venres, 18 de abril de 2014

De nostalxia e outros males da vellez (III): O "Éxodo" segundo Spielberg



Nestes días de xaxún, penitencia, abstinencia, encapuchados tan inquietantes coma os que anuncian as treguas da ETA e marchas de procesión do máis fúnebre e deprimente, decidín botar a vista atrás e falar de cousas moi bíblicas. Porque aínda que non sexa doado de crer, entender ou aceptar, eu, atea convencida e confesa, téñolle un enorme respecto a esa grandísima obra de ficción que é a Biblia, epopea que, a pesar de ter un dos títulos máis frouxos e menos atractivos da historia da literatura (polo menos na súa variante cristiá), debe ser reivindicada como unha das grandes novelas de aventuras de todos os tempos. Sobre todo esa parte que nos nosos lares tan influídos pola tradición do cristianismo se deu en chamar Antigo Testamento (denominación que, parece ser, resulta altamente ofensiva para os xudeus).

Os libros pertencentes a esta primeira parte da Biblia céntranse na cosmogonía (a teogonía está deficientemente explicada, por non dicir ausente) e nas orixes do dogma a través dos grandes profetas que lograron o contacto coa divindade a fin de transmitir esa palabra sacra ao pobo. É ben certo que hai pasaxes deste Antigo Testamento que carecen por completo do que nós poderiamos entender por ritmo narrativo. Mais, detrás deses abafantes catálogos xenealóxicos e desa diéxese gnómica repleta de oracións simples que non crean ningún tipo de expectativa ou tensión, escóndese un dos aparatos mitolóxicos máis fascinantes e completos que desenvolveu a mente humana. Supoño que por iso non é raro que o cine recorrese a el en incontables ocasións para recrearse no seu ilusionismo innato. Boeno, algo tería que ver o feito de que Hollywood se declarase confesional, sobre todo cando Cecil B. DeMille facía esas colosais superproducións na súa época dourada, porque o Gilgamesh é un relato igualmente fantástico e aínda non vin adaptación cinematográfica por ningures (agradezo que se me informe da existencia de tal documento por se estou errada).

Boeno, o caso é que o Antigo Testamento ofrece un material da hostia para as oportunas revisións cinematográficas, especialmente o Pentateuco e máis especialmente os libros do Xénese e o Éxodo, os dous primeiros libros do conglomerado que case sempre son os que sobreviven aos intentos infrutuosos de miles de fieis e non fieis que intentan empezar a ler a Biblia. Ámbolos dous entraron na miña vida pueril a través dunha preciosa Biblia destas para nenos cunhas ilustracións chulísimas que me regalaron hai moitísimos anos pero o Éxodo tivo unha especial relevancia na miña infancia xa que del se toma a historia do filme O príncipe de Exipto (1998), primeiro gran filme de animación apadriñado por Dreamworks e, polo tanto, por ese sionista de pro que é Steven Spielberg, dono e señor desa produtora. E precisamente desta película é da que vou falar nas seguintes liñas. Comeza a pascua xudea neste blog!


Como moitas crianças da miña xeración, tiven que padecer soporíferas clases de relixión católica de inexplicable presenza nun ensino público que só tiñan un mínimo de interese cando se centraban na mitoloxía pura e dura e non en dar catequese. Non era raro que no contexto deses temarios, se ilustraran os diferentes mitos da Biblia con peliculiñas ou series de animación manifestamente mediocres. Había unha na que saía un raposo supostamente simpático que me estomagaba especialmente, creo que se chamaba Historias da Biblia, se non recordo mal, e a sintonía da cabeceira era arrepiante (seguramente a repoñerán en 13TV se é que non o fixeron xa). O príncipe de Exipto melloraba con creces as achegas de todos eses subprodutos cuxa única finalidade era o adoutrinamento niso que chaman fe, e con isto non quero dicir que nesta película non haxa un certo tufo a dogma (que o hai) pero sabe disimulalo bastante ben ao mesmo tempo que subverte un pouco o concepto para darnos espectáculo, evidentemente inspirado en décadas de tradición Disney pero cuns sinais de identidade propios (incluíndo a homenaxe a ese cine bíblico de orzamentos estratosféricos) e cunha factura impecable. Para min, é unha das películas de animación dos 90 que mellor aguantou o paso do tempo (con permiso de O rei león).


