O que vou dicir é moi ostiable pero... A que nesta
portada parece o xemelgo rockeiro de Chanquete???
Mi
madriña... Que collonazos os de Donald Trump. Non tiña suficiente con ter a
idea de bombeiro de presentar a súa candidatura ás primarias do Partido
Republicano nin con propoñer a construción dun gran muro na fronteira entre os
Estados Unidos e México (pagado polo estado mexicano, claro está) para frear a
inmigración irregular, senón que ademais tiña que usar nos seus actos de
campaña unha canción que mexa e cagha pola xente da súa calaña e tira máis cara
o ideario dos seus adversarios políticos como é este temazo do que hoxe falarei
un pouco. Se algo teño que agradecerlle a este magnate podre de cartos de siso
comparable ao dun tubérculo e “muso” eventual do papel couché é que me dese a escusa definitiva para escoitar de novo en
bucle infinito o enormísimo Rockin’ in
the Free World, do canadense Neil Young.
Claro
está que a eséxese literaria non é o forte do señor Trump ou pode que, coma
case todo nesta vida, a manipulación e a contextualización xogasen ben as súas
cartas para presentar Rockin’ in the Free
World como un himno da reconquista neocon
do poder ante miles de votantes e simpatizantes do partido do elefante. Folga
dicir que tal depravación e deriva semántica de difícil xustificación
etimolóxica non lle sentou nada ben a Neil Young, que se apresurou a emitir un
comunicado dicindo algo así como que na vida lle daría permiso a un tipo coma
Trump para usar un dos seus temas con ese fin e que efectivamente non llo deu,
pregando por favor que non volva empregalo. Este é un fenómeno que xa ten os
seus antecedentes irrisorios, como cando George Bush pai utilizou o Born in the USA de Bruce Springsteen
como sintonía do patriotismo exacerbado do que os republicanos adoitan facer
gala transmitindo este tema unha mensaxe diametralmente oposta ás ideas desta
xentiña. E agora tocoulle ao pobre de Neil...
Pero
deixemos a Trump coa súa demagoxia barateira de pre-campaña e viaxemos no
Delorean ao 1989, ano da publicación de Freedom,
o álbum no que se inclúe esta canción. Neste tempo de convulsión sociopolítica
case de paz armada e no que a Guerra Fría estaba nas últimas, Neil Young
relanzou a súa carreira musical (iniciada aló polos combativos anos 60) con
este álbum. A súa traxectoria como músico e autor xa era máis que envexable, a pesar dos altibaixos
e tanto en solitario como acompañado das distintas bandas das que formou parte,
como Buffalo Springfield, Crazy Horse ou Crosby, Stills, Nash & Young,
firmando temas inesquecibles coma Heart
of Gold, Old Man, Ohio (este xunto a CSNY) ou Southern Man. Freedom ve a luz logo dunha longa etapa de experimentación que
abrangue a década dos 80, unha época na que ao mesmo tempo que Young trata de
loitar contra as súas pantasmas persoais, se reencontra cos máis diversos
estilos ata confluír nun son máis puramente rockeiro e distorsionado que orna
unha canción protesta sublime, nota predominante en Freedom, disco no que o seu compromiso político é aínda se cabe
máis evidente. Un eléctrico retorno ás orixes que nos ten que encantar á forza.
Rockin’ in the Free World
é a xoia da coroa deste álbum. Azoute da primeira administración Bush (xa
ameazan con que haxa unha terceira desta dinastía de políticos aborreghados,
dios nos colla confesados) e alegato ecoloxista que acaba sendo moito máis
cando se lle engade o terceiro e máis importante factor: a experiencia persoal
(sempre e cando non deturpes salvaxemente a mensaxe ao estilo de Donald Trump,
claro está). O meu espertar á idade adulta e o fin da miña post-adolescencia
coincidiron coa vitoria de Obama e o xa celebérrimo e nada plaxiado Yes, we can, caldo de cultivo idóneo
para que a miña inxenua persoa se ilusionase unha migha e, por suposto,
empezase a escoitar con máis entusiasmo e asiduidade cousas destas que lles
ghustan aos demócratas. Springsteen, R.E.M.... Cousas así. A Neil Young tamén o
meto no paquete a pesar de ser canadense porque lle vai ao pelo, francamente. E
senón mirade o videoclip, perfectamente proxectable despois de calquera arenga
mitineira pro-“toda esa xente que non ten morriña da era Reagan” para que o
persoal se veña arriba. No seu día molou. Que ghuay eras por “rockear” no que
ía ser o mundo libre megha estupendo do primeiro presidente negro dos Estados
Unidos que ían ter sanidade publica, pechar Guantánamo, regularizar a
inmigración, non meterse en máis freghados xeopolíticos e darlle unha dignidade
en xeral á poboación... Ehem... Boeno, xa, a cousa non cambiou máis alá de
certos aspectos estéticos e segue apestando a María Santirma pero este epic fail non me vai foder a canción!
As
boas palabras, as promesas e os aires de cambio fóronse co vento coma o mundo
sureño no que vivía a señorita Escarlata pero Rockin’ in the Free World seghiu aí en todo soporte reproducible
que estivese na miña posesión e seghina disfrutando. Con outra perspectiva pero
sen que deixase de ghustarme moghollón. Ten forza e gharra, é enérxica,
potente, rabiosa, reivindicativa... Unha adrenalínica descarga de rock n’ roll cru con mensaxe e fondo que
me trae algo máis que o recordo do soño da revolución que nunca vin nin creo
que vaia ver (boeno, aghora si que estou falando coma unha vella!). Digamos que
aparte de ser quen de seguir gozando do eido puramente musical (pois esa
melodía péghaseche no hipotálamo si ou si), son capaz de entender o seu
espírito de loita e revolta en clave individual. Isto é: soa esta canción e
levántome da cama á de xa! É Neil Young “rockeando” no mundo libre! Se con iso
non te ergues do sofá e tiras a manta e a cunca de cola-cao pola ventá, o máis
probable é que xa sexas un friame vítima da inanición.
Rockin’ in the Free World tamén
foi versionada, como non! O primeiro en facelo foi don Neil, pois dende o
principio a súa idea era facer un dobrete que se inclúe no propio álbum Freedom: a versión eléctrica máis
coñecida (e a que máis gusta e loce, atrévome a dicir) e unha versión en
acústico extraída dun directo máis acorde coas esas raíces folk
tan súas e que nunca deixa de todo de lado (solo de harmónica inluído, of course).
Polo
xeral, os covers que atopei por aí
non aportan gran cousa e non se lanzan con novos sons e estilos que lle dean
unha segunda vida ao tema e poidan gustar polo menos tanto coma o tema de
partida (agradezo que se me ilustre no tema no caso de que o meu lector apostrofado coñeza algunha versión que valla a pena). A carghación de bombo desta é completamente prescindible...
E
esto... Boeno, para que o ghrupo do teu pobo a toque nun antro a modo de
epílogo despois de que lle berres “Outra! Outra” baixo os efectos de
substancias pasadas de graos etílicos está ben. Pero non para metela na vitrina
de versións memorables.
En
fin, neste caso máis que en ningún, o orixinal ten un sabor especial imitable
pero nunca superable. E por iso nos quedamos con el por unanimidade. Non necesitamos máis argumentos, como molas Neil e ao carallo! Imos logo comezar a despedir este abafante mes de xuño cun auténtico temaaaaaaaaaaaaaazo!!!



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.