A
miña adolescencia tardía non se entende sen Dave Gahan. Non só porque a súa voz
grave e sensual, as súas contorsións no escenario e a súa vida de rockeiro
atormentado e adicto a todo o aditivo humedeceran unhas poucas bragas, senón
porque con todo iso descubrín a elegancia da melancolía e da introspección.
Gahan é todo iso, coa súa voz fai súas as coitas de Martin L. Gore, canta á
pena, á desilusión, á languidez e á aflición coma ninguén, ao lado máis escuro
da natureza humana, aquela que nos encerra en nós mesmos e que nos apresa no
desconsolo, provocándonos unha morbosa soidade á que incluso lle chegamos a
coller o gusto. Parece mentira que un grupo como Depeche Mode, o seu grupo, con
estas características, chegase a ser considerado de masas e conseguisen encher
estadios.
A
modo de pseudoclase de historia, direi que o cantante e compositor Dave Gahan naceu o 9 de maio do ano 1962
(si, recordo a súa data de nacemento antes que a de algún membro da miña propia
familia, lapídenme!) no seo dunha familia desas que por non cumprir co canon
cristián/católico/apostólico/romano son chamadas desestruturadas pero, en todo
caso, humilde e que, en principio, tampouco é que apuntara ao éxito. Foi un
adolescente rebelde e problemático, como non? Viva o rock! E chegou á banda
xerme do que logo sería Depeche Mode a través dun cutre anuncio no que se
solicitaba, case suplicaba por un vocalista. Así entrou Dave Gahan a formar
parte do meu altar particular do pop, fascinando aos seus futuros compañeiros
de grupo entoando o Heroes de David
Bowie.
Os
seus inicios máis “iniciosos” coa banda Depeche Mode non facían presaxiar nada
do que expuxen no primeiro parágrafo, posto que singles como Just Can’t Get
Enough ou Get The Balance Right
tiñan un corte máis ben popeiro e case hedonista. A propia imaxe dos
compoñentes do grupo, tamén a de Dave Gahan, inspiraba case o mesmo que Rick
Astley. Pero Depeche Mode pronto se desprendería desa condición de pop efémero
e oitenteiro (sobre todo a raíz da marcha de Vince Clarke, actual membro de
Yazoo e Erasure), pois o talento dos seus membros e, en especial, do binomio
Gore-Gahan estaba chamado a darnos algo máis. E efectivamente foi así.
Normalmente
eu adoito poñer unha fronteira entre esa faceta puramente pop que envelleceu
moi mal e o seu período realmente produtivo no disco Some Great Reward (1984), o cal non quita que antes diso non
houbera pequenos retallos que xa nos advertían dun cambio de rumbo (Everything Counts, Leave In Silence). A partir de aquí a diferenciación comeza a ser
cada vez máis brutal, eles sempre quixeron ser diferentes e aquí comezaron a
conquistar o lugar que por dereito aínda lles corresponde no panorama musical
actual e tamén no meu melómano ser.
Co
Black Celebration (1986) chegaron os
coiros, as cabeleiras engominadas e a estética gótica. E tras o Music For The Masses (1988) e o Violator (1990), discos cos que Depeche
Mode firmou a súa mellor época na electrónica (nisto tamén tivo algo que ver
Alan Wilder, o cuarto en discordia que acabou “neghro” das neuras todos eles a
mediados dos 90 e marchou, unha pena), chegou o Songs Of Faith And Devotion, un traballo máis rockeiro e máis
“espiritual”. Debo dicir que o nivel de “follabilidá” e de talento de Dave
Gahan adoita ser directamente proporcional ao seu nivel de autodestrución e no
lapso de tempo que vai dende finais dos 80 ata principios dos 90, é dicir, a
época na que se editaron todos estes discos que lanzaron ao grupo ao máis alto
e que nos deron auténticos himnos, como Personal
Jesus, Enjoy The Silence, Strangelove, Never Let Me Down Again, Walking
In My Shoes ou I Feel You, Gahan
estivo ao borde do precipicio un cento de veces. A súa inestabilidade emocional
e amorosa, o seu gusto polas substancias perigosas (véxanse heroína, cocaína, speed, alcohol…) e as súas ganas de
vivir ao límite chegaron a matalo literalmente durante uns 5 minutos.
