Boeno,
hoxe publico a miña primeira reflexión cultural barateira na diáspora e, por
este motivo, a escolla do terceiro temazo da semana non podía realizarse doutro
xeito. A min, que me entusiasma a poesía cada vez máis (ata hai ben pouco
parecíame un coñazo e algo antinatural todo aquilo que non estivese en prosa),
a canción da que vou falar a continuación ponme os pelos coma escarpias,
porque, para min ten unha das letras sobre a nostalxia, o regreso e todos os
sentimentos que lle suxire a un a evocación do pasado máis caralludas da
historia da música, da poesía e de non sei cantas artes máis. Esta canción é Volver, popularizada nun primeiro
momento por toda unha icona da cultura arxentina (aínda que non o vou dicir moi
alto so pena de que se me enfaden os uruguayos e os franceses), o arquicoñecido
cantante de tangos Carlos Gardel.
Volver foi
composta no 1934 ou 1935 (as fontes que me proporciona internet son algo
confusas e contraditorias) polo propio Gardel e Alfredo Le Pera, este último,
autor da súa marabillosa letra. Por obra e gracia destes dous mestres, veu ao mundo
un auténtico himno, un tango cunha melodía delicada na que a voz rexia e
porteña de Gardel e a mensaxe da canción son as verdadeiras protagonistas.
Encántame o son a gramófono, a antigo, a anos 30 tan puro que, evidentemente,
ten esta canción, é unha auténtica viaxe na máquina do tempo a unha época
descoñecida tan turbia como dourada. Pero é que as figuras literarias desa
letra son a repanocha, de verdade, a min o de las nieves del tiempo blanquearon mi sien paréceme unha das
metáforas máis traballadas coas que me topei no meu curto andar pola vida e o
meu aínda máis curto camiñar no mundo da arte. E hai frases tan demoledoras
como tengo miedo de las noches que
pobladas de recuerdos encadenan mi soñar, que dan conta do ton nostálxico
da canción, que nos transportan a unha fonda melancolía e que nos fan desfrutar
coma nunca do emprego da lingua. Porque si, ata na linguaxe se pode atopar
beleza e deleite, a min polo menos pásame.
Como era previsible, Volver
foi maltratada ou non por unha ringleira irrematable de versións máis ou menos
afortunadas. A película homónima de Pedro Almodóvar do ano 2006 colleuna como
tema de cabeceira para ilustrar o espírito do seu filme… Pero, para min,
cagouna. Con todo o respecto que me merecen o flamenco como xénero musical e algúns
dos seus máis ilustres represantes, que os responsables da banda sonora desta
película lle desen ese xiro tan cañí ao estilo do tema rematou por matalo.
Tampouco teño nada en contra da voz de Estrella Morente, que, guste ou non,
bota un verdadeiro chorrazo por esa boquiña (sí, é ela, non é Penélope a que
canta nesa película, aínda que creo que se nota eu aviso por se acaso) pero,
non sei, para min non acaba de callar esta versión e creo que se carga a
inmensa forza que ten o tema, pese a que define á perfección a problemática á
que se enfrontan as mulleres que protagonizan esta cinta.
Porén, ao contrario que a flamenco cover que veño de citar, hai unha versión, máis acústica,
que me encanta: a de Andrés Calamaro, incluída no seu álbum El Cantante. Supoño que é un pouco tópico pensar que
só un cantante arxentino pode captar a esencia dun tango de Gardel pero é que
para min realmente dá no cravo. Mantén o espírito e mesmo o ritmo deste tango
ao mesmo tempo que lle dá un aire novo, convértea nunha canción de autor e
corrobora o que xa se sabía, que é unha canción intemporal cunha mensaxe
universal e que, polo tanto, como boa peza de arte que é, perdurable e
memorable, non poderá morrer xamais. Así funciona para min a interpretación que
fai Calamaro deste tema: cóllea e versiónaa para demostrarnos, por se non o
tiñamos claro, que é un clásico inmortal e que, como tal, merece que dun xeito
ou outro a lembremos, a tarareemos na ducha e gocemos dela coma unha magnífica
canción.
É por iso polo que esta canción é un temaaaaaaaaaaaaaaaaaazo
con todas as letras.
Escoitádea e marabilládevos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.