Si, Rick Astley tamén está!!!
En
ocasións, cumprir o teu soño pode tornarse nun cruel pesadelo... Sen poñerse
tan melodramáticos, si é certo que na
historia da música popular houbo demasiados exemplos que probaron a veracidade
da máxima warholiana acerca da fugacidade da fama na nosa era. Exemplos de
artistas que quixeron ser grandes e lograron selo, pero durante unha soa
canción, artistas malditos que recibiron o recoñecemento de One Hit Wonders (algo así como “marabillas
dun único éxito”). Tiñan algo que dicir e achegar á cultura popular pero ese
algo non pasou dos cinco minutos...
Isto
dos One Hit Wonders non é unha
ciencia exacta e existen múltiples sistemas para determinar como se chega a
esta categoría. Eu vou utilizar o máis macarrónico e básico que se me ocorre,
paso de poñerme a indagar en listas de non sei cantos países e a medir impactos
empiricamente, todos sabemos cando a unha persoa se lle recoñece un mérito por
unha soa canción. O Aserejé, o Dragostea Din-Tei, a Macarena, o Gangnam Style, Don’t worry Be Happy, Si tu eres mi hoooooombreeee, Xirarei coma a roda do muíiiiiiiño... En
serio fai falta poñerse con gráficos e probetas para saber que quen as cantou
aghora mirmo “no er nadie” salvo na súa casa? Pois iso, opsis pura e dura e botando man desa metodoloxía pasarei a
continuación a facer o meu persoalísimo ranking
(de menos a máis), que tampouco é que sexa moi exclusivo por ser persoal,
dos meus quince One Hit Wonders
favoritos “of ol taim”!
15. Fire. Arthur Brown
desconcertou e impresionou ao respectable en 1968 escenificando un novo
concepto de espectáculo musical do que logo se beneficiarían artistas
posteriores como Kiss, Alice Cooper ou Marilyn Manson. A súa actuación en Top of the Pops non deixou indiferente a
ninguén e converteu este psicodélico e proto-metaleiro Fire nun éxito rotundo que nunca volveu repetirse.
14. I’m gonna be (500 miles).
The Proclaimers demostraron que o éxito tamén podía ser nerd. A pinta de pringados que tiñan estes xemelgos escoceses non
foi obstáculo para que esta canción, a súa canción, fose o gran exitazo de 1988
no Reino Unido e no resto do mundo. Despois diso non é que lles fora mal (mesmo tiveron unha película musical inspirada nas súas cancións) pero nada que ver con isto. Non sabería describir o espírito deste
tema, iso xa o fixeron magnificamente en Como
coñecín a vosa nai no episodio da segunda temporada Arrevederci Fiero, a cuxa revisión para tales efectos animo.
13. It’s Raining Men.
A triste historia de dúas boas cantantes que non puideron chegar a máis por non
responder debidamente ao canon de beleza do momento. Dúas tipas negras e gordas
coñecendo o éxito máis alá dun temiña? Por favor... Sirva esta denuncia en
clave irónica para presentar a The Weather Girls, un dúo musical formado por
dous portentos da canción, con voces magníficas que foron usadas e tiradas en
canto gravaron It’s Raining Men en 1982, un
tema ao estilo disco que ninguén quería (nin Cher, nin Diana Ross, nin Donna
Summer, ninguén) e que acabaría sendo un auténtico ghit que tivo máis dunha versión. O tema é do máis surrealista pero
o seu ton festeiro engancha.
12. Mercy.
Non todo van ser éxitos dos 80 (aínda que teño que admitir que esta década
superou ás demais e a si mesma en case todo, tamén na inxente produción de One Hit Wonders). Duffy era unha moza
galesa con pinta de Dusty Springfield recén saída dun concurso televisivo que seguiu a estela da súa
compatriota das Illas Británicas, a difunta Amy Winehouse, recuperando sons que
parecían esquecidos na súa música patria a nivel comercial. Mercy, o seu único megaghit transitaba pola senda do soul e do R&B,
enriquecendo un pouco as propostas do pop
británico daquel ano 2008 no que coñecimos á agora desaparecida Duffy. O seu
aroma a anos 60 e a voz case sobreaguda desta loira son inconfundibles, mágoa que
non pasase de aquí, porque prometía.
