O prometido (e re-prometido)
é débeda. Volve Star Wars á Cólquide!
Despois de moito agardar, un ano (que se axiña se di),
alí estaba eu no cine o 18 de decembro do xa pasado ano coma un reloxo,
ataviada coma unha verdadeira friki e
lista para ver se a venda de Lucasfilm a Disney dera algún resultado de maior
proveito artístico que a produción (aínda máis) masiva de merchandising. E o certo é que as miñas expectativas están máis que
satisfeitas, o cal non quere dicir que tan positiva e entusiasta opinión non teña
os seus matices.
O certo é que se me presentaron bastantes dúbidas no
tocante ao modus operandi a seguir
para diseccionar O Espertar da Forza.
Fodíame inzar isto de spoilers, que
algunha xente batese con eles e, en consecuencia, sentise ganas de bloquearme, trollearme e, xa de postos, coller a
escopeta e ao río comigo. Pero por outra banda, a valoración dunha película non
sempre se pode facer sen destripar unha parte importante da trama. A solución?
Pois unha sorte de aurea mediocritas
que espero que dea resultado e me permita reseñar de xeito máis completo o
filme sen fastidiarlle a experiencia a ninguén, porque a película aínda está
nos cines e, aínda que pareza mentira, queda xente que non a viu e quere vela.
O seguinte parágrafo contén unha crítica destas aburridas tipo recuncho da
sección de cultura dos xornais, con moito palabro raro e conector textual coma
estes que se poñen nas preguntas que non se saben dos exames para finxir que
non es parva, conceptos máis ben xerais e linguaxe do estilo “ghustoume moito
porque é moi bonita” para non meter a pata. Só ese parágrafo, os seguintes
serán verdes campos reghados de spoilers.
Na vosa man está seguir lendo ou non, avisados quedades.
O Espertar da Forza
vale a pena. Como película é grande e monumental. Ten todo o que se lle
debe pedir a un blockbuster de
calidade: boa dirección, ritmo, personaxes ben desenvolvidos, historia ben
artellada (si, George Lucas da segunda triloxía, a historia tamén fai falta),
planos quita-impos, poderío visual sobresaínte pero que non chega a abafar,
novos temas que se incorporan a unha banda sonora inmortal e un longo etcétera
que non só sería aplicable a esta película. Mola e moito. Pero non abonda con
isto. Calquera fan ou calquera que vira as anteriores películas sabe que non é
posible quedarse con esa primeira impresión que ten que ser positiva á forza
porque o filme non é malo en si mesmo, é moi bo. Pero agora toca medir o seu
impacto real e cotexar como de bo é con respecto ao resto, con respecto a
aquelas seis películas que o precederon.
[OLLO PIOLLO!!! A PARTIR DE AQUÍ HAI SPOILERS!!!]
J.J. Abrams asumiu (porque quixo pero asumiuna) unha
responsabilidade enormísima: volver resucitar unha saga en cuxa nova
resurrección ninguén cría. O Espertar da
Forza é infinitamente mellor que a segunda triloxía e cabréame que algúns o
poñan en dúbida. Non só por unha cuestión de coherencia estética, que tamén ten
a súa importancia, senón porque recupera o que nunca se debeu perder, o poder
narrativo que dota ás grandes historias desa magnificencia que será eternamente
admirada por todos. Dende a primeira Star
Wars ata o Retorno do Jedi hai
unha progresión, na que pode haber máis ou menos fochancas, pero que conduce sen
erros maiores a un dos meirandes momentos climáticos que nos deu esta
neo-literatura que é o cine. Pero aínda quedaba unha parte crucial da historia
por contar, unha parte que debía encumiar á saga Skywalker ao mesmo lugar que
ocupan os Atridas ou os Labdácidas na mitoloxía universal. Entre A ameaza pantasma e A vinganza dos sith aprendemos unha dolorosa lección, que era
posible masacrar un guión caralludo. O periplo vital de Anakin Skywalker era a
hostia, nada podía fallar: un neno asustado e escravizado ao que separan do
lado da súa abnegada e solitaria nai, que consagra a súa vida a unha causa sen
saber o que iso implica e vive coa estigmatizada bendición de ser “elixido”,
que escolle amar aínda sendo consciente de que lle é imposible e que, na dura e
fatídica loita contra o seu propio destino, perde e cae no lado escuro da
Forza, a mesma que lle outorgara todos os dons e que axiña o despoxou deles. Un
Edipo do noso tempo con tintes bíblicos que George Lucas ousou relegar ao
averno das precuelas innecesarias. A segunda triloxía nunca foi innecesaria,
foi o seu propio pai o que a asasinou dende o mesmo momento da súa concepción.
