Hai
poesía que non aparece nos poemarios, hai sentimentos que transcenden a
individualidade e hai momentos que non se reducirán ao instante, senón que se ancorarán
na eternidade ao seren inesquecibles. Posiblemente ese poida ser o resumo do
que tratarei de explicar a continuación. E non será doado.
Se
o respectable bota a vista atrás nestas páxinas virtuais, descubrirá que o meu
con Depeche Mode non é circunstancial. Houbo moitos grupos que me gustan ou que
me gustaron pero que non lograron exercer sobre min a mesma influencia que,
pola contra, si conseguiron os Depeche Mode. Son unha banda versátil, polo xeral
algo inclinada ao tétrico e ao escuro, pois os temas que tratan nas súas
cancións son máis ben fodidos e abarcan dende as frustracións sexuais ata a
pura tolemia pasando pola soidade, o enclaustramento, a depresión ou a angustia
existencial. Con todo, aínda que se adoite falar deles coma unha banda de electropop ou synthpop ou como raio queiramos chamalo, nunca poderemos
adscribilos sen máis a un estilo determinado. Pasaron por múltiples etapas
creativas e estéticas, fuxiron dos convencionalismos do pop oitenteiro que marcou os seus inicios, súa música envelleceu
cunha dignidade que xa a quixeran para si os “novos románticos” e a súa mensaxe
perdura. Para min, teñen unha traxectoria redonda e incluso agora son capaces
de seguir sacando material novo que pague a pena, nada de discos de recheo para
pagar facturas ou manter un determinado tren de vida. E as súas xiras seguen
sendo esperadas e desexadas polos seus devotos (entre os cales, me inclúo) como
auga de maio.
No
marco da súa xira europea de presentación do seu último álbum, Delta Machine (2013), viñeron dar a
Madrid o pasado venres, que, aínda que estea repleta de madrileños, ben vale unha
misa. Neste caso unha auténtica eucaristía musical, na que os profetas (increíblemente
masivos) do esoterismo psicolóxico volveron dar unha lección maxistral de arte
e espectáculo aos seus miles de seguidores, a min tamén. Non decepcionaron, as
miñas expectativas eran altísimas e o nivel esixido tamén. Había fame de
Depeche Mode e notábase no ambientazo que se estaba xestando cara as 8 da
tarde, cando deron comezo as teloneiras, Feathers, dignas herdeiras do estilo dos
Depeche Mode e que foron quen de ir quentando motores axeitadamente, con
melodías electrónicas envolventes e suxerentes que me entusiasmaron e me
descubriron unha vez máis que o legado de Dave Gahan e os seus ten un valor
incalculable. Recoméndoas, por certo, creo que poden ter un futuro moi
prometedor.
A
ilusión medraba a pasos axigantados, había moito tempo que soñara cun intre que
prometía ser, como mínimo, máxico. E sen que tivese tempo de rematar de
imaxinarmo, comezou. Welcome to my world,
primeiro corte desa pequena gran xoia que é o Delta Machine, abriu o concerto e o auditorio respondeu cun bramido
sen igual en canto entraron en escena Dave Gahan, Martin L. Gore, Andy Fletcher
e os seus músicos de apoio, Christian Eigner á batería e Peter Gordeno nos
teclados, mentres a enorme pantalla que os precedía daba o seu merecido
protagonismo ao sexto culpable do éxito do recital: Anton Corbjin, que unha vez
máis nos marabillou coas súas imaxes, o perfecto complemento para a súa música.
Así nos deron a benvida ao seu mundo, coa contundente introdución do seu disco
seguida do segundo tema do mesmo, Angel,
un blues electrónico no que era inevitable renderse á gravísima e sensual voz
de Gahan.
E
entón, soaron as primeiras notas do primeiro gran clásico do concerto, Walking in my shoes, do seu disco máis grunge e “rockeiro” Songs of faith and devotion (1994). Un auténtico himno para todos
os admiradores de Depeche Mode e que afonda nesa temática da introspección e do
lado máis lúgubre do ser humano. Berros e vítores por parte do público para
recibir este gran temazo, executado cunha perfección que rozaba o sublime. Unha
das mellores composicións de Martin L. Gore, na miña modesta opinión, e que en
directo resulta aínda máis impresionante que na súa versión de estudo.
Precious
transportounos unha vez máis á melancolía colectiva máis exquisita. Tema moi
emotivo pertencente ao gran disco Playing
the angel (2005), foi concibido por Gore coma unha personalísima canción na
que canalizaba todas as malas sensacións provocadas polo seu divorcio, rogando
aos seus fillos que non sufrisen polas diferenzas dos adultos. Clásico contemporáneo
da banda, un dos seus singles máis
coñecidos da nova era e na que os sintetizadores da versión orixinal de estudo
foron suplidos dun xeito intelixente e convincente polo son da guitarra
eléctrica. Simplemente marabilloso.
Con
Black celebration voltamos a épocas
pasadas nunca vividas pero que semellaban familiares para calquera fan de
Depeche Mode (puiden comprobar, por certo, que non hai idade para este grupo, a
absoluta heteroxeneidade neste senso era a tónica xeral na composición do
público). Rescatada do álbum homónimo de 1986, puxo a nota máis gótica da
noite, aquel tempo no que todos os membros da banda se embutían en coiro e se
engominaban tratando de ser aínda máis taciturnos e tenebrosos. Logo,
retornaron ao presente máis inmediato con Should
be higher, do Delta Machine e posiblemente o tema con
maior complexidade vocal ao que se enfrontou Dave Gahan, posto que leva a súa
voz (lembremos, gravísima) ao extremo ao ser quen de executar cunha corrección
pasmosa unha serie de agudos tamén en directo (cando as escoitaba no disco non
o cría, realmente había que velo).
