O
prometido é débeda e, aínda que son moi consciente de as segundas partes non
adoitan ser boas, intentarei asemellarme ás excepcións e facer O Imperio Contraataca e non o En Terra Perigosa 2 dos posts de Nadal… Boeno, creo que me pasei
coa comparación, no caso de Steven Seagal, nin as primeiras partes teñen un
pase. Pero non deixemos que un “manghallón” agora lixeiramente fondón nos
despiste, pois veño a falar doutra das cousas que máis me arrepían do Nadal.
Non sabería dicir se é un fenómeno igualmente aborrecible que as panxoliñas do
novo milenio ou se, directamente, é peor. Produce calafríos, iso si, mais é
parte natural desta festa, xa que o consumo non se incrementa sen unha inxente
cantidade de incentivos. E con incentivos non me refiro a subidas de soldo nin
nada que se lle pareza, iso son trapalladas que o rojerío deste país ousa reclamar! Non, os capitalistas de ben
prefiren inspirarse en Goebbels, que xustiza social nin que farrapos de gaitas!
Pois iso, ningunha cacharrada fútil se vende sen salvaxes campañas publicitarias
que apelen aos instintos máis básicos da nosa psique e, como elas tamén teñen a
súa sensibilidade, no Nadal adquiren unha forma (terrorificamente) amable,
cordial e encantadora… En fin, vamos coa selecta dos maiores crimes
publicitarios da historia do Nadal contemporáneo.
Se
a iconografía que rodea ás panxoliñas pop
xa era fodida de carallo, a dos anuncios de Nadal non ten nada que envexarlle…
É máis, ás veces xorde un contubernio entre ambas disciplinas, a ¿música? e a
publicidade, de moi difícil dixestión. Todo vale en publicidade e, dado que
esta (gran) cabrona é un pouco ácrata, é posible ver de todo, calquera extravagancia
ou ridiculez é válida como reclamo ao dispendio estacional. Xa veredes que non
minto…
A
primeira póla a examinar desta enorme árbore que é a publicidade de Nadal é a
dos anuncios de xoguetes. Se hai un invento cursi, insultante, ñoño e
pusilánime neste mundo ese son os anuncios de xoguetes. Segundo os seus artífices,
están dirixidos ao público infantil, o cal vén xustificar que se empregue unha
linguaxe dulcificada, candorosa e máis ben estúpida. Nunca veremos un anuncio de
xoguetes (nin ningún programa infantil agás o Xabarín Club) que non se dirixa aos nenos tratándoos como imbéciles.
É unha realidade da que parece que aínda non temos plena consciencia, pensamos
que os cativos son parvos e, francamente, creo que non é certo, sácannos
bastantes puntos en intelixencia aos adultos. Porén, ningún neno quere atoparse
a mañá do 25 ou do 6 (ou ambas mañás, depende do nivel de despilfarro que estean
dispostos a asumir proxenitores de todo o mundo) co temido carbón ou os aínda
máis humillantes calcetíns, co que a malvada industria xogueteira pon en marcha
toda a maquinaria precisa para captar a atención dos raparigos. E faino cara
xogos ou artefactos pedagóxicos que poidan ensinarlles algo de forma lúdica e
amena aproveitando que é unha época no ano na que se venden moitos xoguetes?
Efectivamente, NON, é mellor mostrarlle aos nenos unha ringleira de tópicos
sexistas, condutas violentas, valores obsoletos e contidos baleiros! Onde vai
parar! E contados polo “señor que caeu na marmita das anfetaminas” ou pola “señora encantadora que primeiro enuncia o que vai anunciar e logo cántao”, depende do
sexo dos rapaces, segundo Luis Piedrahita. As nenas á cociña coas súas bonecas
saídas do mundo dos unicornios rosas...
...e os nenos a repartir hostias! Como ten que ser!
