Por
suposto, dentro desa selección hai un bo puñado de vídeos ou canles dedicadas á
cociña, unha das miñas afeccións e que trato de cultivar da forma máis
autodidacta posible, sen xurados con “potocentas” estrelas Michelin que me
humillen ante millóns de espectadores para que evolucione da bazofia á delicatessen. O problema é que o nivel
pedagóxico dalgúns vídeos é máis que discutible: no canto de ensinarche a facer
ben unha lasaña, empúrrante a perpetrar contubernios imposibles e cópulas máis
condenables para a moral humana que calquera dos duetos de Pitbull ou a crear
sabores infames que te levan a unha maior indignación que a que debeu asaltar a
Kim Carnes cando lle dixeron que no seu cachiño en solitario de We Are The World só tiña que cantar dúas
putas palabras e, encima, as dúas monosílabas (non mo credes? Comprobádeo
clicando aquí).
Boeno,
xa acabo coas metáforas musicais e vou ao gran. Porque a gastronomía tamén é
cultura ou, polo menos, cuestión de culturas. Con todos vostedes, o ranking das maiores ignominias
gastronómicas de Youtube, monumentos á estulticia culinaria capaces de convertir calquera das "guarrindongadas" de Robin Food en pratos do máis normaliño.
1. Salchipasta
1. Salchipasta
A
tal Pepa que dá nome a este canal de cociña, Las recetas de Pepa, ten pinta de ser a típica avoíña entrañable
que ceba á súa ampla prole domingo a domingo e á que un día, pode que
sabiamente ou pode que non, un dos seus fillos convenceu para explotar todo o
seu potencial culinario nas redes, intentando que todos nós amemos a tradición
e o sabor puro da súa cociña do mesmo xeito que os seus achegados. Non lle vou
negar a Pepa que posúa un don como outras tantas mulleres do estado español que
se deslombaron toda a vida alimentando na rapazada como parte de outras
tant(ísim)as labores que se lles obrigaba a realizar implicitamente logrando,
pese a todo, acadar e manter un moi notable saber na cociña, iso que agora en Masterchef se coñece como “ter man”.
PERO!
(Porque sempre hai un pero) Un (mal) día, algún dos asesores de Pepa debeu
entrar en Instagram e logo debeu falarlle das bondades da nova cociña da
posmodernidade estudantil, que inclúen a elaboración da primeira monstruosidade
da lista: A SALCHIPASTA! Un horrible coito entre salchichas e spaghetti que, segundo di a propia Pepa,
cuxo corpo foi tomado por un invasor extraterrestre, claro está; “es un plato
muy original para los niños”. Terror! Salchichas industriais cocidas, unha das
cousas que máis desprezo nesta vida! Tanto custa respectar a sublime
insalubridade do produto? Unha salchicha por definición vai frita ou á grella,
non vas mermar o seu aporte calórico e graxento nin a vas dignificar por moito que
a metas en augha fervendo! Boeno, e o que xa é o colmo dos disparates é furala
cuns spaghetti... Quedará graciosete,
si, pero nada máis.
Por
certo, algúns dos detalles formais do vídeo non teñen desperdicio, como a
cabeceira estilo 13TV ou algúns efectos de son. Anímovos a que vos marabilledes
tamén con iso.
2. Pastel de carne e tortilla de pataca
2. Pastel de carne e tortilla de pataca
Vale,
o seu acentiño asturiano é do máis rebonico (non sei por que teñen tan mala
prensa os asturianos, creo que despois dos andaluces é o pobo do que máis veces
oín falar mal a causa do seu acento, nunca me explicarei os misterios da
intolerancia e a ignorancia) pero Isasaweis,
como se fai chamar na súa canle de Youtube, provoca indixestión con algunha das
súas receitas xa sen ter que probala. A atrocidade da que falarei a
continuación non será a última nin a máis espantosa da súa canle, así que vaian
preparando un barril de manzanilla se queren sobrevivir á lectura.
O
peor de todo é que xa empeza en ton “acusica” a tipa cunha frase de espírito
moi “hijoputista”: “esta receta me la enseñó un chico que cocina de maravilla”.
