Adoro
a Florence Welch. Punto. Que o diaño me leve a todas as divas do mundo, que
carrexe para o inferno a todas as Mariah Carey, Céline Dion e ás que queren
parecerse a elas! Que se esparexan polo Hades todos eses esperpentos de talent show que non saben máis que abarcar
unha morea de oitavas sen ter un ápice de aquilo que é indispensable en
calquera artista pop: carisma.
Florence
Welch (ou Flo, como me gusta chamala coma se tivesemos unha relación moi
próxima) é todo carisma. Pura arte. Unha voz descomunal que nada ten que
envexarlle ás mamarrachas de agudos estridentes que veño de mencionar. Unha
artista por dereito propio, un estilo inconfundible e un repertorio que se
axusta á perfección a unhas cualidades vocais que acadan o sublime. E, por se todo isto fose pouco, é belísima, para min unha das cantantes máis fermosas que vin e escoitei.
No plano musical, o primeiro disco da súa banda Florence
+ The Machine, titulado Lungs (2009),
xa era unha auténtica marabilla na que ese estilo para min tan ambiguo e
impreciso chamado indie revelaba unha
das súas mellores vertentes. Gracias a temas tan motivadores e tan ben
construídos como Dog Days Are Over tiven
ganas de erguerme da cama e poñerme a correr ou a berrar, eu que sei! Esta
canción evocoume e segue evocándome un espírito de superación e vitoria, coma
un impulso eléctrico que me empurra a seguir, unha canción moi optimista na que
o ritmo e a voz son pezas fundamentais da engrenaxe.
Pero foi con Ceremonials (2011) cando acabei de
convencerme de que a calidade e o éxito de Lungs
non eran circunstanciais nin anecdóticos. En Ceremonials non hai borralla, é un temazo tras doutro, unha morea
de himnos nos que a voz de Flo resoa coma nunca e coa que se pode comprobar que
o comercial non ten por que ser pernicioso. Porque sí, agora en pleno 2013, supoño
que se che gusta moito, moito, moitísimo Florence Welch (como me pasa a min) xa
non eres guay… Endemoniados hipsters…
Boeno, como dicía, Ceremonials é o
máis parecido a unha ascensión ao ceo que se poderá atopar en vida nun bo
disco, todas as cancións teñen un cariz case mesiánico, unha
instrumentalización que sempre vai in
crescendo e un fondo catárquico inigualable. Escoitar Ceremonials é coma unha misa pop, ideal para doentes de ateísmo
pero admiradores de toda a épica que xira en torno á relixión coma min. Os
mellores cortes? Hai tantos… Pero What
The Water Gave Me, Shake It Out e No Light, No Light configuran o meu podio de Ceremonials, un disco que nunca aburrirei nin deixarei de
recomendar.
Flo é única no panorama musical actual e para min é unha
icona indiscutible noutro terreo que hoxe en día non parece menos importante
para triunfar (aínda que non sexa máis que unha frivolidade): o da moda. Ninguén coma ela sabe levar un Alexander McQueen de
Sarah Burton, un Elie Saab, un Givenchy de Riccardo Tisci, un Yves Saint
Laurent de Stefano Pilati ou un Gucci deseñado exclusivamente para ela… Consegue transmitir coas súas prendas e coa súa
forma de levalas ese algo etéreo que tamén transmite a súa espectacular voz.
Todo canto esta muller toca faime amala cada vez máis: a
súa participación na banda sonora de O gran Gatsby (Baz Luhrmann, 2013), unha colaboración nun recente concerto
dos Rolling Stones, cos que interpretou unha das mellores cancións da historia
do rock, Gimme Shelter e na que volveu
exhibir a maiestas do seu prodixioso
rexistro vocal; ou unha versión doutro temazo dos Fleetwood Mac, The Chain, unha homenaxe á súa gran e
non menos xenial precursora: Stevie Nicks.
E xa para ir rematando, o mellor clímax que se lle pode
dar a esta oda á enormísima Florence Welch é un pouco de música. Escoitádea e
aprenderedes a admirala, amala, adorala, idolatrala, venerala e celebrala coma
min.



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.