Personalidade,
voz, ídolo, orixinalidade, forza, rebeldía, beleza, ímpeto, transgresión,
grandeza, insubmisión, xenio, icona…
Son
moitos os conceptos que me veñen á cabeza cando penso nela… Cando penso nesa efixie arrebatada de verbo cru e
desgarrado. Nunca o estrondo dun berro áspero e fusco soou tan poético en todo
o seu rudo esplendor. A vida é agre e penosa e só un λόγος abrupto e tempestuoso
coma o dela pode reflectir o desacougo desta tortuosa existencia. Pero, tal e
como rezaban os (por unha vez, afortunados) versos dalgún aspirante a cantautor
progre con ínfulas de lírico ilustre en alusión a outra gran figura que infunde
unha feliz pero aflixida melomanía, quen puidera rir como chora ela… Porque si,
as amarguras non son amargas cando as canta a enormísima Janis Lyn Joplin,
coñecida por todo o orbe como Janis Joplin.
Janis
chegou á miña vida no ocaso dunha aproveitada adolescencia que me descubriu
todas as, por aquel entón para min, novedosas experiencias musicais que
conformaron o amplo panteón artístico que aínda hoxe sigo venerando e do que me
considero case profeta. Nunca poderei esquecer aquel día no que por fin me
decidín a mercar aquel recompilatorio cuxa selección de temazos aínda hoxe me
acompaña (porque si, houbo un tempo no que a xente aínda mercaba discos,
incluída eu) e que fun completando con retallos de aquí e acolá, pois fun
incapaz de quedarme con aquilo que se di “esencial”. E moito menos tratándose da
Joplin, que, como se verá a continuación, era moita Joplin!
A
carreira artística de Janis Joplin, e con isto non creo que vaia descubrir nada
novo, desenvolveuse durante a ondada de cambios culturais, estéticos, ideolóxicos
e musicais dos anos sesenta e setenta americanos, uns anos marcados pola
contestación política e social que propiciou a guerra de Vietnam ou a intensa
loita polos dereitos civís da poboación de cor e nos que o movemento hippy fixo súas todas estas proclamas de
rebeldía e pacifismo que tan positivamente influíron no eido musical, xa que
deses anos temos verdadeiras xoias da contracultura hoxe canonizadas pero
igualmente xeniais. Este é o caso tamén, por suposto, de Janis Joplin, nada en
Texas no ano 1943. Dende moi nova, Janis víase diferente e, probablemente
froito da inconsciencia acerca do atractivo da súa peculiaridade, sempre se
sentiu infeliz e marxinada. O seu aspecto físico non era perfecto, que dúbida
cabe (aínda que unha servidora a vexa agora como un dos seres máis
imperfectamente belos que nos deu a natureza), ademais de ser unha muller
insegura e emocionalmente moi vulnerable. Con todo, ese sentimento solitario e
de illamento foi reflectido maxistralmente nas melodías e letras que inmortalizou.
Janis
Joplin tiña talento a rabiar por si mesma pero tivo a sorte de bater con quen
fora capaz de entendelo e lograr o contrapunto axeitado para un resultado
óptimo. Por iso, sempre estivo acompañada tanto nas gravacións de estudo como
nos directos de bandas estupendas que souberon potenciar a súa xenialidade. A
primeira foi a Big Brother and the Holding Company, unha banda de corte máis
ben psicodélico á que se uniu en 1966 unha vez regresou a San Francisco (xa
coñecera a efervescente cidade californiana en 1963) fuxindo da vida mediocre e
conservadora que a agardaba no seu Texas natal (mesmo pensara en casar e todo)
e coa que impresionou ao público no Festival de Monterrey de 1967, no que
coincidiu cos grandes artistas e grupos do momento. Con todo, semellaba que a
colaboración entre Joplin e a Big Brother tiña data de caducidade, posto que a
gran voz que lideraba o grupo chegaba a eclipsar o traballo da banda. Desta primeira etapa, de gran actividade creativa, destaca o álbum Cheap Thrills.
A
finais da década dos 60, comezou o seu idilio coa Kozmic Blues Band, unha banda
creada a partir dunha coidada selección de músicos levada a cabo pola propia Janis
e o que naquel momento era tamén produtor de Bob Dylan, Albert Grossman. Joplin
apostaba por un son diferente e alonxado da psicodelia que caracterizaba á Big
Brother. As súas preferencias e principais influencias musicais camiñaban polos
sendeiros do blues, o soul e o rock máis puro, algo que tratou de plasmar nesta nova andaina coa
Kozmic Blues e que, nun principio, lle “saíu furada”. A crítica non gustaba da
nova Janis, aínda que a ela iso tanto lle tiña, pero o público si acolleu este
cambio con entusiasmo, como se viu na xira europea que emprendeu co seu novo
grupo e no mesmísimo Festival de Woodstock en 1969, no que deixou coa boca
aberta a todos os hippies que pasaban
por aí.
Mais
a Kozmic Blues tampouco foi a banda definitiva para Janis, posto que a súa
composición, a pesar da súa manifesta eficacia, posto que eran todos músicos
profesionais, resultaba un tanto artificiosa cando Joplin buscaba todo o
contrario: fundar o máis parecido a unha gran familia sobre o escenario.
