Boeno,
como xa adiantaba hai uns días, non puiden resistir a tentación de asimilarme
un pouco a esta corrente de paz, amor, felicidade e buenrrollismo que nos aparvará
durante unhas insoportables ou “requete-happy”
semanas (depende de cada un), iniciando a primeira parte dunha triloxía que me
levará aos lugares máis inhóspitos desta celebración. A min o Nadal, como boa
nena culturalmente capitalista, gustábame moito. Encantábame a idea de que unha
vez ao ano meus pais me compraran con cacharrada plastiqueira mentres eu finxía
merecelo moito. Porque si, todos os nenos se portan ben todo o ano, unha das
grandes mentiras da nosa era xunto con he
leído y aceptado las condiciones y términos de uso, bla, bla, bla… En fin,
todos os nenos medran e eu tamén (boeno, algo sempre queda) e, sen chegar a
odiar o Nadal en plan novela Dickensiana, si que hai nel certas cousas que me
proen un pouco, e non teñen nada que ver con reivindicar a verdadeira esencia
cristiá desta festa, por un lado, afortunadamente re-paganizada. Hoxe,
dispóñome a destripar unha desas cousas que máis tocan os ovarios… Aínda
estades a tempo de deixar de ler, pois todo isto pode chegar a producir
urticaria, desprendementos de córnea ou, directamente, derrame cerebral. Si,
meus señores, hoxe toca unha verdadeira película de terror, hoxe toca falar de…
PANXOLIÑAS POP!!!
Como
se os grandes clásicos do cancioneiro popular conmemorativo da festividade do
solsticio de Inverno entoados por coros dubidosamente infantís non fosen o
suficientemente insufribles (Campana
sobre campana, Ande, ande, ande, la
Marimorena, Los peces en el río, Ay! del Chiquirritín e toda esa
trapallada), os grandes fenómenos de masas da industria discográfica tamén se
apuntaron á ardua tarefa de compoñer temas aínda máis cargantes e tediosos.
Todo cantante ou grupo cun mínimo de éxito ten unha ou varias manchas no seu
historial e é raro que unha delas non coincida co intento de facer unha canción
ou un disco dedicado ao Nadal. E isto sucede dende que o mundo é mundo e así o
imos comprobar. Correde, insensatos!!!
Ninguén
discute hoxe que Frank Sinatra, Aretha Franklin, Elvis Presley ou Johnny Cash,
por poñer algúns exemplos, son artistas de pleno dereito, clásicos
incontestables cuxa influencia excede incluso o que eles mesmos puideron ter
pensado para si, independentemente de ter o ego moderada ou excesivamente
inflamado. Pero a maioría destes clásicos tomaron parte no pecado orixinal e
gravaron as súas pertinentes panxoliñas, algunhas máis intragables ca outras,
admítoo. Pero o caso é que sentaron o perigosísimo precedente do que hoxe
debemos padecer cada ano… En fin, comparado cos nosos días, Let It Snow...
...ou Blue Christmas eran gloria bendita.
Mais
esta práctica non era exclusiva do incipiente pop foráneo, pois dentro de fronteiras un tanto máis próximas tamén
asomaba a cabeza algún mito musical que se acabaría repetindo máis que comer
uns ovos fritos con chourizo antes de ir para a cama. Si, estimado e hipotético
público, Raphael, o mesmo que hoxe presume de ter a mandíbula con maior grao de
apertura de España e cuxos especiais de Noiteboa están pretos a considerarse
patrimonio inmaterial da humanidade, consegue poñer de acordo a xeracións de
onte e de hoxe: non facía falta unha nova versión de El tamborilero.
Os
anos 80 non perdoaron nada que puidese resultar un pouco kitsch, incluídos a estética e os sons do Nadal, sempre tan
barrocos e azucrados. Para min, o ideal paradigmático desta parte tan xenial e
tan infame ao mesmo tempo da nosa historia pop,
no que a fedorentas panxoliñas se refire, constitúeno os Wham! con Last Christmas. Porque non se é
consciente de que chegou o Nadal ata que non se entra nunha cafetería e non se
ve nun televisor no que teñan posto VH1 a George Michael coa súa permanente
cantando ao seu polvo estacional perdido mentres xoga ás bolas de neve.
