“Comeza o outono. A natureza cambia o verde polas cores torradas, caen as follas das pólas das árbores, a noite asáltanos unhas poucas horas antes, comemos castañas á beira dun lume que non nos estarrece nadiña... Oxalá! Porque a calor destes primeiros días de outubro non é de recibo nin crea a atmosfera axeitada para reseñar debidamente o álbum que traio á Cólquide co gallo do inicio da miña estación favorita...”
Así
ía comezar este post se servidora
tivese algo de rigor á hora de planificar as súas publicacións, pero non é o
caso, son anárquica ata para iso. Son dous os motivos deste descarte: o
primeiro, que xa caeron as primeiras trombas da temporada, así en plan diluvio
universal, coas súas inundacións e cataratas urbanas, e non ten pinta de parar.
E o segundo, que non hai moito que
regresei de Barcelona de ver un directo destes que quitan o impo pero co
que non conectei co grao xusto de sentimentalismo como para reservarlle un oco
nesa sección que teño un pouco esquecida. Efectivamente, despois dunha década
de espera, cumprín o meu soño de ver a U2 en vivo e en directo e aínda que
marchei cun bo sabor de boca e cun nivel de “flipación” considerable, debo
admitir que as miñas boas sensacións non son plenas. Resultaba obvio que sería
así dende o momento en que adquirín a entrada posto que era moi consciente de
que acababa de pagar 100 pavazos para ver a unha banda que me tiña gustado máis
do que me gusta no momento actual e da que adoito preferir as súas cancións
menos coñecidas (esas que nunca soan nos concertos). Valeu a pena o
despilfarro? Por suposto, que a ninguén lle caiba ningunha dúbida pero
inevitablemente hai un pero. Faltaron cancións para que a miña historia persoal
se retratase nesas dúas horas e algo de música e espectáculo (unha delas, ghit
en toda regra, I Still Haven’t Found What
I’m Looking For, unha das miñas favoritas) e o rollo mesiánico de Bono
acaba tocando un pouco os ovarios. Aínda así cumpriron e ben, notable alto para
este directo.
Como
dicía, faltaron cancións e o primeiro gran damnificado desa criba foi o meu
álbum favorito do grupo irlandés, por significado e calidade: October. É un disco que nunca vexo
aparecer nos top five, ten ou
potocentos da banda, case ninguén o ten en conta e case todos os parabéns van
parar a The Joshua Tree, Achtung Baby ou The Unforgettable Fire. Non me malinterpretedes, calquera destes
álbumes que veño de citar son a repanocha e están inzados de himnos e temas
memorables que a min tamén me molan, pero unha cousa non quita á outra: creo
que October está algo esquecido e non
parece merecer moita valoración por parte do público nin por parte dos seus
propios artífices, é algo así como a Jennifer Warnes dos discos de U2 (si, oh,
a tipa esta que lle facía os coros a Leonard Cohen , cantou o tema principal de
Dirty Dancing e logo non se volveu
saber máis dela a pesar de ter unha voz preciosa). E, ao meu modo de ver, isto
é unha inxustiza, considerar October como
un álbum de recheo nunha carreira chea de éxitos cando en realidade ten un
pouso moi consistente de calidade é poñelo ao mesmo nivel que toda a merda que
nos deu esta mesma banda durante os 90 e os primeiros anos 2000 (Zooropa, Pop, All that you can’t leave
Behind...). E iso non é. Porque é un álbum marabilloso a reivindicar e
redescubrir, cun son moi característico e recoñecible e co que se escribiu gran
parte da miña historia persoal, razón pola que estou aquí falando del cando o
mes que lle dá nome está tocando ao seu fin.
Cito
o primeiro parágrafo da whiskypedia
en español castizo (a versión en galego non se molla tanto) para ilustrar os
topicazos que pretendo desmontar con esta publicación:
“October (Español: Octubre) es el segundo álbum de la
banda irlandesa U2, publicado el 16 de octubre de 1981. October es considerado por muchos como el disco más flojo de U2, ya
que algunos críticos encuentran las letras duras y las interpretaciones sosas.”
E
dun plumazo xa nos foderon todas as expectativas. Frouxo, duro e soso. Olé. Así,
sen máis, ventilan once cortes aos que o fatum
llela xurou dende o principio, pois conta a lenda que as letras de todas as
cancións do disco foran gardadas por Bono nunha maleta que logo sería roubada
por unhas fans e que non lle foi retornada ata o ano 2004! Para entón, October estaba máis que ghravado e
reghravado, posiblemente non da forma máis satisfactoria para Bono, The Edge e
os seus, pero sobradamente inspirado a pesar das adversidades, como pretendo
facer ver. Para o seu segundo disco, os U2 (aínda pipiolos nisto do mundiño da música) puxéronse místicos e case todas as
cancións xiran en torno á enorme influencia que evidentemente ten a relixión
nun grupo de raparigos criados no catolicismo irlandés. A primeira canción, Gloria, é toda unha declaración de
intencións, con algún versiño en latín e todo, un tema de comezo ascendente que
vai ao gran e do que me ghusta practicamente todo: os berros (sempre preferirei
a voz berreada do primeiro Bono), as transicións con esas notiñas de piano que
case non están, o sinxelo solo de guitarra (The Edge nunca foi amigho de moitas
florituras), incluso a liña de baixo que precede ao clímax final cuxo inicio
sentencia un riff de guitarra
contundente. Para min, é un single
redondo e sen fisuras.
