Despois
dalgunha que outra xornada pouco benigna e xa que estamos en fin de semana e as
neuronas xa comezan a sufrir o seu proceso de debilitación paulatina semanal, procedo
a falar dun tema de gran inocuidade, para non ter que pensar moito ou dedicar
moitos esforzos á lectura. Coma todos os seres dotados de vida e de pensamento,
eu tiven unha infancia. E foi unha infancia ben normal, pese a que, agora, as
infancias que tiveron lugar nos 90 comezan a ter a mesma consideración e xa
empezan a gozar do mesmo respecto cultural que esas infancias vintage dos 80 ou os 70. Por suposto, a
televisión foi un dos grandes alicerces nos que se asentaron os meus gustos
puerís e unha ventá aberta a mundos irreais a través da que se perpetrou un dos
maiores crimes que caracterizaron a miña nenez: a miña obsesión cos Power
Rangers.
Só
por se acaso intentarei refrescar a memoria do respectable: os Power Rangers
son uns coñecidos personaxes dunha serie de televisión estadounidense (que tivo
infinitas versións ata hai ben pouco) que neste 2013 cumpre 20 anos, motivo
polo que lles vou render a miña particular “homenaxe”. Esta serie baseábase, á
súa vez, nun arquetipo televisivo xaponés, os sentai, que un produtor de orixe exipcia, Haim Saban, adaptou ao
mundo occidental. Ben, isto que de os chamados sentai foron adaptados é bastante discutible, porque o único que
fixeron foi crear unha trama con actores americanos mentres as escenas de
acción eran as mesmas do orixinal nipón. Cortar e pegar, así de sinxelo! E
barato! E cutre! Moi cutre!
Pero
boeno, o caso é que a min encantábanme os Power Rangers. Pero só me gustaban os
das primeiras etapas, en especial, os seis Power Rangers que logo aparecerían
na película de 1995 (logo vou a iso). Cal era o argumento desta serie? Ben,
pois case se pode dicir que non tiña argumento e que os seus guionistas tiñan
pouco choio, posto que contaba a historia duns poucos adolescentes recrutados
por un señor moi, moi, moi raro chamado Zordon (creo que era interdimensional
ou non sei como raio o definían) que vivía cun robot, Alpha (bastante máis “amaneirado”
que C3PO), para formar un equipo de guerreiros ao servizo do ben e da xustiza.
Este tal Zordon conferíalles poderes case ilimitados, uns traxes caralludos e
uns vehículos último modelo, os zords,
que se podían unir formando un megazord,
para salvar o mundo. O primeiro gran gazapo é: como narices a un fulano que
leva miles de anos vivindo nun bote de cristal, ao que só se lle ve a cara e
que está mal dobrado (todo moi normal, vamos) se lle ocorre depositar o destino
do mundo (máis ben, a seguridade nacional dos Estados Unidos) nas mans duns
rapaciños coas hormonas revolucionadas? Sí, eu tamén creo que é unha decisión moi
intelixente…
Os
personaxes eran planos de todo, realmente non sei como incluso un neno pode
chegar a empatizar con eles. Na primeirísima etapa da serie eran cinco: Jason,
o ranger vermello; Zack, o ranger negro; Trini, a ranger amarela (non lembro o nome de
ningún dos actores que os interpretaban, nin creo que mereza a pena recordalo,
aínda bo é que me acordo dos outros!); Kimberly, a ranger rosa (Amy Jo Johnson) e Billy, o ranger azul (David Yost). Estes tiñan que enfrontarse coas forzas
do mal, é dicir, cunha inxente cantidade de viláns absurdos e estúpidos (Rita,
Lord Zedd, Goldar…) cuxo propósito de subxugar a toda a raza a humana era menos
crible que Rajoy asegurando que para o ano saímos da crise.
Algúns
dos rangers que veño de citar pronto
desapareceron sen deixar rastro, parece ser que por reclamar melloras salariais
(realmente, participar en semellante despropósito televisivo debería estar moi
ben remunerado), o que significou o seu fulminante despido da serie. O elenco
renovouse con novas caras: Rocky como o ranger
vermello (Steve Cardenas), Aisha como a ranger
amarela (Karan Ashley) e Adam como o ranger
negro (Johnny Yong Bosch). A estes cinco rangers,
Zordon engadiu un líder: o ranger branco,
un tal Tommy interpretado por Jason David Frank.
