal” de acordo coas sinopses que puidemos ter lido previamente a ver a cinta. Mais, o que realmente estamos vendo non é o inicio da relación, senón un reinicio, porque ao comezo do filme, tanto Joel como Clementine son dous desmemoriados e non dúas persoas que se ven por primeira vez na vida.

            A min isto paréceme a repanocha, de verdade. Polo menos, necesito estrullar un pouco o cerebro e prestar un mínimo de atención para seguir a trama e, non custa, pois conséguese reclamar adecuadamente esa atención recorrendo ás pertinentes desautomatizacións e xiros necesarios. Xa é un bo comezo, formalmente é diferente. A historia podería terse contado de moitas formas pero Kaufman escolle esta concatenación de escenas soltas que van do surreal ao corrente sen motivo aparente pero cuxo anarquismo non é casual, pois inclinarse polo desorde é bastante intelixente tendo en conta que se nos propón unha viaxe ao máis profundo da memoria. Teorías verdadeiramente científicas sobre a mente, a súa estrutura e todas esas cousas das que eu non sei nada a un lado, o certo é que gran parte da historia sucede na cabeza dalguén que está narcotizado e ao que se lle inducen unha serie de estímulos que o levan a lembrar aleatoriamente unhas determinadas vivencias que logo vai esquecer, e iso non se pode ilustrar e mostrárselle ao espectador de calquera maneira. O personaxe de Jim Carrey está sumido nunha especie de soño e todos sabemos como se comporta o subconsciente cando perdemos o pleno control sobre el, de forma ácrata e desconcertante, tal e como se narra esta película.


            Estes fragmentos que imos vendo durante o proceso no que os técnicos do doutor Mierzwiak (Mark Ruffalo e Elijah Wood) tratan de borrar todo rastro de Clementine da mente de Joel están asombrosamente ben guionizados. O filme na súa totalidade ten un guión impresionante, un dos mellores dos últimos anos, e cuxa ousadía e creatividade indiscutible foi recoñecida co Oscar do 2005. Dende a miña experiencia persoal, non me custou recoñecerme nos personaxes. Sendo unha película cun plantexamento de partida tan inverosímil, acaba sendo un retrato absolutamente realista sobre a vida en parella e os sentimentos tan contraditorios que xorden nunha relación. Temos todas as fases e todos os problemas habituais entre dúas persoas que se aman pero que non saben xestionar adecuadamente as súas emocións, chegando así a un distanciamento nun principio impensable e que, en repetidas ocasións, provoca que crucen a fina fronteira que conduce odio. Aquí tampouco hai un desenvolvemento lineal, non se nos presentan os momentos bos ao principio e todo o malo ao final, afortunadamente, Charlie Kaufman non cae en tópicos de romanticallada: todo está mesturado porque así é como sucede entre as parellas e máis aínda se todo isto se evoca como recordo, xa que non hai unha organización nin unha xerarquía ao lembrar os momentos que se pasan ao carón dunha persoa, tanto poden vir os bos coma os malos. O conflito que se produce entre os personaxes non é infrecuente na nosa sociedade, non hai unha gran problemática excesivamente dramatizada, a mímese é total.

            O guión responde axeitadamente a este propósito de mostrar os avatares da vida en parella pero sen renunciar a facer un pouco de literatura. Hai veces nas que semella que hai unha especie de… Como dicilo? Algo así como unha dignificación e elevación do cotián. Temos unha parella, como veño de dicir, absolutamente normal, nin son os máis guapos, nin os máis “chachis”, nin uns burgueses de merda (que ás veces parece que son os únicos que se poden namorar e vivir unha apaixonada relación no cine), pero Charlie Kaufman consegue que se vexa a beleza da súa historia de amor sen que nos pareza ñoña, consegue que entendamos que o que nos rodea tamén pode ser lírico e tamén pode ter o seu encanto, non fai falta intentar equipararse a un ideal totalmente ficticio que nunca poderemos acadar.


            É que esta película gústame tanto que botaría media vida falando dela, hai tantos detalles que me marcaron… Con dicir que cheguei a mercar unha sudadera laranxa só porque se parecía á que leva Kate Winslet na película… É cuestión de tempo que empece a tinguir o pelo de azul, vermello ou verde… A viaxe á infancia que fai o personaxe de Joel, tratando de esconder os seus recordos de Clementine nese lugar tan profundo da súa memoria e ao que apenas acode, paréceme estupenda e unha forma moi intelixente de mostrar outra perspectiva desta etapa vital, non sempre tan feliz como os adultos intentan lembrala. Tamén me parece xenial a despedida definitiva de Joel e Clementine, dentro do último recordo que se vai borrar da mente do primeiro, vendo como a casa na que se coñeceron se vai derrubando mentres se dedican unhas últimas palabras que tratan de recompoñer o triste final da súa relación. A subtrama da recepcionista (Kirsten Dunst) é inesperada e funciona moi ben dentro do conxunto, xa que nos fai reflexionar, como todo o proceso ao que se somete Joel, se realmente queremos olvidar ás persoas que nos importan ou que nalgún momento nos importaron, incluso o malo. En definitiva, a historia e o formato no que se nos amosa son de sobresaínte pero tamén me entusiasman as interpretacións, tanto a de Jim Carrey coma a de Kate Winslet. O primeiro, por comedirse e ser quen de mostrarnos emocións reais. O seu personaxe, apoucado e que sofre case sempre en silencio, está perfectamente acabado gracias á súa actuación, posiblemente a mellor despois de Man On The Moon, película na que considero que está maxistral. E Kate Winslet, sen ser un dos seus papeis máis memorables (afortunadamente, é unha excelente actriz e temos traballos brillantes dela “a patadas”), tamén namora porque o seu personaxe ten carisma e unha personalidade moi forte e temperamental que borda.


            En fin… Recomendo esta película por moitas razóns. Por ter unha historia imaxinativa e diferente, un guión espléndido, por desmontar por un intre os tópicos desgraciadamente certos acerca do seu actor protagonista… Pero, sobre todo, por mostrar de forma fidedigna e recoñecible unha historia de desamor e a problemática á que nos arrastra vivir unha desas historias, na que interveñen moitos sentimentos negativos e na que esmorecen todas as nosas ilusións e expectativas. Esta película resulta totalmente anticanónica se temos en conta como se concibe o amor na ficción no mundo occidental actual pero si merece un oco noutra canonicidade que contemple a concepción real do amor que creo que posuímos a maioría dos seres humanos. Amar é un concepto moi novo, ata os nosos días había moitas cousas que podían unir a dúas persoas pero o amor non era precisamente unha delas e hai moita discusión sobre que é o amor, ata que punto estivo presente nas sociedades ao longo da historia, se é un invento puramente literario, etc. Pero se realmente existe un modelo ficticio, un verdadeiro espectro de producións artísticas nas que se reflicta axeitadamente, coma se dun espello se tratase, o que sucede ou pode suceder nunha relación amorosa actual, esta película forma parte dese conxunto.

            Marabillosa e emotiva, para non deixar de vela.