Ademais, os seus problemas co alcohol e as drogas, que viña arrastrando dende
principios dos 60, xa eran demasiado graves, feito que tamén influíu de xeito
decisivo na disolución desta banda. Porén, tras un período de descanso e de
desintoxicación, en 1970, Grossman propúxolle unha nova banda, a derradeira: a
Full Tit Boogie Band, coa que gravou nese mesmo ano o que está considerado un
dos mellores álbumes de todos os tempos: Pearl,
editado de forma póstuma en 1971, pois Janis Joplin falecería por unha
sobredose de heroína o 4 de outubro de 1970.
E
aquí conclúe o atracón de coñecemento wikipédico, eu son máis de odas e loas
menos eruditas, pois non aspiro a traballar en Radio 3… A vida de Janis foi
efémera, dende logo. O seu talento amosóusenos dun xeito tan fugaz como
brillante, pois non renunciou a vivir rápido, facendo seus os agora tópicos
lemas de “sexo, drogas e rock n’ roll” e “vive á presa, morre novo e deixa un
bonito cadáver”. Janis era todo iso, un paradigma da subversión do rol. Talvez
levada ao extremo, non o vou negar. Pero sempre se negou a acatar todo aquilo
que recordara a algo preconcibido e refusou asimilarse ao convencional en todos
os ámbitos: na música, na súa vida privada, na súa forma de vestir, no seu
xeito de pensar e entender a vida… Foi quen de converter as súas frustracións vitais
e as súas penas en arte, logrando provocar unha especie de catarse no seu
público e nos que aínda a admiramos despois da súa morte. A súa persoalísima voz,
áspera e pouco dada a floreos de calquera clase, agromaba dunha gorxa que
parecía que ía estourar en calquera momento pero da que nos namoramos
perdidamente nada máis oíla. Todas aquelas cousas que noutros cantantes nos
parecen “ghallos”, idas de ton ou berros sen máis en Janis Joplin son auténticas
marcas diferenciais, unha mostra máis do relativa que pode ser a beleza, pois
unha voz que en principio semella desagradable e á que socorreríamos ipso facto ofrecéndolle un caramelo
mentolado á súa dona, resulta ter un encanto insospeitado. A paixón e a entrega
no escenario foi o seu máis perfecto complemento para transmitir axeitadamente
a súa mensaxe a veces atrevida e despreocupada, a veces depresiva e lánguida.
Era todo sentimento, melancolía e emoción.
E
que dicir dos auténticos temazos que nos legou? O bo de ter unha carreira tan
curta e de formar parte do maldito Club dos 27 (no que tamén atopamos outras
ilustres figuras coma Jimi Hendrix, Kurt Cobain ou, máis recentemente, Amy
Winehouse) é que case non che dá tempo a facer borralla. Janis posuía tantísima
arte esperando a ser debidamente explotada, tiña tan bos músicos detrás e tanto
carisma que todo canto fixo resultou ser magnífico. Sublime. Non había lugar
para recheos ou composicións anódinas, a súa intensa vida, salvaxe e indócil
por momentos, tamén o foi musicalmente falando. Deste xeito, aínda hoxe, 40
anos despois do seu pasamento, podemos seguir gozando de melodías xa
inmortalizadas no seu momento, propias e alleas, como Piece Of My Heart, Ball And Chain, Misery’n, Cry Baby (a miña
primeira vez), Maybe, Raise Your Hand,
Kozmic Blues, One Good Man, Me And Bobby McGee, I Need A Man To Love, Road
Block e un longuísimo και τα λοιπά (poñer “etc.” a todas horas xa me aburre).
Incluso ese Mercedes Benz cantado a capella, a súa última gravación, un
tema que se deixou tal cal, sen instrumentalización nin nada, unha canción
cunha letra e cunha mensaxe do máis frívolas e sinxelas, soa a gloria nos oídos
dunha devota de Janis coma min…
Para
min, falar de Janis Joplin é falar de inspiración. Ela é A ÚNICA MUSA do meu
espertar cultural. Talvez sexa inadecuado dicir que me gustaría ser coma ela,
porque coma ela non vai haber ningunha, ningunha con esa mesma vocación
provocadora, ningunha con ese mesmo don para transformar a rareza en fermosura.
Janis é unha das miñas grandes referencias precisamente por ser un deses
fenómenos que se repiten na historia da humanidade nada máis que unha vez cada
mil anos. Adóroa polo imposible que resulta que forme parte da miña contemporaneidade.
Por ela tería desexado retroceder unhas cantas décadas no tempo para poder ser
testemuña da súa entronización no vasto Olimpo do rock, cidadán de a pé coma ela que logo a divinizaría coma a gran
diva (unha de verdade, non estes chorros de voz de pacotilla que incluso se
atreven a dicir que se inspiran na gran Janis) que logo resultou ser. Non hai
nada nela que non sexa fascinante, dende chantarse e dicir “non, nunca serei
coma as demais” ata o seu sorriso expresivo e explosivo, case pueril pero
sempre vivo. Un sorriso co que eu sempre vivirei na parede do meu cuarto, no meu
muro de facebook, no fondo de pantalla do meu ordenador… Pero sobre todo, un
sorriso que evocarei en cada canción.
Porque mulleres coma ela
nunca morren…





Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.