A
actualidade manda e non puiden loitar contra a irresistible tentación de
deixarme levar pola mesma, aparcando, polo tanto, outras cousiñas que levaba
mellor preparadas para publicar por aquí. Madrid. Xogos Olímipicos. E toda a
parafernalia destinada a decidir se esas aspiracións se materializan en algo
máis. Por terceira vez, pasaron desapercibidos. Por terceira vez, os medios de
comunicación afíns a este réxime especializado en cortinas de fume vendéronnos
a moto da solvencia, traballo, compromiso e ilusión da capital do estado por
albergar un evento que nos pode endebedar ata límites insospeitados. Molaría ir
a unhas olimpíadas que estivesen preto do meu lugar de residencia? Pois home,
si. Pero este non é o momento.
Porén,
nesta querida España á que cantaba Cecilia, tan esquizofrénica e bipolar no seu
modus operandi, podemos estar á
cabeza do ranking en canto a número
de desempregados, podemos recortar salvaxe e despiadadamente en sanidade e
educación, podemos permitirnos ter unha clase política corrupta e ignorante,
podemos arrastrar un lastre económico del
copón e, ao mesmo tempo, podemos aspirar a organizar os que son os maiores
fastos do noso tempo (porque o deportivo sempre queda nun segundo plano, os
xogos sempre son un escaparate e un lavado de cara para os países que os
organizan). Que sí, impossible is nothing,
dicían a modo de motivador slogan deportivo.
Podemos. Así funciona a opinión mediática española, como lle gustaba recordar
ao gran José Luís Sampedro: a grandes males, grandes placebos. E, se non
podemos maquillar o suficientemente ben as cifras macroeconómicas deste país e se
xa non podemos agochar mellor todas as chanchulladas e toda a merda que se move
na política española, podemos crear unha fronte patriótica común efémera pero
efectiva, un sentimento nacional de corte emocional e irracional que nos
permita marear a perdiz un pouco máis sen ter que pensar moito na solución real
aos nosos problemas: os ingleses son uns sons
of a bitch e todo o mundo sabe que Gibraltar é noso e aínda que nos
merecemos ter uns xogos olímpicos, porque somos un país caralludo, sen máis
(tendo un montón de tópicos que esgrimir para que queremos dar razóns?), por
culpa dos mamalóns do COI e de Alberto de Mónaco non os temos. É a lóxica
absurda daquel que se cre omnipotente no tocante ás súas ideas: non é que nós
esteamos equivocados, é que todos están contra nós.
Boeno,
o fracaso diso que se deu en chamar Madrid 2020 é máis que evidente e creo que
pouco máis se pode dicir. O que en realidade me interesa a min son os detalles
máis escabrosos pero máis frívolos desta película de terror. E a presentación
da candidatura olímpica de Madrid en Buenos Aires este pasado fin de semana
nada tivo que envexarlle a calquera espectáculo televisivo de pacotilla.
A
verdade é que, por falta de tempo, non puidera pararme ata hoxe, luns, a ver un
documento que, polo visto, se volveu viral: a intervención da alcaldesa da
cidade de Madrid, Ana Botella, nun pouco fecundo intento por convencer aos
votantes de que a candidatura de Madrid era a repanocha, recorrendo unha vez
máis a toda esa batería de topicazos españois que tan únicos nos fan no mundo
segundo a “antropoloxía” máis rancia e interesada (o da relaxing cup of café con leche in Plaza Mayor pasará aos anais da
historia como unha das peores frases contidas nunha argumentación). E unha vez
que o vin, souben que antes de facelo era máis feliz. Realmente non sei que me
cabrea máis deste "discurso", se é que se lle pode chamar así, porque
para min o meirande problema non é que fale mal inglés (que o fala de pena, na
miña vida tal cousa vin, tes un cento de tradutores que che botarán un cable se
non dominas a lingua, que necesidade hai de facer o ridículo?), senón o
postureo que se gasta a señora Botella: a súa forma de declamar é tan pobre,
artificial e forzada que non me estraña que os membros do COI optasen por outra
candidatura. Nótase a leguas que trata de disfrazar con esas subidas e baixadas
de ton, con esas pausas sen sentido e con esa vehemencia tan desquiciante o seu
nulo coñecemento dun idioma estranxeiro que hoxe en día se ve como requisito
indispensable nas relacións internacionais. E o máis triste é que esta muller
estea aí, empoderada e na primeira liña da política da cidade á que representa
por estar casada con quen está, cando é incapaz de artellar, nin sequera no
seu propio idioma, un discurso medianamente coherente e, sobre todo,
convincente.
A
narrativa deste fiasco non podía ser máis elocuente. Todo falaba por si mesmo e
todo anticipaba un gran batacazo, a euforia made
in RTVE (que eu creo que experimenta unha especie de síndrome do niño baleiro
cando rematan unhas olimpíadas, esas audiencias que nunca volverán!), o
discurso falaz e mentireiro de Rajoy sobre a saída da crise, os argumentos
débiles contra preguntas que, segundo todos os impulsores do suculento pastel
dos xogos, son trampulleiras, eses 50 votos garantidos… Era tan divertido ver
como se vendía a pel do xabarín antes de cazalo e ver como todo ía in crescendo sen que ninguén apuntase ao
sentido común que aínda que tivera estado na miña man poder avisar a toda esa
xente de que as súas “ilusións” ían caer en saco roto, non o tería feito.
Sen
dúbida, o mellor de todo isto é que o cidadán de a pé saque todo o seu enxeño
para rirse deste bochorno: unha vez que a burbulla do soño olímpico estourou,
por terceira vez consecutiva, por fin moitos se deron conta do que estaban
dispostos a apoiar incluso cando ninguén lles preguntou se realmente querían
que o seu país fixese unha inversión arriscada que non se sustentaba en nada
sólido (todos se marabillaban cando aos políticos se lles enchía a boca dicindo
que o 80% das instalacións xa estaban construídas e eu debía ser das poucas
persoas á que iso lle parecía a aberración máis grande do mundo, un montón de
edificacións erixidas para nada, para algo que non sabes se vas ter! E despois
falan do despilfarro do Gaiás!). Despois da decepción, da que pronto se recuperarán
moitos, só queda espazo para o humor, así poderemos darnos conta de ata que
punto todo isto é moi absurdo. Pois, pensemos un pouco en frío e preguntémonos
para que quere Madrid, sobre todo neste momento, unha olimpíada?



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.