Xa comezou o simulacro de defensa da
dignidade, liberdade e integridade feminina? Parece ser que si. Un ano máis,
mulleres de todo o mundo e de toda clase, condición, raza, lingua ou ideoloxía
congratulámonos por nada. Si. Por nada. Rendidas á oficialidade e á
eventualidade celebrámonos como colectivo, iso si, pero esquecendo no fondo e
detrás dese mero escaparate de indignación ou amor propio verbal que somos un
colectivo oprimido, sometido á violencia física e simbólica, rexeitado e
infravalorado, que aínda debe axeonllarse perante un mundo patriarcal cuxas
concesións seguen sendo escasas. Pero tanto ten porque o noso día de
reafirmación de xénero coas súas pancartas, murais e cancións reivindicativas
non nolo quita ninguén! Porque supoño que debemos alegrarnos das “conquistas”
obtidas sobre todo no presente ano, comezando por esa novedosa lexislación do
goberno español que por fin acaba coa espiral de violencia estrutural que ata o
de agora nos empurraba a delinquir e mesmo a asasinar! Bra-vó!
Creo
que se nota que levo bastante mal iso dos “días internacionais de”. Un día
estamos orgullosas de ser mulleres e queremos loitar ferventemente polos nosos
dereitos e ao outro día queremos salvar ao loro de ventre laranxa da extinción
para ao día seguinte estarmos preocupadísimos pola divulgación de enfermidades
raras coma o linfedema (que, dito sexa de paso, tamén existimos). Todo isto
empeza e remata aquí, a nosa esquizofrenia non coñece límites. No transcurso
destas 24 horas non haberá rede social que non estea inundada de lemas,
consignas e frases atribuídas a célebres precursoras do feminismo actual para
que todos vexan que esa persoa tamén se acorda de que hoxe é 8 de marzo
(presumindo dun nada loable coñecemento “wikipédico”). Neste día non haberá
nova en calquera medio de comunicación que non lembre as ignominiosas
estatísticas ás que sempre se nos vincula como colectivo, tales como o número
de mulleres asasinadas, violadas, vítimas de malos tratos ou o nivel de
discriminación que padecemos. Ademais de todo isto, descubriremos que hoxe,
máis que nunca, a responsabilidade política é plena e total. Temos ás
democracias occidentais do noso lado, que pode ir mal? Todo “servidor e
servidora pública” de calquera cor política exhibirá no día de hoxe unha
concienciación sincera que non impulsará a outra cousa que non sexa actuar a
prol da consecución das nosas metas, en especial as políticas, que evocarán
cunha admiración digna de Xudas o papel desempeñado polas activistas do pasado
e louvarán o papel tan rancio que se nos asigna nun mundo e nunha sociedade que
aínda son de homes. Todo forma parte do gran fasto desta ilusión teatral
chamada “día internacional da muller traballadora” que se apagará de socato
coma unha vela á que sopramos en canto academos a medianoite do 9 de marzo.
Antes
de seguir, confeso que pequei, pois eu tamén estou aproveitando dun xeito
oportunista esta data e asúmoa como treito temporal idóneo para poñer de
manifesto o meu cabreo. Mais, que o meu pecado non me escuse no presente pero
si no futuro, pois eu aspiro á destrución de días coma este, destes pobres recordatorios
de causas dadas por imposibles que non deixan de ser unha metamorfose máis do
dominio mediático que tan fortemente nos inflúe e do propio poder establecido,
que se asimilan ao efémero clima de reivindicación e protesta coma lobos que
camiñan entre cordeiros e que nos ditarán tacitamente o esquecemento de
calquera demanda que exceda a xa tremenda xenerosidade do paternalismo
patriarcal para coas mulleres. Isto non é máis que “postureo”, mías senhores. Falsidade e Hipocrisía (así,
con maiúsculas e divinizadas) son os dous principios que rexerán a oratoria do
presente día, dous principios nos que caeremos moitos de nós, pois non hai
frivolidade máis grande que os “días internacionais de”.