E
logo temos dubidosas mostras de talento de xente habitualmente marabillosa e
idolatrada por unha servidora… A miña reacción natural é semellante a un “Como
puideches facelo??? Por que???” xa que o “detente, Abraham!!!” non serve de
moito porque estes males nunca se pillan a tempo. Sí, o Boss ou Queen foron
algunhas destas grandes deidades do rock
que tamén caeron na trampa, deixándose levar polo enganoso espírito do Nadal.
O do sombreiro texano customizado non ten perdón, Bruce... O ritmillo cutre que xa dá conta do seu carácter de canción de recheo, tampouco, meus señores de Queen...
Neo-crooners coma o canadense Michael Bublé,
que debe querer parecerse en todo a Frank Sinatra, e outras celebridades
ambiguas coma Rod Stewart non foron menos. O primeiro sacou o seu disco enteiramente
dedicado ao Nadal cun título orixinal onde os haxa, Christmas, aló polo 2011, e non puido resistirse á tentación de ter
o seu propio especial televisivo de Nadal, ao igual que Rod Stewart. Hai moitos
especiais televisivos no mundo (veño de citar as Noiteboas de Raphael, que xa son
un xénero en si mesmo) pero estes dous son o suficientemente ilustrativos do
especialmente noxenta que pode chegar a ser unha festa tan internacionalizada. Nota:
ambos artistas coinciden no especial de Stewart (no que tamén aparece, por
certo, Kylie Minogue), co cal, non debemos descartar que o espazo-tempo se
colapse con esta empalagosa explosión de cánticos con cheiro a clásico e “volta
ás orixes” dignos do país da gominola combinados con pseudo-entrevistas sobre o
marabilloso que é o Nadal e escenas de humor forzado e estritamente guionizado
nos que non hai lugar para a improvisación ou a mala hostia.
Finalmente,
non podo dar carpetazo a esta breve escolma de bodrios musicais para cantar
baixo un pino decorado de xeito especialmente recargado sen mencionar ás
grandes divas da canción do mundo globalizado. Tanto Céline Dion coma a defunta
Whitney Houston teñen os seus propios álbumes de Nadal, cuxos nomes prefiro non
lembrar (admito non sen vergoña que un deles aínda habita nos estantes da miña
casa, adiviñen cal), pero a ama, a “señora hembra”, a matriz, a nai de todas as
panxoliñas 2, 3 e 4.0 é ela… A única, a inigualable, a inimitable… MARIAH
CAREY!
No
mundo occidental é posible un Nadal sen grilandas, sen beléns e mesmo sen
agasallos pero dende aquel 1994 no que viu a luz ese esperpento chamado Merry Christmas (de novo, a
orixinalidade de artistas e produtores ao poder!) xa non se volve concibir un
Nadal sen Mariah Carey. Ela marcou un antes e un despois neste ciclo temático
musical con este disco no que mesturaba versións de panxoliñas xa moi manidas por
artistas de todo o orbe con composicións propias que acabarían sendo míticas
como o All I Want For Christmas Is You
que veño de pór arriba, himno por antonomasia destas festas gracias ao Corte
Inglés e outros templos do consumismo (a pesar de que Mariah diga que tanto lle
teñen os regalos, que ela o único que quere que lle traia Santa Claus é botar un “foghete”).
Esta
canción, para a que deberon ser empregadas inxentes cantidades de estramonio a
fin de anular a creatividade, a orixinalidade e todo rastro de intelixencia e
enxeño aplicables á composición, tamén coñeceu versións. Sexa ou non vomitiva,
é un clásico do noso tempo e xa foi revisitado por grupúsculos tan bizarros
coma as Nancys Rubias comandadas por Mario Vaquerizo de Gara (este alcume acabo
de inventalo eu)...
...ou a propia Mariah, ataviada como unha porno-Mamá Noel, facendo unha infame apoloxía do capitalismo e axudada vocalmente por un elfo moi especial que todos
quereríamos matar e cuxo nome non vou pronunciar coma se de Voldemort se tratase…
E
con estas probas de que o ser humano é capaz de verdadeiras atrocidades
moi pouco artísticas, despídome. Non imaxinades o duro que foi o traballo de
documentación para esta publicación… Non gaño para psicólogos!


Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.