Hoxe morreu un señor de
nome Suárez. Adolfo Suárez. Novo non era. Non sei se poñerán coche para ir ao
enterro pero o que si sei é que, unha vez máis, a nosa cultura da “morte-espectáculo”
produciu un novo esperpento digno da nosa morbosa adicción á comunicación
inmediata, o vituperio gratuíto e o panexírico desmedido. Que pasa co devandito
finado para que o seu pasamento provoque unha marea de reaccións e alusións tan
extremas e tan encontradas? Pois que tivo a sorte ou a desgraza de ser o
primeiro presidente do goberno da democracia española ou o primeiro gran paladín
dunha monarquía herdeira dun réxime totalitario e represivo que mudou de fachada
inaugurando o réxime do 78. Vendo o fondo antagonismo que se dá entre as
distintas fontes a consultar para a creación destas dúas descricións tipo twitter xa non debería resultar difícil
dar coa resposta á pregunta que formulaba con anterioridade...
Non podo ser allea á política española e o meu DNI encárgase
de recordarmo simbolicamente día tras día. No meu mundo utópico e ideal
(unicornios incluídos) son quen de facer realidade as miñas anárquicas aspiracións
que ilustran gran parte dos meus mellores soños húmidos. Pero ao espertar
descubro que aínda sigo aquí, que vivo todo isto e que, polo tanto, sempre hai
algo que dicir ao respecto. A morte deste tal Suárez non é menos. Gran político
e reformista cuxo falecemento hai que lamentar ou morte desexada dun xerontócrata
desfasado, de pasado escuro e icona desa “modélica transición” máis falsa que as pesetas? Esa é a
disxuntiva á que as dúas Españas da era das redes sociais me obrigan a
enfrontarme cando trato de formular unha opinión e un parecer que concorden cos
meus principios ideolóxicos e humanos para falar do señor Suárez no día dos
seus óbitos.
En realidade, a historia deste home dá para unha magnífica
obra tráxica sobre a soidade do poder. Rexeitado por todos, contrarios e
propios, case semella que a doenza senil do esquecemento foi para el un bálsamo
no canto dun castigo. Hoxe moitos choran e compoñen epitafios na súa honra, de
novo, basta con morrer para ser bo. E outros bailan sobre a súa tumba e asestan
a derradeira puñalada verbal a quen xa non se pode defender. A súa agonía e
final embarque na balsa de Caronte retransmitidos en rigoroso directo polos
principais medios de (des)información do estado tampouco foron de moita axuda,
francamente. Pode que mañá os libros de historia saiban como titular os epígrafes
que se refiran a el e que relevancia darlle dentro dos mesmos pero hoxe non
sabemos como proceder. Non nos gusta moito iso da memoria e moito menos a histórica
e seguimos tendendo e cedendo á bipolarización do pensamento. Moitos esquecen hoxe que o máis
probable é que Suárez fose un home gris, e non o digo porque fose policía no franquismo
ou porque fose un ser taciturno e tristeiro, senón porque tiña pinta de ser
coma todos nós: un ser humano. Polo tanto, capaz do peor e do mellor, cheo de
contradicións e loitas internas, con acertos e equívocos, con dúbidas e
inseguridades, con medos e debilidades. Eu case aseguraría que foi o dirixente
máis humano que se tivo na nosa historia recente, pois firmou cunha inusitada
dignidade a primeira e última capitulación oficial que se viu nestes lares. Alguén
imaxina a Rajoy dimitindo coa que está caendo? Se o fixera sería a través de
plasma...
Non serei eu a que defenda ata as armas a figura de
Adolfo Suárez, pois non comparto gran parte do seu ideario. Estaba nas miñas
antípodas ideolóxicas. E estou no meu dereito, oian, se queren grandes himnos á
súa obra poñan a tele que seguro que se ven desbordados pola oferta. Mais, se
hai algo que si cómpre recoñecer e eu recoñecerei sempre nel é o seu valor e a
enteireza coa que enfrontou un período complicado e gravemente difícil. Puido
facelo mellor ou peor, hoxe non me apetece entrar nesas lameiras, pero fíxoo e cunha inesperada honestidade que xa a quixeran moitos hoxe. Non
me gusta nada empregar esa manida metáfora das gónadas masculinas para
referirme á determinación deste señor no seu tempo pero, se fose necesario
falar mal e pronto, pode que esa fora a expresión máis axeitada. Polo tanto, o
meu respecto é total.
Ata que, por fin, revisemos a nosa historia (toda!) e
sexamos quen de poñer a todo o mundo no seu sitio, coas súas luces e as súas
sombras, seguirei reflexionando sobre outros brancos e negros que me irritan
profundamente. Porque isto non fixo máis que empezar. As próximas xornadas de loito
oficial e mediático prometen ser epicamente estomagantes.
Mentres
tanto, descanse...

Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.