Claro, lavando as mans coma Pilatos, así calquera! O caso é que o prato en
cuestión componse dunha capa de tortilla de pataca (cuxas patacas van ao
microondas, como non, primeira opción dos falsos profetas da cociña sa e
hipocalórica), unha “intercapa” de pementos de piquillo e queixo e, por último,
carne picada. E todo “rebozado” cun cento de lonchas de bacon que se torran e
desgraxan debidamente dentro do molde coa calor do forno. Hai unha teoría que
di que empeza a soar espontaneamente Rammstein na túa cociña se intentas facer
este prato, concretamente Du hast. É
demasiado de todo, demasiada mezcla de alimentos xa de por si pouco suaves...
Ideal para os vascos que saen nos chistes, vamos, falta meter un chuletón para
decorar!
3. A Absolutely ridiculous burger
3. A Absolutely ridiculous burger
Unha
preciosidade de nada máis e nada menos que 86 kg que converte en receita de Saber Vivir ao pastel de carne e
tortilla. Intentar comela parece máis unha escena de Saw que algo pracenteiro e digno de gozar, feito ao que normalmente
se asocia unha boa comida. E este tipo de retos gastronómicos para idiotas que
tanto gustan na América de arriba son ideais para o meu adorado Adam Richman, o
tipo máis inconsciente que se viu na pequena pantalla desde calquera dos
alpinistas que saíron en Al filo de lo
imposible. Richman, que tanto lle dá a unhas ás de polo superpicantes como
a un burrito de tonelada e media, decidiu asumir este reto colectivo na segunda
temporada do seu programa Man vs. Food,
que todos coñeceredes mellor coa fidelísima tradución española do seu título: Crónicas carnívoras. Para tal empresa,
rodeouse do máis granado (e tarado) da cidade na que se pode degustar este
“manxar” de nome traizoeiro, mesmo uns fulanos disfrazados dos Kiss!
Evidentemente, non foron capaces de acabala. O sitio do dono do restaurante de
Detroit que ofrece este diplodocus
das hamburguesas claramente é Conxo.
4. Roliños de primavera
4. Roliños de primavera
E
pensará o respectable: que teñen de malo uns roliños de primavera? Son a cousa
máis inofensiva do mundo! Certamente, sempre e cando os degustes no restaurante
pseudochino máis autenticamente cutre da túa cidade (case sempre son
conxelados) pero como te poñas nas mans do cociñeiro que lle fai publicidade en
Youtube ao Alimerka (unha cadea de supermercados asturiana pouco coñecida por
aquí) sal correndo! O que fai durante os 15 minutos que dura o vídeo da receita
non ten puto sentido, pois non utiliza ningún, NINGÚN, dos ingredientes
necesarios para facer o prato e chamarlle roliño de primavera a esa cousa que
mete na tixola e quedarse tan ancho debería estar tipificado como delito no
código penal. En Teixeiro hai xente presa por moito menos. Non se pode esperar
nada dun fulano que comeza a súa videoreceita co típico chiste racista que fai
que as coñas de Arguiñano sexan humor intelixente.
5. Paella e gazpacho
5. Paella e gazpacho
Dúas
realidades contra as que se perpetran verdadeiros atentados día a día nos
internetes (boa conta disto xa a deu o Comidista nun par de posts antolóxicos que vos recomendo aquí
e aquí). Eu, en concreto, voume centrar nas receitas que de ambos pratos nos
ensina a italoamericana Laura Vitale, unha tipa verdadeiramente estomagante
(esa forma de dicir hi, guys! ao
principio de cada vídeo cun sobreagudo estatrosférico podería utilizarse como
tortura en Guantánamo) que non debe cociñar nada mal pero cuxo coñecemento da
cociña española é igual ao que eu posúo das linguas yupik. Con dicir que á
paella lle bota chourizo (e todo o que debe ter na cociña, non lle bota
magdalenas porque non lle cadra) sen deixar en ningún momento de meneala coma
se fose un risotto e que deixa o
gazpacho a medio triturar facendo que pareza un vómito, xa o digo todo.
Seguro
que a torta de coco azul que describía Rober Bodegas no seu monólogo tiña mellor
pinta que isto...
6. Torta salgada vexetal con pan de molde
6. Torta salgada vexetal con pan de molde
Un
macrosandwich ao que a condutora da canle Recetas
de cocina lle bota indiscriminadamente todo o que ten a man no frigorífico.