O argumento creo que é de sobra coñecido pero, por se non ides con suficiente asiduidade á vosa sinagoga, refréscovolo. O pobo hebreo padece todo tipo de penurias e miserias baixo o xugo do faraón exipcio, que os humilla e escraviza. Ao ordenar este a matanza de todos os recén nacidos hebreos a fin de evitar que sexan demasiado numerosos e cheguen a rebelarse (ese excepcional control da natalidade que tanto se leva na Biblia), Yocheved decide “salvar” a vida do seu fillo menor deixándoo a mercé das correntes do Nilo nun cesto. Por intercesión divina, o bebé chega san e salvo ás portas do palacio do Faraón, onde é recollido pola esposa deste, quen o chama Moisés e o cría coma se fose propio. Moisés, como é normal, medra e vemos como ten unha relación moi especial co seu medio irmán, Ramsés, herdeiro ao trono. Porén, o destino de Moisés parece discorrer por un sendeiro diferente, e pouco a pouco, comeza a decatarse de quen é en realidade e cal é a tarefa para a que foi escollido por Deus, que non é outra que liberar aos hebreos da escravitude e guialos á Terra Prometida. Isto distancia aos dous irmáns e provoca un enfrontamento no que se mesturan sentimentos pretéritos e obrigas presentes, verdadeiro eixe da trama da película, que, como é obvio, permítese moitas licencias á hora de adaptar parte do libro do Éxodo.

Por se non o dixen xa bastantes veces, a historia é cojonuda, porque o ten todo: loita de clases, amor fraternal problemático, ἀγώνες de gran intensidade dramática, a pertinente historia de amor, grandes escenas épicas de morte e destrución... Porque si, nin sequera nunha película “para nenos” se aforran os detalles máis escabrosos da historia, por exemplo, o momento no que Moisés mata a un capataz exipcio (xiro copernicano na historia que motiva a súa fuxida de Exipto e a separación dos irmáns) ou as plagas (porque Deus no Antigo Testamento é un tío moi chungo, vingativo á par que caprichoso). Talvez o único elemento que non acaba de funcionar na película é o cómico, pois os dous personaxes que deben cumprir con esta parte, os sacerdotes Hotep e Huy, non callan como bufóns da historia, e incluso resultan inquietantes (sobre todo na súa correspondente canción). Polo tanto, non entendo por que gastan os cartos en contratar a Steve Martin e Martin Short para dobrar a estes dous paifocos se non aportan nada á historia (de feito, saen da mesma dun xeito bastante torpe e groseiro), nin sequera o humor que se lles presupón a eles e aos seus intérpretes na versión orixinal.


E xa que falamos de dobraxe, cómpre destacar que este filme ten un repartazo, evidentemente na versión orixinal en inglés, comezando polo propio Moisés, a quen presta a súa voz Val Kilmer. O traballo deste actor é magnífico, lembro ter visto por primeira vez a película en versión orixinal e quedar parva co extraordinario traballo del e de Ralph Fiennes, que encarna ao seu irmán e antagonista, Ramsés. Este último incluso canta no tema das plagas, ao igual que Michelle Pfeiffer, que dobra a Séfora, a esposa de Moisés. Non menos xenial é escoitar a voz profunda e penetrante de Patrick Stewart no faraón Seti (dá ata medo na escena na que trata de xustificarlle a Moisés a matanza dos nenos hebreos con ese they were only slaves). Posiblemente a que menos me guste de todo o conxunto é Sandra Bullock (si, ódioa), que interpreta a Miriam, a verdadeira irmá de Moisés, pero é que o propio personaxe resulta por momentos un pouco pesado. Aínda que a relevancia dos que quedan é menor, tamén cabe destacar a Danny Glover como Jethro, pai de Séfora, aínda que só ten un par de liñas e nin sequera canta a súa canción; Helen Mirren como a esposa do faraón Seti e Jeff Goldblum como Aarón (si, nesta peli quítanlle a Aaron gran parte do protagonismo que ten no Éxodo).