Por certo, modo irónico on, por se algún aínda non se entera…
Por
suposto, non hai Nadal sen anuncios de perfumes. Barateiros ou de luxo, tanto
ten! Despois dunha ausencia de meses, as fragrancias máis empalagosas fan o seu
habitual desfile polas pantallas domésticas de todo o país. Aquí si que hai un
repertorio variopinto e para todos os gustos. E debo admitir que este subxénero
publicitario me produce sentimentos encontrados: a maioría destes spots son breves cuñas nas que impera a
temática absurda e non hai máis que fortes insinuacións sexuais (porque é o que
teñen os perfumes caros, que os pos e fodes coma un coello, si) acompañadas das
estrelas do cine, da moda ou da música máis rutilantes do momento e cunha banda
sonora máis ou menos suxerente en
función do guarra e obscenamente que se queira transmitir a mensaxe “regala
esta colonia!” Con todo, nesta parcela publicitaria puiden notar que era posible
amosar un mínimo de talento. Por suposto, niso inflúe (e moito) que grandes
realizadores se animaran a darnos unha interpretación novedosa dun proceso de
comunicación tan básico pero tan eficaz como é a publicidade. Martin Scorsese,
Jean-Pierre Jeunet, Baz Luhrmann, Joe Wright (todos eles para Chanel) ou Wong Kar-Wai (para Dior) son algúns dos nomes recoñecidos que se embarcaron nestes
mini-proxectos para os que non todos valen. Porén, estas leves bafaradas de aire
fresco para a publicidade non me anubraron o siso! Pois hai propagandas moi
infumables, véxanse as colonias de Antonio Banderas e outras celebridades que
deciden sacar aromas anódinos con firma, ou esta, de Adolfo Dominguez, narrada
a modo de trailer e protagonizada
polo reclamo máis pobre, inexpresivo e menos efectivo de alén dos Ancares:
Eduardo Noriega.
Despois
hai outras campañas coma a de Lady
Million, un perfume de Paco Rabanne, que me dan verdadeiro noxo por vender
unha imaxe da muller como un ser frívolo, caprichoso e materialista. En certo
sentido, case todos os anuncios de colonias pecan diso, pero neste é
especialmente heavy, para o meu
gusto.
E,
para rematar a tríada de anuncios de colonias estomagantes, completo esta
especie de podium cun clásico agora
extinto pero que todos lembraredes: busco
a Jacq’s…
O
colmo da pornografía publicitaria e da degradación da imaxe feminina nestes
anuncios…
Pero
non me demoro máis, que sei que xa se están empezando a botar de menos certas
palabras clave como “burbullas” e “calvo”. Si, señores, ao final todo é unha
escusa para poder analizar cunha mediana profundidade dúas campañas
publicitarias que xa son un xénero en si mesmo para todos os públicos que
posúen un DNI do estado español e que forman parte da paisaxe, iconografía e
tradición do Nadal cañí.
Aquel
que di ser o cava catalán máis vendido do mundo, Freixenet, leva anos e anos facéndonos vomitar purpurina recorrendo
a todo tipo de estratexias de marketing que
agora xa comezan a quedar un pouquiño anquilosadas, como o personaxe do
raparigo con boina sostendo a botella de cava ou as burbullas-bailarinas-barbies-animadoras-cabareteiras “ghritonas”
que parecen saídas dun casino de Las Vegas e que calquera día se lles parten as
meixelas de tanto sorrir forzadamente. Por estes spots si que pasou todo tipo de xente, vese que a marxe de
beneficios permitía botar man do talonario coma quen gasta uns céntimos en “chuminadas”:
estrelas internacionais (Meg Ryan, Paul Newman, Anthony Quinn, Shakira, Kim
Basinger…), estrelas patrias (Paz Vega, Penélope Cruz, Maribel Verdú, Alejandro
Sanz, Montserrat Caballé…) e parellas de “famoseo” moi improbables e de química
nula (Sharon Stone e Antonio Banderas, Norma Duval e Don Johnson, Nieves
Álvarez e Pierce Brosnan ou Demi Moore con… Gabino Diego!). É difícil quedarse
cun só anuncio, todos son especialmente repugnantes e desprenden un nauseabundo
cheiro a hiperbólica ledicia estacional con fins comerciais… A modo de exemplo,
poñerei este que celebraba a alegría de mudar completamente os díxitos do ano
novo por ser especialmente coral (anticipando atentados publicitarios futuros que veremos a continuación) e repulsivo e porque algún galego pasaba por
aí…
Os
anuncios de Freixenet son parte
importante da nosa historia publicitaria recente pero eu creo sinceramente que
a raíña nai dos anuncios de Nadal é…
Efectivamente,
o mesmísimo “Calvo da lotería”! Con este pouco amable alcume, o actor británico
Clive Arrindell converteuse nunha verdadeira celebridade en España entre os
anos 1997 e 2005 ao ser a imaxe da Lotería de Nadal. Un personaxe que chegou a
eclipsar e devorar ao produto que trataba de vender, razón que supuxo o seu
despido fulminante, coa desaprobación de millóns de españois que xa lle
colleran máis cariño que a Naranjito ou Curro, e a súa substitución por cousas como… ISTO:
A