Cándidas
estrofas e potencia nos estribillos, así é a seguinte canción, I Fall Down, na que o piano ten un maior
protagonismo e na que se desprende forza dun xeito desigual pero máis eficiente
do que puiden considerar nunha primeira escoita. E inmediatamente e case coma
unha marcha comeza I threw a Brick
through a Window, tema de título anafórico no que a batería de Larry Mullen
Jr. marca algo máis que o ritmo, xa que leva sobre as súas costas todo o peso
dunha canción que parece levarte á terra.
Rejoice
foi durante moito tempo a miña canción favorita deste disco e aínda me
apaixona. Capaz de ir ao gran incluso máis que Gloria, o seu comezo de guitarra engancha e de que maneira. Ten
unha enerxía case indescriptible e resulta imposible deixarse levar, sobre todo
nesa transición na que batería e guitarra se marcan un duelo que a min desde sempre
me recordou (e podedes matarme por semellante heterodoxia) ao tema principal da
banda sonora de Pulp Fiction.
Ritmiños
complicados pero ben estimulantes son os protagonistas de Fire, que empeza cun coro un tanto estraño para logo remontar.
Funciona ben como preludio de Tomorrow,
o tema con máis pinta de balada de todo o disco. A intro con gaita dános o
momento máis folk-rock da historia da
banda (posiblemente o único) pero acertan de cheo xa que crea unha atmosfera
única para unha canción que fala do pesar da morte de xeito metonímico e con
moita pregunta lanzada ao aire para acabar reconfortando ese sentimento de
perda coa fe. Basicamente, o manual dos traumas de preadolescencia de Bono, que
perdeu a súa nai sendo moi novo e aquí describe, segundo recoñeceu el mesmo en
datas recentes, o funeral da mesma. Voces desgarradas, melodías cravadas na
terra e un estrondo final redondean este temazo.
E
agora con todos vostedes a única canción do disco da que U2 vai presumindo
algho dende 1981. October é o único
corte deste álbum que foi incluído na primeira recompilación de grandes éxitos
do grupo, The Best Of 1980-1990, e
aínda así nin sequera figura no tracklist,
senón que aparece como pista oculta despois de All I Want is you. Tamén é a única canción do álbum que seguen
tocando nalgún concerto (en Barcelona soou), polo que intuímos que desta deben
sentirse minimamente orgullosos. Mais non o entendo. Quero dicir, non entendo
como esta si e por exemplo Gloria, Rejoice ou Tomorrow non. Sen ser un truñaco para min si que é a máis frouxa do
conxunto e a que menos me di a día de hoxe, será que roza demasiado a depresión
(e mira que a min me ghustan as cancións depresivas). Pero boeno, podo entender
que o piano e tal... Tende a gustar (tamén tende a gustar With or without you e a min non me gusta demasiado).
E
aquí remata a tanda das lentas. Realmente non, hai unha pequena cesura en Scarlet, tema un tanto enigmático que
tamén soa a todo iso que según os tópicos é Irlanda, o rollo celta e a terra, e
no que só se di unha única palabra repetida unhas poucas veces. Pero antes de
chegar aquí temos que pasar por With a Shout e Stranger in a strange Land,
a primeira acelerada e vertixinosa (case punk)
e a seguinte segue pola senda marcada por I
threw a Brick through a Window, pode que cun pouco máis de enerxía. Ambas
espléndidas. E chegamos ao final con Is
that All?, interrogante que se asemella e moito a un clásico da banda, The Electric Co. Ou polo menos a min por
ritmo e estrutura paréceme que é moi semellante, e resulta unha conclusión
ideal como no seu día o foi The Electric
Co. para Boy.
É
posible que un argumentario tan subxectivo non convenza ao respectable e que a
diarrea verbal dun crítico especializado sexa moito máis doada de crer para
distinguir entre o bo, o sublime e o mediocre. Porque moitas veces os gustos
responden a cuestións de fe en hiperbóreos de distinta índole, cuestións de fe moito menos profundas que a arte referenciada neses gustos (condanado postureo). Sinto que as miñas limitacións sexan coma as
árbores que impiden ver o monte, mágoa porque estou certa de que este gran
álbum que todos toman por subproducto necesario en toda carreira musical in crescendo é realmente moi moi bo e ten un sentido, sobre todo tendo en conta que se trata dunha importantísima achega á busca dese son tan xenial e diferenciado que caracterizou á banda irlandesa nos anos 80. Dito isto, dáme pena que unha maioría dos que se declaran seguidores incondicionais de U2
non o aprecie deste xeito. Non me queda moito máis que animar á súa revisión, a
dar con novos matices nun traballo infravalorado, a redescubrilo en definitiva,
prescindindo de reseñas denigrantes, whiskypedias
e demais prexuízos.
P.D. Porque, dende logo, é mellor redescubrir October que virse arriba con The Miracle (Of Joey Ramone), do peoriño que fixeron na presente década...



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.