E preguntarédesvos, se é que esperta o voso interese, quen interpreta a Deus? Amigo, esa era unha cuestión peliaguda, porque Hollywood nunca deixou de declararse confesional, e poñerlle a Deus a voz dun actor (ou actriz, por que non?) en concreto era tan delituoso como facer caricaturas de Mahoma. Polo tanto, como se procedeu para facer falar a unha silveira ardendo? Mesturaron a voz do propio Val Kilmer cos murmurios dunha muller e coa voz de (atención!) JAMES AVERY! Si, o tío Phil era Deus... Non recordo moi ben cal era a escusa que se esgrimía nos como se fixo para xustificar este batiburrillo de voces para dobrar a Deus, pero era algo así como que Moisés debía percibir a Deus como unha voz interior (e por iso se empregou a voz de Val Kilmer) e logo suxerir a neutralidade do ente divino con voces masculinas e femininas (trapallada, porque ao final a voz que predomina é a dun home). Cousas da fe. En fin...


Pero, que é o que realmente fai que esta película mole a cañote? Por supostísimo, a música. É que cando contratas a Hans Zimmer e Stephen Schwartz nada pode ir mal... A profesionalidade do primeiro xa quedara máis que demostrada en O rei león e logo non deixaría de sorprendernos coas bandas sonoras de Gladiator ou Orixe. E o segundo foi responsable das cancións do filme Disney Pocahontas, co cal, a solvencia deste binomio estaba máis que asegurada. Como legataria da tradición anterior, nos 90 non se concibía unha película de animación que non fose musical, nin sequera esta. E por iso, esta película comeza cun dos temas máis épicos que vin no cine de animación: grandes escenas de masas, de violencia e sufrimento musicalizados cun berro desesperanzado que clama pola liberdade e acompañados da estupenda voz da cantante israelí (como non!) Ofra Haza. Así é a canción Deliver us, traducido como Libéranos na versión castelá, e que ten un reprise monumental no peche da película. Pero todas as cancións, todas, son xeniais. O canto de berce que a nai de Moisés lle entoa na beira do río pon os pelos como escarpias e a canción das plagas parece a antesala da apocalipse final. Mais, a xoia da coroa é ese When you believe gañador do Oscar que, aínda que na película estaba un tanto subido de ton (menos mal que Michelle Pfeiffer chega ben a eses agudos), tivo unha versión pop para os créditos moi decente a cargo dun gran duelo de divas: Whitney Houston (“dio-la teña na ghloria”) e a miña “adorada” Mariah Carey.


Boeno, resumindo un pouco xa, porque vai ser a hora das torrijas e de Ben-Hur, dicir que este ataque de nostalxia que me deu por semana santa foi máis positivo que os anteriores. Se procedemos ao visionado de O príncipe de Exipto fuxindo da óptica relixiosa descubriremos unha boa e moi entretida película de animación, que resiste o embiste do tempo, o suficientemente épica como para pasar un bo rato, cunha boa adaptación da historia para o gran público e segundo manda o canon cinematográfico e cunha banda sonora brillante e inolvidable. E ademais, recomendo vela en versión orixinal, de verdade, o traballo de dobraxe é moi bo.

“Japi Ister!” 

Pero que fodidamente xenial é a canción das plagas!!!


luns, 14 de abril de 2014

“Star Wars” ou como o coleccionismo de “merchandising” se converteu na miña vocación frustrada


A epopea espacial máis grande xamais contada. A saga cinematográfica de ciencia-ficción máis famosa de todos os tempos. A aventura interestelar por excelencia. Son moitas as alocucións cualificativas que ao longo dos últimos 37 anos intentaron medir dun xeito condensado e resumido o tremendísimo impacto comercial e socio-cultural da saga Star Wars, xestada por un cineasta o suficientemente enxeñoso como para vivir desta revolucionaria creación artística ata a fin dos seus días, George Lucas. Mais, a historia da coñecida nos nosos lares como A guerra das galaxias é moito máis complicada que todo iso e, aínda que temos moi claro o que significa esta no noso acervo cultural contemporáneo e aínda que temos moi interiorizados aspectos como a trama, os personaxes ou os espazos deste conxunto de películas (sendo calquera das afirmacións que puxen ao principio deste parágrafo máis que certa), cómpre explicala máis polo miúdo, pois é unha odisea tan grande ou máis que a que contén o seu argumento. Comecemos, pois, a long time ago in a galaxy far, far away (en serio fai falta que o traduza?) onde a vida soa a John Williams e o mundo foi creado por Ralph McQuarrie...


