Nun
mundo sen heroes eu vou falar dalgún. Dos que aínda que só sexa por un día son
reis e raíñas que poden bater aos vergoñentos que están ao outro lado do muro.
Dos que se aman sen reparar nas pistolas que disparan sobre as súas cabezas.
Dos que vencerán para sempre. Dos que regalaron ao mundo estas marabillosas
verbas que, verquidas daquela maneira nesta nosa fala por servidora, non son
máis que un torpe intento de mostrar a forza e a conmoción que nos infundiron
os seus artífices.
Nun
glorioso día de 1977, David Robert Jones, máis coñecido polo universo pop en xeral como David Bowie, soltou
sen máis esta premisa: podemos ser heroes, só por un día. Ese nós vibrante e
extasiado segue sendo, 38 anos despois, o centro dun himno que non entende de
xeracións. Calquera pode identificar as súas particulares batallas e coitas persoais
na súa letra, calquera se pode sentir un heroe na ducha, no coche ou no antro
de turno simplemente con oír as primeiras notas do seu comezo e calquera, mesmo
o máis imperturbable, pode notar o arrebato e a elevación que produce unha
lírica sinxela que di moito (o que en palabras menos alambicadas vén sendo que
se che poñan os pelos de punta ou que a pel se che vire de ghaliña).
A
historia da música mal chamada lixeira non se entende sen a contribución
decisiva de David Bowie. E a miña historia persoal tampouco, como sucede con
tantos outros eruditos sen espazo nas bibliografías de referencia que detallan
a vida, obra e milagres dos máis grandes da nosa humanidade máis positiva. Si,
Bowie é un puto “ghuardián” e aínda que gozou de éxito e recoñecemento (aínda
goza), sempre se prefire citar antes como un dos grandes a alghén máis
aséptico, menos provocador, esteticamente menos rompedor, máis ortodoxo e,
seguramente, menos interesante. Bowie é máis que glam supostamente baleiro coma as calorías da coca-cola (que é
mentira tamén isto, eh). É autor, creador, xenio e figura. E dende aquel
afortunado día de 2007 no que batín con Heroes,
a miña primeira vez con Ziggy, xurei amalo para sempre.
Boeno,
ao gran porque falar de Bowie en termos wikipédicos é a todas luces innecesario.
Todos saben quen é este extravagante cantante británico que rompeu con todos ou
case todos os códigos artísticos dende que irrompeu na escena musical aló a
finais dos anos sesenta. Avancemos no tempo cara ese 1977 no que ve a luz Heroes, núcleo da chamada “Triloxía de
Berlín”, composta polos álbumes Low
(1977), este Heroes do que falaremos
algho máis e que data do mesmo ano e Lodger
(1979). Son anos produtivos para Bowie, que aínda estaba algo tibio con los ácidos, como diría algún chanante, pero que non
deixa de facer importantes achegas á súa carreira. Heroes, producido polo propio David Bowie xunto con Brian Eno e
Tony Visconti, está considerado por crítica especializada e público aínda máis
especializado como un dos mellores álbumes da súa traxectoria, deses que deixan
pegada e cuxo aniversario se celebra con sucesivas reedicións cada vez que cae
en ano xusto e mallado (axiña cumprirá 40 anos, espero que nos sorprendan con
algo).
Heroes contén
un bo puñado de cancións memorables que ben poderían casar á perfección nas
recompilacións de grandes “ghits” con Space
Oddity, Starman, Life on Mars, Changes ou 1984. Neste
álbum figuran o enormísimo Sons of the
Silent Age, un dos meus temas preferidos de Bowie; Beauty and the Beast, un primeiro corte contundente e pegadizo; Joe The Lion, Blackout, o instrumental e case psicodélico V-2 Schneider, o perturbador Sense
of Doubt e así ata un total de 10 cancións que deberon influír dun xeito ou
outro en case todo o que se move no mundiño musical. Por suposto, a xoia da
coroa é Heroes, tema sempre masacrado
pola ditadura da concisión videoclipeira e inxustamente desleixado dalgúns dos
seus espléndidos e absolutamente perfectos seis minutos e sete segundos (como
se atreven...). Lanzado como sinxelo o 23 de setembro de 1977, Heroes non foi un bombazo inmediato e
nas listas canónicas de medio mundo non pasou do oitavo posto. Pero,
afortunadamente, isto non é Eurovisión nin David Bowie é un flor dun día
seleccionado por unha canle televisiva pertencente á UER para someterse á
matanza popeira por excelencia. Non, isto é o mundo real. Isto é arte. Heroes atopou co tempo o espazo que se
merecía na memoria melómana colectiva e pouco importou que non fose un “namber
juan” destes tipo Cadena 100, que che rebentan a cabeza todo o puto día coa
mesma canción unha e outra vez.
Talvez
o hipotético respectable se estea preguntando por que me gusta tanto esta
canción. Podería dicir moita xente (e pese a que pertence a unha gravación de
referencia na historia da música) que Heroes
tampouco é para tanto. Que é unha canción repetitiva, todo o tempo a mesma
milonga durante seis minutacos, o mesmo riff
“ol de taim”, as mesmas consignas que non versos, o mesmo rollo motivacional
que en orixe non é tal... Boeno, tamén hai xente que ousa dicir que David Bowie
en xeral está sobrevalorado e tampouco os vou proscribir a todos coma se fosen
votantes de VOX (só lles mandaría a Alaska cunha porra para que os esperte do seu
letargo pop). É certo que o
desenvolvemento do tema non é o paradigma da sorpresa e moitas veces aí está o quid, en rentabilizar (e moito) uns
poucos e limitados recursos (algo similar me sucede con I Feel You de Depeche Mode, por exemplo). E sinto dicilo pero a min
esa sinxeleza embriágame, dende o segundo 0 no que dá comezo vou canda esas
ondas melódicas e véñome arriba coma se isto fose o anuncio desa coñecida marca
de bebida isotónica no que agora sae Trevor Jones. Sempre me sucede, non son
quen de describilo sen parecer gilipollas (ou candidata a protagonizar un deses
anuncios desa coñecida marca de bebida isotónica, apunto como idea para
publicistas), mais sempre intento que quen me lea poida facerse unha idea do
que son capaz de sentir cun temazo coma este. Infrutuosamente, claro está.
En
calquera caso, Heroes é unha das
miñas cancións de cabeceira. Gústame o álbum completo e entendo que, como bo
todo que é unha gran obra de arte, debe ser desfrutado na súa totalidade, pero
aínda así permítome a miúdo o pracer culpable de desencaixar esta peza e marabillarme
con ela unha e outra vez, entoándoa como o faría Ziggy, sentíndome unha heroína
e sen perder a oportunidade de falar dela en canto se me presenta a ocasión. Sobran
as palabras, hai que escoitalo e deixarse levar...
Este
si que é un verdadeiro temaaaaaaaaaaaaaaaazo!
P.D.
Me niegho en rotundo a citar cun mínimo de cariño versións deste tema. Esa que
sae na peli de Godzilla dos 90 é merda
pura e non aporta nada minimamente interesante, o resto son de afeccionados
(moi respectable, xa o sei, pero non atopei nada amateur que me convencese nin un pouquiño) e a que realmente quería
atopar, que era a proba de Dave Gahan para entrar como cantante na banda xerme
do que logo sería Depeche Mode, estará inédita in saecula saeculorum. En fin. Ninguén iguala ou supera a Bowie.




Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.