Era
imposible que o Violator (1990),
posiblemente o mellor álbum de música electrónica de todos os tempos e un dos
mellores da banda, non tivese unha presenza destacada neste concerto, pois
supuxo un antes e un despois na historia desta banda. A selección de temazos de
Violator deu comezo con Policy of truth, pop sofisticado e
pegadizo que fixo as delicias dos fanáticos que xa levabamos un anaco exhaustos
cantando ao unísono e movéndonos como podiamos con cada canción. O auditorio
enmudeceu cando parte dos membros da banda abandonaron o escenario quedando
unicamente Martin L. Gore e Peter Gordeno, que nos ofreceron os momentos máis propiamente
intimistas e de recollemento con Slow (outro
blues electrónico do Delta Machine), But not tonight (do Black
Celebration) e Shake the disease
(pertencente ás súas recompilacións de primeiros éxitos de 1985, Catching up with Depeche Mode e Singles 81-85, como tema novo). A
validez de Gore como segundo vocalista da banda quedou totalmente probada
nestas tres intervencións en solitario nas que nos emocionou e impresionou dun
xeito supino. A volta ao Delta Machine marcouna
Heaven, primeiro single de promoción deste disco, que continuou, de novo a cargo da
banda ao completo e con Dave Gahan ao micrófono, o ton íntimo da velada que xa adiantara Martin
L.Gore.
Unha das cousas máis alucinantes deste directo foi que incluso me vin arriba coas cancións que non
me gustan (porque por moito que sexa a miña banda favorita non llo perdoo todo,
aínda teño criterio). Porque si, tamén se incluíron no setlist cancións que non me chistan moito, como son Behind the wheel (do Music for the masses, de 1988), A question of time (do Black celebration) e Just Can’t Get Enough (do Speak and spell, de 1980), e ignoráronse outras imprescindibles como Strangelove. Porén, unhas versións
en directo moi dignas e o contaxio dunha emoción sen precedentes foron as
culpables de que non se desmoronase a miña ilusión e as miñas ganas con estes
temas. A pain that I’m used to (do Playing the angel) e Halo (do Violator) reviviron a miña ansia total.
Pero
aínda faltaba o mellor, “a traca final”, como se adoita dicir. Ese momento no
que os clasicazos determinarían a nosa capacidade de resistencia e de entrega
como público e devotos. Un tras doutro, así foi como os Depeche Mode nos
regalaron os seus grandes temazos nun directo que xa estaba sendo grande pero
que pasou a ser colosal: Enjoy the
silence, Personal Jesus (ambas do
Violator), I feel you (do Songs of faith
and devotion) e Never let me down
again (do Music for the masses)
marcaron un final sentido por todos (sempre queremos máis) pero celebrado como
nunca.
Neste
punto do concerto vin cumpridos catro dos grandes desexos da miña vida:
escoitar en directo a cargo dos seus autores cada un destes temas que son parte
importantísima da banda sonora da miña vida e que agora quedaron inmortalizados
na miña memoria como catro dos intres de nostalxia e reafirmación persoal máis
emocionantes da miña curta existencia. Así o espeto porque así o sinto.
Puxéronseme os pelos coma escarpias e a pel de galiña, en catro flashes lembrei o momento no que me
acerquei ao estante dunha tenda e collín (para mercalo cos cartos dun regalo de
reis) o recompilatorio The best of
Depeche Mode, fará uns sete anos. Lembrei que nunha primeira vista tampouco
me encantara escoitar algo tan diferenciado de todo canto coñecía pero que logo
ao prestarlle atención con maior detemento me namorei da súa música. Lembrei os
innumerables momentos de soidade nos que me acompañou a voz de Dave Gahan e a
lírica aflixida e pesarosa desas cancións que aínda hoxe son quen de escoitar
con desconcerto e estupor pero con asombro e conmoción, coma se fose a primeira
vez. Lembrei a morea de veces que os recomendei, case sempre batallando contra
os prexuízos e a incomprensión de quen non está afeito á excelencia dos Depeche,
a fin de atopar almas xemelgas coas que compartir a miña paixón por este grupo.
Lembrei a frustración que sentín ao non poder velos no 2009 e a miña
satisfacción foi infinita ao ver que ese recordo deixaba de ser un lastre na
miña mente. Lembrei todas as viaxes en coche que musicalizaron, lembrei cada
experiencia e pequeno detalle que era quen de vincular á súa música. E supoño
que iso é o que fai verdadeiramente enormes aos grandes grupos, aos grandes
artistas, con independencia do campo no que se movan: ter esa capacidade de
facernos vibrar e sentir algo que parece que non está ao noso alcance pero que,
finalmente, gracias a un par de palabras ben dispostas, unhas cantas notas e
unha forma de interpretalas, aparece.
Musicalmente,
valeu moito a pena. Foi un concertazo. Pero supoño que se entenderá que, no meu
caso, foi máis, moito máis, que un excelente concerto.





Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.