Antes de seguir gustaríame aclarar (pode que innecesariamente) un par de cousas: son unha friki sen remisión e fan convencida da saga Star Wars. Por que digo que esta aclaración é a todas luces innecesaria? Porque se vai notar e moito ao longo da redacción. Con todo, padezo dun severo romanticismo nostálxico (ou nostalxia romántica, tanto ten) e aínda agora que son “ghrandiña” lembro con gran agarimo a primeira vez que vin a primeira película de Star Wars cando tiña 11 anos e a conmoción que sentín ao acabar de vela. Tamén gosto moito de compartir con incrédulos que me someten a un xuízo de total incomprensión lembranzas coma esta ou outras, como cando vin no cine o desenlace da triloxía de precuelas (a que me tocou vivir, lamentablemente) e sentín que estaba formando parte dalgo tan grande como era pertencer á xeración que viu como Anakin Skywalker se convertía nun dos viláns máis terroríficos pero (por que non?) máis entranables e queridos das últimas décadas, Darth Vader. Malia toda a borralla que (ao noso pesar) ten esta segunda triloxía. Polo tanto, se esperades unha análise neutra, sisuda e non sesgada sobre o fenómeno Star Wars, este non é o voso sitio. Non pretendo facer pseudo-teses de doutoramento nin nada que se lle pareza, a miña intención é impregnar de admiración e dunha total falta de obxectividade esta especie de recensión sobre unhas películas que me marcaron e que vexo unha e outra vez sen que desapareza un ápice desa fascinación que se apoderou de min no principio.


Star Wars... Cine con maiúsculas ou puro merchandising con tópicos reciclados? Boeno, a miña resposta a iso está máis que clara, pero que se entenda a confusión do respectable: Star Wars non só nos introduciu con éxito nunha historieta fantástica que parecía máis un suicidio comercial que a primeira pedra dunha prestixiosa franquicia, senón que cambiou a nosa forma de entender o cine e as relacións establecidas entre o público e o espectáculo. Cando George Lucas comezou a escribir xa non o guión, senón aquel panfleto de 14 folios co que ía mendigando polos estudos de Hollywood e no que explicaba grosso modo e non con poucas lagoas en que consistía iso das guerras estelares que pretendía filmar, ninguén cría que o que se definía como unha opereta espacial ao estilo dos seriais dos anos 30 (esa realidade tan extravagante para neófitas coma min) puidera gozar dun mínimo de popularidade a finais dos anos 70, época na que os modelos eran outros. En efecto, George Lucas adoita incluírse na nova xeración de cineastas americanos diferentes e alternativos (polo menos nun principio) que comezaron a deslumbrar precisamente naqueles anos recorrendo a unha estética hiperrealista e incluso deprimente e a novos códigos narrativos, a saber, Martin Scorsese, Steven Spielberg, Francis Ford Coppola ou Brian De Palma. Pero, aínda que os seus comezos apuntaban na mesma dirección que os seus coetáneos, flirteando coa experimentación en THX 1138 (realización en longametraxe en 1971 dun antigo traballo de clase na escola de cine) e apuntándose ao carro da comedia con pouso social con American Graffiti (1973), as aspiracións de Lucas apuntaban máis alto (e nunca mellor dito).