11. Knock on Wood.
Con esta versión do temazo de Eddie Floyd saltou á fama en 1979 Amii Stewart.
Digamos máis ben que pegou un “microchimpiño” á fama, porque rapidamente
esquecimos a esta cantante afroamericana feita un verdadeiro entroido no videoclip deste existoso sinxelo que converteu en bailable e discotequeiro unha
peza soul xa sobradamente coñecida.
Dos meus imprescindibles para a festa, con ritmo pegadizo e vicioso, máis
difícil de esquecer que a artista que lle deu forma, desaparecida en combate
malia que nunca deixou de traballar (sobre todo en Broadway).
10. Rescue Me.
A típica canción que todos pensamos que é de Aretha Franklin pero que non o é.
Fontella Bass tivo que morrer para que eu soubese que eran ela e a súa voz as
que estaban detrás deste tema de 1965 que me pirra, gran protagonista dos meus
momentos oldies. Un tema con forza
que marcou a traxectoria da pobre Fontella, que ata na súa páxina de whiskypedia pon que é coñecida
unicamente por este Rescue Me e que
nunca logrou un éxito máis, retirándose con precocidade nos anos 70 sen que
volveramos saber nada máis dela ata o seu pasamento en 2012. Mágoa porque tiña
madeira de grande. E voz.
9. 99 Luftballons.
Nunha selección que peca de anglófona conseguiu colarse esta pequena gran
marabilla achegada pola cultura alemá. Nena, sobrenome da punkarra xermana Nina
Hagen, petouno nas listas de éxitos da Alemaña Federal de 1983 con esta canción
que se anticipaba ao Wind of Change
dos Scorpions en canto á súa temática pacifista e conciliadora a prol da
unificación e a fin da Guerra Fría. E como unha canción reivindicativa en
alemán deu o pelotazo en medio mundo? Eu creo, e isto é só unha opinión, porque
o persoal non entendía nin papa, simplemente escoitaron unha canción de ritmo
contaxioso e deixáronse levar a pesar de que a cantaruxaran de forma moi
deficiente. Con todo, non tardou en facerse e popularizarse unha versión en
inglés (99 Red Balloons), para que algúns
non se herniaran moito. Porén, prefiro o orixinal en alemán, do que conseguín
entender un pisquiño grazas a que é un dos temas preferidos dos que ensinan
esta lingua (este e as versións xermanas de Julio Iglesias, flipa!). Nena continuou
gozando de certo éxito na súa terra natal pero fóra desas fronteiras non volveu
coñecer o éxito, menos mal que nos quedan os globos...
8. Beds Are Burning.
Dende Australia para o mundo, Midnight Oil cun tema político e reivindicativo
que o petou nas Antípodas e en todo o orbe en 1989. E xa está. Pode que non
sexa moi xusto incluílos nesta categoría xa que no seu país seguiron sendo unha
das bandas de referencia e continuaron tendo éxitos a esgalla pero tamén é
certo que non volveron ter sona a nivel internacional con outros temas. Un clásico
das promos da canle musical VH1 e da selección musical do meu coche tamén.
7. Maniac.
Michael Sembello puxo música aos soños húmidos de toda unha xeración de
adolescentes oitenteiros despois de que Adrian Lyne fixera bailar moi pouco
inocentemente a Jennifer Beals ao ritmo desta canción no celebérrimo
“blandiporni musical” Flashdance. Un ghit por dereito propio, de ritmo
irresistible e atmosfera ultra oitenteira. Pero Sembello axiña desapareceu coma
a maioría dos implicados neste filme reguleiro pero que cae simpático e cuxa
emisión televisiva domingueira sempre agradecemos.