En
serio hoxe honramos a memoria das Olimpe de Gouges, Mary Wollstonecraft ou
Simone de Beauvoir? De verdade nos identificamos co ideario revolucionario de
figuras de gran calado para a causa feminista como estas e sentamos os
alicerces do noso estado contemporáneo nalgunhas das súas teses? Superamos todo
isto? Pois claro que non. Botamos por terra cada un dos seus logros
intelectuais e materiais, non hai máis que ver o que pasa ao noso redor. Pois
seguramente algunha de nós terá oído (e seguirá oíndo) algunha vez proclamas de
resignación e derrotismo por parte dalgunha muller, a saber, “o meu mozo ten
celos e pégame porque me quere e a culpa é miña”, “o traballo máis importante é
o do home” ou “eu non me considero feminista, os radicalismos non me gustan”. Que
esperamos? Que nos regalen as cousas? Que un día aos homes se lles ilumine a
cachola e decidan que xa está ben de tanto abuso? E, aparte disto, que pretendemos
se logramos librarnos do despotismo machista? Subvertir os roles sen máis e
facer o mesmo que fixeron eles durante miles e miles de anos inaugurando unha
nova e infame dicotomía de xénero? Eu xa coñezo mulleres (moi) empoderadas e,
francamente, non che me gustan moito. Négome a que os meus referentes sexan
Soraya Sáenz de Santamaría, Dolores de Cospedal, Esperanza Aguirre, Margaret
Thatcher ou Isabel a Católica, por dar uns poucos nomes, e seguramente tamén
algunha de nós tivo ocasión de oír que estas son mulleres dignas de admirar
porque son as que “cortan o bacalao”. Diso nada, todas esas mulleres
simplemente viron a ocasión de facerse cun rol hexemónico acatando as mesmas
regras que determinan a dinámica do poder masculino. Encima, esixíndoselles,
como non, o dobre para demostrar que merecen estar aí, simplemente polo
atributo vaxinal.
Hoxe
é un día triste e de resignación. Sí, resignámonos. Resignámonos a que só temos
un día ao ano para poder berrar aos catro ventos que nos gusta ser mulleres
(como se do slogan dun anuncio de
compresas se tratara), resignámonos a disfrutar deste carameliño chamado 8 de
marzo que as altas esferas nos dan para falar sen medo durante un único día ao
ano para despois obeceder ao mandato implícito de que caladas estamos máis
guapas. Tardaremos un ano en ver a mesma efervescencia de compromiso e unidade
como colectivo, o cal dá conta da nosa falta real de compromiso e da nosa
evidente desunión.
Mulleres
de todo o mundo, non celebredes este día. Non vos felicitedes. Ignorade esta “festa”
da feminidade e facede que todos os días sexan dignos das vosas reclamacións.
Se a miña influencia puidese exceder a modestia destas pobres liñas diríavos
que abrirades as ventás, vos asomarades a elas e berrarades “estou máis que
farta e non quero seguir soportándoo”, pero nin presento un noticiario de máxima
audiencia nin protagonizo unha oscarizada película de hollywood para que isto se faga real. Se por fin as mulleres
logramos liberarnos destas cadeas que nos reteñen, da publicidade que nos denigra,
da política e das ensinanzas que nos adoutrinan no machismo e no repugnante
falocentrismo e da nosa propia condescendencia cara estes tópicos e feitos,
debemos continuar e loitar por un mundo diferente, non por asentarnos nunha vendetta que non leva a ningures, só a
repetir erros do pasado. Soñamos coa igualdade e a xustiza para nós e para
todos os seres humanos? Por que non pode ser posible? Non vos acomodedes neste
día, mañá volvede inundar as vosas redes sociais con manifestos e sentencias,
volvede cantar Respect co mesmo
aplomo e volvede berrar ata a afonía total que estamos ata a cona! Non deixemos
que a oficialidade nos encorsete e nos cale durante 364 días máis!
E,
boeno, como Pasionaria eu non teño moito futuro (xa se viu), estou cabreada e
que pode facer a miña humilde persoa soa por todas nós? Pouco, supoño. Iso sí, a deus poño por testemuña que nunca máis
volverei usar este día para manifestarme. Hai moito que facer e non se
conseguirá nun único día de autofelación (perdón, auto-cunnilingus!) que non é máis que unha fachada que se derrubará mañá
mesmo.



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.