O que hoxe é un dos paradigmas do éxito empresarial non sempre se viu así, proba disto é que dous estudos rexeitaron o proxecto da que logo sería a primeira película da saga Star Wars e só a 20th Century Fox o aceptou non sen poucas reservas (afortunadamente, alí estaba Alan Ladd Jr. para exercer de cabaleiro andante de Lucas e da propia película). A desconfianza inicial resultou ser unha vantaxe para George Lucas xa que iso lle permitiu esixir unha nada desprezable marxe de control sobre o merchandising da película (pouco menos que falar en chino naqueles anos, ademais de ser un fenómeno de escaso calado), feito que lle facilitaba controlar a promoción do filme no caso de que a Fox se decidira a non apostar por el e, polo tanto, non publicitalo. O tema dos cartos foi durante toda a pre-produción e produción de Star Wars un auténtico pesadelo e o orzamento inicial de menos de 10 millóns de dólares disparouse alarmantemente durante a rodaxe, pois a visión de Lucas barata, o que se di barata, non era. Pero non menos delirantes foron as dificultades da rodaxe en Túnez, as horas de traballo dos asalariados de Industrial Light & Magic (empresa creada ex professo por Lucas para esta película) por dar cuns efectos especiais revolucionarios e cribles que nin de coña existían por aquel entón, ou unha primeira montaxe do material gravado que pariu unha película sen ritmo e sen emoción, todo o contrario do que despois se vería na pantalla naquel maio de 1977 que pasaría á historia do cine.


Semellaba que esta película estaba predestinada á morte mesmo nos seus estados máis embrionarios, pois a todos estes problemas sumábase a desesperanzadora falta de fe de produtores, distribuidores e tamén dos colegas de Lucas (a excepción de Spielberg, ao que lle entusiasmou o primeiro visionado do filme). Pero os camiños da Forza son inescrutables e Star Wars rematou por converterse, contra todo pronóstico e agoiro, nun éxito sen precedentes e nun colosal fenómeno de masas cuxo legado económico e cultural se volveu incalculable. George Lucas tiña moi claro, dende o principio, que a súa era unha historia épica de proporcións moi superiores aos 120 minutos dun único filme e, grazas á magnífica resposta de público e crítica (e aos millóns que se embolsou co devandito “taquillazo”), embarcouse na non pouco dificultosa empresa de converter a súa opereta nunha triloxía tráxica e de aventuras que estivese á altura da longametraxe orixinal. E superou con creces todas as expectativas. O Imperio contraataca e O retorno do jedi son xa dúas películas icónicas dos (marabillosos) anos 80 e que resolven moi eficazmente un dos xiros de guión máis célebres da historia do cine.


Sendo xa Star Wars pedra angular do cine fantástico contemporáneo, os confusos anos 90 trouxeron consigo unha desas cousas que tanto me proen: a remasterización de toda a triloxía para unha nova estrea en salas con motivo do vixésimo aniversario do primeiro filme. Pouco a pouco, os efectos especiais deixaban de ser esa cousa mimada e artesanal que nos facía soñar e crer con ilusións tan logradas e Lucas decidiu adulterar os seus filmes cuns poucos engadidos concibidos por ordenador que non aportaban gran cousa e restaban encanto aos orixinais. Pero o delirio definitivo do CGI estaba por vir en forma dunha nova triloxía na que George Lucas nos contaría as orixes do mal...


En maio de 1999 estreouse o primeiro episodio da segunda triloxía de Star Wars, titulado A ameaza pantasma, ao que seguirían O ataque dos clons no 2002 e A vinganza dos sith no 2005. Tres películas nas que o gran público por fin coñecía os motivos polos cales un cacho de pan se convertía nun ser máis ruín que unha urticaria. E tres películas ás que a orxía dixital orquestrada por Lucas lles xogou unha mala pasada. Con todo, aínda que non sexan memorables, non por iso son prescindibles. De feito, eu son das que defende que a historia que se conta nesta triloxía é incluso máis caralluda que a das súas predecesoras, o que pasa é que sendo as premisas tan boas, a execución resulta un tanto mediocre e bastante decepcionante, se temos en conta que as expectativas sempre foron do máis elevadas. Pero, a ver, sexamos xustos, nada pode ser peor que a cuarta entrega de Indiana Jones, nin sequera esta triloxía.

Star Wars é un fenómeno que, como ben se ve, abrangue varias décadas e distintos extractos xeracionais. É practicamente imposible que no primeiro mundo exista unha persoa que non saiba de que vai esta saga ou que non coñeza, polo menos, algún elemento iconográfico característico da mesma. A Forza, os sables láser, o Falcón Milenario, a Estrela da Morte... Todos estes conceptos forman parte dunha cultura pop tan vasta coma o mesmo universo e somos quen de recoñecelos ao instante, incluso se non vimos ningunha das películas. As homenaxes e referencias a esta saga noutras series ou películas dan conta da fonda pegada que deixou no imaxinario colectivo mundial e non teríamos o cine comercial dos nosos días de non ser por Star Wars (aínda que iso, en ocasións, non sempre é de agradecer...)