6. Never Gonna Give You Up.
O de Rick Astley é como pretender facer unha tese de doutoramento sobre o Hamlet de Shakespeare, xa está todo
dito. Hai tanta bibliografía internáutica sobre este fenómeno que xa case non
vale a pena dicir nada del. Pero aínda así imos aló, porque un ranking de artistas dun só éxito sen o
seu ilustre nome nunha posición privilexiada está coxo. Corría o ano 1987 cando
as radios de medio mundo comezaron a bombardear sen piedade nin clemencia a
todas horas con Never Gonna Give You Up,
único éxito da carreira de Rick Astley e do que conseguiu vivir toda a súa
vida, chegando ao número 1 en case todas partes. Só os franceses ousaron
relegalo a un sexto posto nas listas de éxitos, algo indigno deste grande do
horterismo irredento que consagrou como inmortais a gabardina XXL e as
bailarinas anódinas e despeluxadas, con mención especial ao camareiro acróbata,
claro precursor dos ximnastas verbeneiros da Panorama. Astley era un
visionario, e coma todos os xenios foi un incomprendido que a posteridade
rescatou xustamente grazas á viralidade de internet co Rickrolling.
5. Eye of the Tiger.
Sobran as palabras. Este tema non precisa presentación pero si os Survivor, que
quedaron de por vida vinculados á saga Rocky
grazas a este temazo motivacional sen coñecer ningún outro éxito que o
superase. Unha xoia do hard rock dos
80 e das bandas sonoras de toda a historia do cine. E o gran himno deportivo do
noso tempo por excelencia.
4. We Are Family.
Despois do pop dos 80, a música disco setenteira é a miña debilidade, en
especial esta canción das Sister Sledge. Se fixeron algo máis despois desta
marabilla disco eu, dende logo, non
me enterei. Creo que seguen en activo pero a fama mundial deulles as costas e
convertéronse en pequenas celebridades do One
Hit Wonder.
3. Heat of the Moment.
As grandes figuras do rock progresivo dos anos 70 e 80 (saídas de King Crimson,
Yes ou Emerson, Lake and Palmer, entre outros) uniron forzas nun proxecto de
supergrupo que se deu en chamar Asia. Sacaron unha morea de discos entre 1981 e
a nosa presente década pero non lograron producir máis éxito que Heat of the Moment, cancionaza que hoxe
soa a morriña oitenteira e que, se os máis despistados fan memoria, se converteu
en sintonía da propaganda do extra de verán da ONCE hai uns poucos anos. Temazo
con maiúsculas, contundente e inesquecible.
1.
Black Velvet. O (non sei se) ansiado podio! A canadense Alannah
Myles era unha rapaza fermosísima de voz rachada igualmente fermosa á que a
industria discográfica lle xogou unha mala xogada entre finais dos 80 e os
albores dos 90. Foi nesa dura etapa de transición entre décadas de horterismo
irredento cando viu a luz o que sería o seu primeiro e último gran bombazo, Black Velvet, un tema rockeiro de clara
influencia country (aínda que pola pinta eu creo que fala de Elvis) co que acadou o
máis alto na lista Billboard e co chegou a gañar un Grammy. Pero a caída foi
tan rápida coma o ascenso e nada se soubo da pobre de Alannah nos anos
seguintes, malia que seguiu sacando material novo, mais este resultou
indiferente a crítica e público. Apareceu, coma outros tantos infortunados, no
programa especial que VH1 dedicou aos máis grandes One Hit Wonders dos 80 comentando as razóns ou sinrazóns do seu
único éxito e posterior fracaso. O desta muller tivo que ser un batacazo de
lenda e especialmente traumático, xa que non sei cantos anos despois, non se
lle ocorreu nada mellor para o seu regreso que regravar a canción que lle deu
tan efémera gloria. Mais o seu escaso éxito posterior e a súa nula visión non
deberían ser motivo para deixar de desfrutar de tan magnífico tema, destes que
querería cantar se tivese un grupo.
Animo ao meu lector implícito a que amplíe esta lista coas súas preferencias, sempre mola rememorar exitosos fiascos...
Animo ao meu lector implícito a que amplíe esta lista coas súas preferencias, sempre mola rememorar exitosos fiascos...

Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.