Coma
toda franquicia ansiosa de xerar beneficios, os Power Rangers non tardaron en
dar o salto á gran pantalla con Power
Rangers: a película (1995), un remix
de todos os topicazos da serie, cunha trama que seguía a mesma estrutura
argumental de calquera capítulo solto e que, por suposto, foi un éxito,
especialmente en España e nos países latinoamericanos. E a min tamén me encantaba
esta película, como non podía ser doutro xeito. E gustoume porque mellorou dun
xeito considerable o que se vía na serie de televisión: os traxes dos power
rangers parecían máis resistentes, a metamorfose era máis espectacular, o
centro de mando de Zordon era máis moderno, o vilán principal tiña un pouquiño
máis de carisma (un tal Ivan Ooze ao que debo agradecer o noxo que lle teño á
col lombarda 18 anos despois), etc. Había unha serie de aspectos formais na
película que non a facían tan cutre coma a serie, o cal non quita que tivera
graves deficiencias (non imos incluír o argumento porque xa damos por sentado
que é un bodrio) e cousas que son auténticas memeces: o malo sae dun ovo, DUN
OVO, enterrado hai 6000 anos nas profundidades da cidade imaxinaria de Angel
Grove; non sei onde van os superpoderes de Kimberly porque se pasa toda a
película berrando “Tommy!” para que a salve (esa ranger rosa tan covarde e estereotipada que eu me pedía sempre no
xogo, como cambia a vida), todo o mundo sabe que Tommy e Kimberly están liados
pero na película tan só se desliza dun xeito sutil que deben ter ganas de
atoparse os dous sós nun palleiro nunha noite de xeada, os personaxes de Bulk e
Skull seguen sendo igual de insulsos que na serie e non fan puta gracia, os zords xerados por ordenador envelleceron
bastante mal, a subtrama dos pais hipnotizados é igualmente anódina, os
secuaces de Ivan Ooze non inspiran ningún tipo de respecto ou perigo, esa
guerreira-sacerdotisa émula de Raquel Welch que axuda aos rangers a recuperar os seus poderes tamén é un estereotipo que non
ten máis sentido que o de provocar algunha erección no público púber… Para
completar esta cadea de desastres inherentes a unha película comercial e
estival dirixida a un público novo, remítovos ao “Crítico da nostalxia”…
O
mellor sen dúbida desta película era ver que se podía facer paracaidismo co Higher Ground de Stevie Wonder (versionado
polos Red Hot Chili Peppers) e escoitar Dreams
de Van Halen ao final (benditos 80!). Pero se avanzamos uns anos no tempo,
concretamente uns dous anos máis tarde, tropezaremos cunha película que fai que
Power Rangers: a película poida ser
considerado un filme de Oscar ou de Palma de ouro: Turbo Power Rangers! Esta ¿película? é tal despropósito que a súa
cualificación pola miña parte excede hiperbolicamente calquera expectativa negativa
creada pola mesma, é dicir, que é unha merda. Máis rangers que desaparecen sen deixar rastro, un neno que usurpa o
lugar do ranger azul, monstros aínda
máis feos e ridículos, efectos especiais de pacotilla, un argumento aínda máis
tonto que o da anterior película… En fin, mala non, malísima! E, por unha vez,
o público reaccionou dunha forma axeitada, xa que foi un fracaso total e non
gustou nin aos fans máis acérrimos. Por se alguén quere ampliar (aínda que o
dubido), o crítico da nostalxia tamén lle dedica uns minutos a esta cousa…
A
miña historia cos Power Rangers rematou pronto, posto que era unha serie tan
infantil que non podía ser asimilada por raparigos de máis de 8 anos, supoño.
Lembro a primeira película cunha especial nostalxia unicamente porque forma
parte da miña infancia, desa infancia noventeira que agora está a ser
debidamente reivindicada e que non se entende sen estes personaxes que á
historia non creo que pasen (é medrar e darte conta do absurdo que era todo)
pero que permanecerán aí para algúns e para lembrarnos o que fomos. Pois iso,
rapaces, A METAMORFOSEARSE!



oghito con esto:
ResponderEliminarhttp://www.lasprovincias.es/20110629/mas-actualidad/sociedad/power-ranger-rojo-condenado-201106291958.html
Lamento dicir que o señor que aparece na noticia non se corresponde con ningún dos power rangers da "primeira xeración", por dicilo dalgún xeito, nin Jason, nin Rocky. Outra cousa é que protagonizara unha das múltiples versións que houbo posteriormente, cando mandaron a toda esta quincallada para o espazo ou a outra galaxia ou eu que sei. En fin, probiño... Moitas gracias por lelo.
Eliminar