Novembro. Día vixésimo
quinto. Nin frío nin calor nunha efeméride que tempo hai que renunciou a toda
emoción. Postureo. Total indiferenza que inspira unha redacción telegráfica e
tediosa. Pero a miña vaxina está igualmente furiosa.
Ata as 10:30 horas
do día de hoxe non sabía quen era Eve Ensler. Nin me soaba. Mais o vasto océano
de internet é realmente caprichoso e, nun día corrente de incesante buceo na
busca de algo (coma sempre), din con este nome e cunha obra aparentemente
célebre pero que tampouco me dicía nada a
priori (semella que non abonda con ser celebrado para ser coñecido en todas
partes): Os monólogos da vaxina.
Ninguén crerá que isto foi unha mera casualidade sendo hoxe 25 de novembro, por
outra banda, tanto me ten o que pensen os demais, pero de verdade que aconteceu
así, do xeito máis fortuíto que un poida imaxinar. Nin sequera fun ao recurso
fácil de poñer na caixiña dun Google que non estimou oportuno dedicarlle un doodle a este día de “loita” para
rematar coa violencia contra as mulleres, unha categoría tan explícita como “literatura
feminista”, non. Simplemente batín con ela, coma case todo o que cae nas miñas
mans. E tan rápido como consumín esta obra sentín a necesidade de divulgar o
meu entusiasmo con ese lector apostrofado ao que sempre me dirixo.
Polo que puiden averiguar no tempo que levo a pé mentres
escribo isto (unhas catro horas, aproximadamente), Eve Ensler é unha escritora
e activista feminista norteamericana que no ano 1996 e logo de falar con centos
de mulleres de todo o orbe publicou unha serie de monólogos inspirados nestas
conversas que agrupou baixo o título Os
monólogos da vaxina. Non esperedes sorpresas. A obra fala diso. De vaxinas.
De conas. De ratas. De parrochas. De cricas. De cousiñas. De cousos. De aí
abaixo. De chirris. De chochos. De montes de Venus e unha pila de sinónimos
máis politicamente correctos ou non. De feito, así comeza a obra, cunha acertada reflexión sobre a denominación
do órgano en cuestión e toda a eufemística desenvolvida arredor do mesmo, á que
eu engado modestamente, como se puido comprobar, algunhas nomenclaturas moi
galaicas que, loxicamente, Eve Ensler non coñece.
Como se chega a escribir unha serie de textos sobre
vaxinas nun mundo socio-culturalmente patriarcal no que non existe un contexto
proclive a rematar falando de algo que está aí e que debería ser normal pero
que non o é? Pois creando ese contexto. A premisa de Ensler é moi directa e dese
mesmo xeito se presentou ante as súas entrevistadas, con algo tan simple pero
tan tabú como preguntarlles polas súas vaxinas, o cal da pé non só a falar do
propio órgano senón a debater algo tan pouco valorado como a relación das
mulleres co seu corpo. Iso por unha banda e, por outra, tamén se serve diso
como metonimia, introducindo outras cuestións que van máis alá dunha
reivindicación sempre oportuna da sexualidade feminina, como a violencia
sexual, a violencia obstétrica ou a maternidade (esta última quizais demasiado
idealizada para o meu gusto, aínda que entendo que a autora queira finalizar e
resolver a obra cunha mensaxe positiva).
No
conxunto harmonízase a solemnidade dalgunhas pasaxes (o monólogo dedicado ás
mulleres violadas na guerra dos Balcáns) con algunhas notas de humor mordaz
sobre temas tan cotiáns pero pouco discutidos como a necesidade ou non de
rasurar o pelo da vaxina (perfecta metáfora da opresión que supón a imposición dun
canon de beleza cuxa obtención nos mantén demasiado ocupadas como para pensar
no que iso realmente representa) ou o incomprensible rexeitamento que produce
en homes e nas propias mulleres a exaculación feminina. Supoño que o primeiro gran
propósito da obra é tratar de convencernos da necesidade de asumir e aceptar a
nosa sexualidade sen prexuízos e desterrando todas aquelas ideas preconcibidas
que o sistema patriarcal nos meteu tan sutilmente no hipotálamo e que chegamos
a entender como “normais” como paso previo a afondar nas reivindicacións a prol
da igualdade de xénero sen por iso renunciar á nosa identidade. Todo conflúe na
nosa vaxina, nela albérgase o único órgano humano destinado exclusivamente a
proporcionar pracer, a través dela sae a vida (literalmente) e nela materialízanse
todas as misoxinias e toda a violencia simbólica que colle no mundo. Eve Ensler
achéganos a unha realidade a veces graciosa e a veces penosa a través do
principal gran tabú que nos impide reafirmarnos no que somos: o noso sexo.
Os monólogos da vaxina non
é (nin creo que vaia ser) lectura obrigatoria en ningún centro educativo
público nin privado e, afortunadamente, isto non é un “control de lectura” nos
que a última pregunta sempre é “cal foi o capítulo que máis che gustou e por
que?”, pero, se tivese que quedarme cun único monólogo, quedaríame sen dúbida
con aquel que comeza cun rotundo A miña
vaxina está furiosa! Resume á perfección o constante estado de indignación
no que vivo dun tempo a esta parte, con todo este retroceso en materia de
igualdade que a miña xeración está a vivir e que chega a provocar que ata bote
de menos a política social de Zapatero (mamaíña do ceo...). Este é o monólogo
do cabreo, a protesta e a irreverencia, no que se escolman todas as atrocidades
ás que se somete a sexualidade das mulleres, perfectamente representadas na súa
introdución: Un exército de persoas está
aí fóra pensando en como torturar a miña pobre, xentil e adorable vaxina [...]
putos torturadores de vaxinas! Ensler arremete contra toda a maquinaria
sutil e non tan sutilmente torturadora das vaxinas: os tampóns (un puto algodón atascado aí abaixo), a “limpeza”
dun órgano xa moi limpo por si mesmo, o instrumental xinecolóxico, as revisións
xinecolóxicas, os tangas... E espeta unha frase que me deixou morta pero moi
certa: eles odian, odian, odian, odian
ver a unha muller sentindo pracer.
Agradezo
de veras que unha autora como Eve Ensler se esmerase en divulgar feminismo e
invitar a unha profunda reflexión cunha obra desenfadada e satírica, facendo
así moito máis evidente a problemática da sociedade patriarcal sen necesidade
de recorrer a monótonas disertacións filosóficas que non todos poderán
entender. Sempre está ben falar claro e dicir VAXINA (por moito que, como di
ela, sexa unha palabra que pareza dicir algo absolutamente oposto ao que
realmente di), do mesmo xeito que debemos falar claro e dicir que se nos impón
unha idea de beleza criminal (si, con todas as letras), unha sexualidade da que
non debemos falar moito porque é algo pecaminoso e indecoroso, que se nos
violenta de todas as formas posibles para reprimir e reducir calquera atisbo de
contestación ás inxustizas do patriarcado... Ensler é capaz de conxugar todo
isto baixo un título provocador que agocha moito máis e cuxo propósito vai máis
alá de chamar a atención e facer que botemos unhas poucas risas (que tamén está
ben).
Lectura
recomendadísima para días coma o de hoxe ou, máis ben, visionado recomendado,
xa que a representación teatral destes monólogos a cargo da propia Eve Ensler
foi gravada e retransmitida por televisión no seu día a través da canle
americana HBO (adxunto unha dobraxe ao español latino, a que atopei, vamos).
Adicado
a todas as vaxinas furiosas do mundo.




Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.