Pero que tiña esta historia para rematar sendo o bombazo que finalmente foi? Moitos falan de contos de fadas modernos moi recoñecibles para o gran público e de historias principescas e novelescas trasladadas ao espazo, mais eu creo (e seguramente non serei a única que o diga nin inventarei a pólvora con isto) que os arquetipos, tópicos e modelos dos que bebe Star Wars son puramente gregos (ou digamos clásicos, para sermos máis inclusivos). E non debería resultar unha afirmación extravagante se temos en conta que Lucas pasou unha longa tempada emborrachándose con bibliografía especializada sobre mitoloxía, filosofía e outras destrezas da nosa remota Antigüidade previamente a escribir o guión da primeira película da saga. Non me canso de ver estas películas e de apreciar claramente a omnipresencia de todos estes recursos que as aproximan a esa literatura grega que tanto mamei e me entusiasma. Star Wars é épica pura! Épica stricto sensu, na súa forma máis clásica e grandilocuente. Por iso estou tan de acordo con todos os que afirman que a inclusión desta franquicia no xénero da ciencia-ficción non se corresponde co que realmente é. En Star Wars hai códigos de honra propios da épica e ausentes en calquera categoría de xénero máis recente, hai valores morais e sistemas de goberno propios da épica, longas viaxes, criaturas fantásticas, incluso hai anagnórises (recoñecemento dun personaxe crucial na trama, do mesmo xeito que Odiseo é recoñecido polos seus familiares á súa volta a Ítaca na Odisea) e xa non falemos da fortísima influencia que ten a relixión (iso que lle chaman “Forza”) en todo o que acontece na vida cívica e política da saga. Todo isto é épica. E xa que nos poñemos así tamén podemos establecer concomitancias coa traxedia clásica, pois os modelos que utiliza son os mesmos da épica e tamén hai moito diso en Star Wars, empezando polas complicadísimas relacións familiares que son o eixe do conflito entre os personaxes. A profecía que vincula a Anakin Skywalker coa recuperación do equilibrio na Forza garda moitas similitudes cos oráculos que determinaron o destino doutros célebres personaxes deste xénero dramático pero, sen dúbida, o que converte a este personaxe nun verdadeiro heroe tráxico é esa afanosa loita consigo mesmo por escapar ao fatum (si, para min, hai moito de Edipo neste personaxe, pero esa é outra historia que debe ser contada máis adiante), cousa que, efectivamente, non consegue.

Podería pasar horas explicando e comentando o argumento episodio por episodio recorrendo a esta óptica, porque efectivamente funciona. Pode que algúns destes modelos se incluíran dun xeito pouco consciente, pero iso volvería demostrar o fondo arraigo que segue tendo a cultura e a tradición clásicas nunha idade contemporánea que renega unha e outra vez duns patróns que están aí e que temos tan aprendidos que, aínda que queiramos, non podemos renunciar a eles, pois están transformándose e readaptándose continuamente. Polo tanto, Star Wars é cine, entretemento superlativo e un auténtico manual de tradición clásica.


O xénero do post (tal e como eu o plantexei na miña cachola) é tremendamente limitado para expresar todo ou case todo o que me gustaría comentar sobre A guerra das galaxias... É por iso polo que diseñei esta especie de publicación introdutoria como antesala a dedicarlle un oco neste blog a todas e cada unha das seis películas da saga, así como a comentar cada manifestación cultural que teña un mínimo que ver con ela, incluído o meu peluche de Darth Vader. Porque si, por culpa de Star Wars descubrín que o coleccionismo de merchandising é a miña verdadeira vocación frustrada, nunca terei as suficientes inxeccións de capital como para poder equipararme ao fulano ese que expuxo todos os seus tesouros en forma de figuras de xoguete vintage, maquetas e caixas de cereais nun centro comercial de Santiago hai uns anos...

Queda oficialmente inaugurada (por fin!!!) a sección Star Wars neste blog! (Vou coller o meu sable láser para cortar a banda...)

Que a Forza vos acompañe!