Gracias
ao luns sabemos o que vale un venres. E gracias a melodías coma as de
Whitesnake podemos agardar con optimismo, incluso nun luns, a ese fin de semana
para o que xa queda un día menos. Here I
Go Again é un himno á motivación, á loita e á superación. Só con escoitala
xa unha ten ganas de erguerse e non parar, de seguir adiante, de deixar de depender das promesas de onte, de cambiar de
idea, de non malgastar máis tempo, de irmos aló outra vez!
Esta
canción apareceu na miña vida por vez primeira aló polo 2011 mentres vía na
escuridade dun cine a batalla final de The
Fighter (é que me encantan as películas de boxeo e esta, sen ser brillante,
está moi ben e recoméndoa). No comezo desta pelexa, o personaxe encarnado por
Christian Bale, un adestrador de boxeo adicto ao crack que busca redimirse
elevando ao seu irmán (interpretado por Mark Wahlberg) á cuspide dos altares
puxilísticos, motiva ao seu pupilo no ring cantando unha canción que comeza a
soar por detrás, primeiro timidamente e logo xa como un estourido. Esa canción
é Here I Go Again, de Whitesnake,
unha canción que xa forma parte da banda sonora da miña vida.
Teño
unha especie de fascinación case morbosa cos anos 80 e todo o que representan.
A todos os niveis. E o chamado hair rock
paréceme unha das expresións máis horteras, pode que sí, pero máis brillantes
desta década. Que acusen a todos estes grupos do que queiran: que se son moi
comerciais, que se rematou sendo un estilo pre-fabricado e xa todos acababan
cantando a mesma canción coas mesmas pintas, que se son demasiado horteras,
como xa dixen; que se son heavy “pasteleiro”
e demasiado amable, que se ese organillo soa máis pasado que comer paella nun
comedor universitario… A min encántanme! Estética e musicalmente, faltaría
máis.
Para
min, Here I Go Again é a mellor
canción da historia que se pode inscribir neste estilo hair rock oitenteiro. Sí, a mellor. Hai unha épica, unha mística
pop arredor deste tema que non alcanzo a describir sen parecer imbécil.
Prodúcese unha total simbiose entre David Coverdale e eu, porque chega a un punto
no que nos cansamos de camiñar sós ao longo da solitaria rúa dos soños e, veña,
dálle! A berrar e a desbocarse! É unha canción moi grande, soa ampla, poderosa
e contundente. Optimista e motivadora. E, como non podía ser doutro xeito, hai
un “gorgorito” inimitable no que é imposible non desafinar e un solo de
guitarra que efectúa unha transición estupenda.
Cantas
veces teño berrado e feito meu o espírito do máis puro hair rock con esta canción! Na ducha, no coche, cociñando, movendo
os labios en modo playback pola rúa
coma se estivese no meu propio videoclip… Boeno, do videoclip mellor non falar,
porque iso sí que é o colmo do absurdo (esa tipa que fai acrobacias no capó dun
coche, que sae pola ventá do mesmo e que se pon a morrear ao vocalista mentres
este conduce) e desmerece a canción, que non deixa de ser un auténtico
temaaaaaaaaaaazo!
Non
hai palabras para describir o monte de sensacións que me trae Here I Go Again. Só escoitándoa
poderedes entenderme. Aí vola deixo para que vaiades poñéndolle o son axeitado a
un fin de semana que seguro que será mellor e que xa logo chega!

"El usuario que ha subido este vídeo lo ha bloqueado en tu país".
ResponderEliminarDesde que país escribes, MedeaNaEira?
Agora deberías poder escoitar a canción. Gracias polo aviso.
Eliminar