Falar
de Dave Gahan é falar de carisma, un carisma que se manifesta no musical e no
estético, podendo apreciar unha evolución absolutamente brillante en 30 anos de
carreira artística. A audiencia foi moi consciente dende mediados dos 80 de que,
se Depeche Mode tiña un líder, ese era o seu vocalista (hai moitos seguidores
que manteñen que este grupo carece desa figura, posto que o protagonismo na
escena a veces vai moi repartido entre Dave Gahan e Martin L. Gore, compositor
e vocalista esporádico). Voz, dominio e entrega en cada interpretación son os
seus sinais de identidade. O seu poderío escénico é indiscutible, explota todos
e cada un dos seus recursos para engrandecer a actuación, sendo a oscilación
entre o sentimento e a sexualidade un dos máis notables. É imposible que deixe
indiferente a ninguén, independentemente de que guste máis ou menos. É único e
por iso sobresae.
Gahan
tardou bastante en labrarse unha carreira como solista, non foi ata o 2003
cando se decidiu a lanzar o seu primeiro álbum con composicións propias e dos
que logo serían os seus colaboradores habituais Christian Eigner e Andrew
Philpott (que tamén traballaran previamente con Depeche Mode), Paper Monsters, un bo ensaio e anticipo
da que logo sería a súa obra magna en solitario, Hourglass (2007). Pode que sexa aventurado aseverar isto tratándose
dun artista que sempre estará vinculado a un colectivo (e encima un colectivo
con tanto renome como Depeche Mode) e que, de momento, só ten dous álbumes
propios, pero Hourglass é un dos
mellores discos que escoitei nunca. En serio. Temazo tras doutro, eu creo que
debe haber só dúas cancións de recheo, o cal é unha proeza tendo en conta que
moitos discos se editan con máis borralla que acertos. Pero Gahan tivo bos
mestres, as influencias do seu traballo previo en Depeche Mode están moi ben
aproveitadas e así se pariron grandes cancións como Saw Something, Kingdom, A Little Lie ou Use You. Unha lástima que este álbum non chegara a ser o
suficientemente coñecido neste país cando se editou (maldita tiranía das listas
de “éxitos” prefabricados de usar e tirar!) porque aínda hoxe non o aburrín e,
de verdade, é moi, moi bo.
O
novo milenio non acabou co encanto artístico deste home, xa que ademais destes
traballos en solitario que nos descubriron que podía voar soíño dun
xeito máis que digno, Depeche Mode continuou sendo un grupo de referencia e
culto na escena pop. Exciter (2001), Playing The Angel (2005), Sounds Of The Universe (2009) e, máis
recentemente, Delta Machine (2013)
confirman a boa saúde do talento do trío de Basildon. As súas melodías acadan
un nivel de exquisitez sublime, cobren e incluso melloran todas as expectativas
que crean e Dave Gahan crécese aínda máis (ademais de estar un pouco máis
sobrio). A mellora das súas calidades vocais, froito dunhas sempre necesarias
clases de canto, é manifesta nestes catro últimos discos de Depeche Mode e
tamén nos seus dous álbumes como solista. A súa voz está moito mellor modelada,
aquel vozarrón fondo e case ronco agora é un murmurio grave, lene e nasal que
inspira unha sensualidade case indecente e que nos transporta instantaneamente
a todas esas emocións tan duras e intensas que poboan o imaxinario lírico de
Depeche Mode. Como proba disto...
Pouco
máis podo dicir de Dave Gahan que non poida verse en todo o repertorio
audiovisual de Depeche Mode e no seu propio. Acaso fai falta recordar videoclips coma os de I Feel You ou Personal Jesus? Fai falta recordar o mencer do noso amor Biblia en man, en traxe a raias, pelo
longo e gafas lutuosas; a aquel vaqueiro que nos dicía nun burdel que se descolgábamos
o teléfono nos faría crentes, a ese Xesucristo do rock que encarnou en Walking In My Shoes e ao rapaz malo
redimido de Suffer Well? É necesario lembrar o ton tan sentido da
súa voz en Precious, Heaven ou nas marabillosas baladas
electrónicas incluídas en Exciter?
Precisamos volver ver directos coma o de Milán do 2006 ou remitirnos ao Devotional Tour do 94 para derreternos
con tanto afán erotizante e con esa explosión de carisma, efectivo incluso
sendo etílico, opiáceo e narcótico? Máis que un ídolo, Dave Gahan é un símbolo
do meu espertar ás novas propostas do extensísimo panorama pop dos últimos
anos, é unha icona artística e sexual que venerarei ata o final dos meus días.
I feeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeel youuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuu...
Your sun it shines...
I feeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeel youuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuu...
Within my mind...
Non me digades que non é unha canción "cojonuda" pa' facer esas cousas que tanto cunden nunha noite de xeada!



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.