ver, non vou exercer aquí de avogada do demo pero, como nena que se criou coa
figura de Arrindell soprando ao aire os números da sorte, non entendo que neste
país se renegue das grandes iconas realmente carismáticas. O “Calvo da lotería”
é, para min, unha das creacións máis gloriosas da publicidade: un personaxe
silente e moi recoñecible, rodeado dunha aura de misterio pero que se ve
entrañable, acompañado dunha imaxe en branco e negro e dunha música que lle van
ao pelo (jo, que mala hostia caéndome ben o fulano, non?)… Gracias ao seu
protagonismo absoluto, non resulta un bodrio de anuncio: nin é empalagoso, nin
é ofensivo, nin é ridículo, consegue manter unha dignidade publicitaria moi
notable e moi difícil, dado que non deixa de ser un anuncio de Nadal. Por iso
non entendo que os “oompa-loompas” que se deben encargar agora dos anuncios da lotería
consideraran que era mellor idea xuntar nunha mesma campaña un quinteto desta
calaña: a estirada e narcisista Marta Sánchez, Niña Pastori-“Transformer Falete”,
Bustamante na súa forma máis anódina e prefabricada, Montserrat Caballé
convertida nun híbrido entre a “tola dos gatos” e Jack Nicholson en O Resplandor, e Raphael “Mandíbula de
ouro”… De verdade que o esperpento que saíu da mente perturbada que ideou
semellante atrocidade non puido ser peor: o ambiente ultra-happy que che dá ganas de converterte no Grinch e arruinar o Nadal
de todoquisque, a reconversión cutre en panxoliña de Always On My Mind, de Elvis Presley; a muleta invisible da Caballé,
as caras de orgasmo finxido do público e, sobre todo, o remate final de Raphael
con ese xa célebre na, na, na, na,
naaaaaa, na, na, naaaaaaaa… En serio lles estraña que a repulsión que nos produciu
este anuncio acabara sendo viral na era da comunicación inmediata? En serio
pensaban que lle ía gustar a alguén? En serio crían que iamos esquecer ao “Calvo”
tan facilmente???
A
día de hoxe seguimos reivindicando ao “Calvo” mentres tratamos de sobrelevar a
tortura á que neste 2013 nos someteron os publicistas contratados por Loterías
y Apuestas del Estado con algunha parodia moi apropiada…
Xa
para rematar, debo compartir unha última decepción. Supoño que moitos
recordarán esta campaña publicitaria que parecía inaugurar unha nova tendencia
nos anuncios de Nadal…
Nin
decoracións rococó, nin alusións a todos os tópicos característicos destas
datas, nin sobreactuacións. Só un recordo a un dos grandes mestres do humor español
que, por outro lado, alegrou moitos e moitos Nadales conseguindo mofarse ata
das situacións máis extremas. Boeno, pois a mesma marca de embutidos que nos
trouxera tan esperanzador anuncio non tardou en distorsionar e reinterpretar o concepto e vai e fai, para este ano 2013, isto…
Acabáramos! O
orgullo de ser español! A ledicia de posuír unha idiosincrasia tan xenialmente
particular! Que máis dá que nos afoguen no lodo cada día con
políticas cada vez máis inxustas se podemos estar na taberna ata as 5 da mañá!
Que máis ten que non teñamos traballo, que nos recorten ata a dignidade e que
acaben con todo o que conseguimos con tanto esforzo se temos “os abrazos, os
Brincos e o sentido do humor”! Mensaxes perniciosas moi pouco desexables tanto
sexa Nadal ou Entroido pero, sobre todo, moi inapropiadas tendo en conta o
verdadeiro drama que estamos a vivir coa pantasma da crise. Supoño que era
bastante evidente que, coa cantidade de xente que ten que facer a maleta
obrigatoriamente para buscar un futuro noutros países, nos ían tocar demasiado
a fibra sensible e para mal. En realidade, este anuncio vén sendo a secuela
doutro igualmente aborrecible protagonizado por Fofito o pasado Nadal (e moi similar á deturpación do modelo publicitario patriótico dunha coñecida cadea de supermercados galegos), no que non
me quedaba moi claro se o que aí se dicía era sarcástico ou se de ironía non
tiña nada ata que chegaba ao final. Unha sucia e vil brétema de tópicos que tan
grandes nos fan no mundo enteiro, atraendo así a envexosa mirada de
nacionalidades de todo o orbe, que se negan a crer na nosa capacidade de
superación e recuperación! Parece que estes anuncios tan grandilocuentes os fai
Rajoy directamente, negando a realidade de todo un país, sobrecargando de
responsabilidade aos que non a temos e apelando amablemente ao noso perdido
optimismo como colectivo coma se con iso se foran arranxar todos os nosos
problemas.
En
fin, con estas formas de marketing tan pouco intelixentes case me quedo co osiño
polar da Coca-Cola ou con lemas tan puerís pero tan honestos como En estas navidades, turrón de chocolate, en
estas navidades turrón de Suchaaaaaaaaaaaard ou Vueeeeeeeeeeeeelveeeeeeeeeeeee, a casa vueeeeeeeeeeelve por navidad…
Hai que ir ao gran, coño!


Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.