Un totum revolutum que nos mostra coa
escusa de que é un prato ideal para facer cos nenos e para regalar no día do
pai. Descoñezo que clase de proxenitores quererían recibir como recoñecemento á
súa labor paterna ou materna unha pila de rebandas de pan de molde nas que se aglutinan
varias clases e conceptos de sandwich que non pegan moito e cuxo fío condutor
son toneladas de maionesa e keptchup.
Ao mellor estoume pasando e tampouco é para tanto, pero para min a “torta
salgada” é digna merecedora de estar nesta lista de monstruosidades.
7. Torta de Ferrero Rocher
7. Torta de Ferrero Rocher
Unha
perturbada de nome Loli, que todo o que fai na cociña ten unhas proporcións
titánicas, decidiu celebrar as 10.000 subscricións á súa canle de Youtube por
todo o alto elaborando unha torta enorme que emulase a forma dos famosos
bombóns que noutrora anunciaba a moi divina Isabel Preysler (cunha musiquiña
moi "porno-Bershka" e moi rallante, por certo). A verdade é que dá no cravo e consegue a
forma case exacta do chocolate en cuestión pero no medio de tanta pirotecnia
culinaria dubido que sexa posible atopar algo con máis “enjundia”. Súas son
outras creacións tamén esperpénticas coma o Kit-kat xigante, a torta de galleta Oreo, o super Kinder Sorpresa ou un biscoito animal print (para cando Primark se anime a vender comida de deseño a prezos
populares, vamos). Nada que non vexamos a diario nas actualizacións de adictos
ao Instagram.
8. Cachopo con canela
8. Cachopo con canela
Gonzalo
foi con diferenza o concursante máis prolífico da última edición de Masterchef, pois a súa habilidade para
crear mal rollo entre os aspirantes e o xurado só era superada polo seu
innegable, e supoño que innato, talento para converter a cociña nun pesadelo
que consegue que os problemas de calquera restaurante dos que salva Chicote
sexan plácidos soños. Este gran farsante da cociña dos nosos días, que non sei
como foi quen de pasar os casting, firma
creacións de vangarda coma a “crema de foie”
como recheo para unhas alcachofas (a quen se lle ocorre triturar un fígado de
pato cirrótico e quedar tan ancho?) ou unha dubidosa homenaxe ás luras en tinta
de súa nai, triturando a tinta en cru e deixando un arroz branco máis mazacote que un cacho de hormigón armado. Pero o colmo do retraso mental culinario foi o seu cachopo (que xa
de por si se non te mata faite máis forte) rebozado en froitos secos e cun
punto de canela. Si, meus señores, a miña reacción foi coma a do célebre Pepe
Rodríguez: CANELA AO CACHOPO??? Pero non
abondou para que o chimparan á rúa, porque outro aspirante fixo un cachopo
queimado, mais na escala das atrocidades non sei que é peor, se queimalo ou
tratalo coma unhas natillas... Sinto ter que poñer o momentazo (coa reacción da "Güela" incluída) en hipervínculo. E, xa desviándonos un pouco de Youtube, se queredes ver o programa completo, vinde para aquí.
9. Vieiras recheas de pescada e gambas
9. Vieiras recheas de pescada e gambas
A
miña cultura da vieira difire moito da do resto dos seres humanos (non concibo
unha vieira cunha salsa de bacon ou xamón, por exemplo) e podería entender que o
respectable non estivese de acordo coa opinión que me merece a violación que
Isasaweis lle fai ao meu bivalvo favorito... Pero nada máis, a min isto
paréceme unha puta aberración!
10. Pescada rechea de tortilla e salmón
O
título xa o di todo. E fírmao tamén a antes citada Isasaweis. Os ollos saíronseme das
órbitas con cada un dos pasos da receita e berraba NOOOOOOOOOOO como Enjuto
Mojamuto cada vez que movía un dedo para rematar este prato.
Non
se cansará esta muller de cociñar para trolls???
Boeno, ata aquí a escolma de barbaridades non confesas
levadas a cabo na súa maioría por xente aparentemente apañada á que se lle foi
moito pero que moito a perola! Mais non quixera despedirme sen render unha
sincera homenaxe á honestidade e poñer en valor as monstruosidades culinarias
de facto que tamén o son na teoría (e queren selo). Aviso: precisaredes un lavado de estómago xa
sen probar bocado, pois ver calquera destes dous vídeos é peor que tomar unha
infusión de sosa cáustica!


Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.