Non sei se J.J. Abrams pensou en todas estas circunstancias e precedentes antes
de embarcarse con Lawrence Kasdan e Michael Arndt na escritura do guión. Pero
pode que si, pois o espírito da primeira triloxía está no Espertar da Forza como un citius,
altius, fortius deseñado para nostálxicos e para neófitos sen perder de
vista todo o bo que tiña contar o pasado de Darth Vader (aínda que iso fose un
valor escaso). E neste importantísimo punto é onde máis se nota a perturbación
na Forza...
Mentres moitos gozaron e celebraron esta nova historia na
que coñecemos a unha rapaza orfa de nome Rey (Daisy Ridley), unha chatarreira
que vive soa no planeta Jakku sen máis degoiro que o de volver ver á súa
familia e que de xeito accidental (coma no seu día Luke Skywalker) emprende
unha aventura na que remata descubrindo o seu gran poder, outros viron nela o remake feminista da primeira Star Wars, motivo para todos eles máis
que suficiente para poñela á mesma altura do peor da saga. Non podo estar máis
en desacordo. O renacer da Forza é feminista, si (e pido un aplauso para isto),
pero a autorreferencia, a autoparodia e a homenaxe non a converten nunha nova
versión precisamente porque o seu emprego está, dende o meu punto de vista,
meticulosamente medido. De aí que sexa claramente unha película para
nostálxicos que poidan revivir a ilusión que non tiveron coas precuelas e
neófitos que se vaian incorporar ao masivo grupo de devotos da saga, como veño
de dicir. O plan argumental é case calcado, pero acaso non funciona? Acaso non
funcionou a utilización dun recurso semellante no Retorno do Jedi? E malia que este é o seu maior defecto, consegue
reverter o efecto prexudicial que pode ter sobre a valoración final do filme,
polo menos para min. Está claro que durante os trinta anos seguintes á batalla
de Endor e da derrota do Imperio, o trío de colegas formado por Luke, Leia e
Han a cagou pero ben na súa defensa dos novos valores republicanos que a
Primeira Orde (máis norcoreana e máis terrorífica que os seus predecesores) se
propón aniquilar. Está claro que as relacións familiares desta xentiña seguen a
ser moi complicadas e seguen dando moito de si como material literario. E está
claro que a historia pode repetirse no seo dunha saga que arrastra unha cadea
de culpas e castigos coa que ningún valente ewok pode rematar así como así.
Porque
si, esta historia tamén tiña que ser contada a pesar da opinión de moitos.
Véndoa así de prometedora, debe ser contada. Temos unha protagonista nova de
carisma incontestable e que achega novos aires a unha saga xa sobrada de
iconas. Rey é unha “ghuardiana” e non só por vivir nas tripas dun AT-AT e xogar
con bonecos de pilotos rebeldes! Xa dabamos grazas infinitas por ter neste 2015
unha heroína como a Imperator Furiosa de Mad
Max: Furia na Estrada e agora estamos dobremente agradecidas por ver na
gran pantalla a Rey empuñando un sable láser, coidándose ela soa, descubrindo
as súas extraordinarias habilidades no emprego da Forza (superdotación que ha
ter unha explicación nos seguintes episodios, estou segura) e deixando ben chafado
á que é (e supoño que seguirá sendo) a súa némese, Kylo Ren (Adam Driver). O
seu encontro final cun Luke Skywalker ermitán e apesarado por un sentimento de
culpa cuxa causa non se nos chega a aclarar neste filme lanza o gran interrogante
en termos de parentesco da nova triloxía. Eu só espero que me sorprendan,
porque o de que poida ser filla de Luke tampouco me parecería tan acolloante
nivel O Imperio Contraataca, pero
boeno, a veda conspiranoica xa está aberta e xa se di de todo.
Kylo
Ren. Vaia nome de merda con perdón, posiblemente a elección creativa máis pobre
desta nova película, paréceme tan ridículo como no seu día mo pareceu Padme
Amidala. Sobre este rapaz que trata de emular ao seu defunto e desgraciadiño
avó, Darth Vader, pesan erros pedagóxicos de funestas consecuencias e cuxa
responsabilidade recae tanto nos seus proxenitores (Han Solo e Leia) como no
seu mentor (Luke Skywalker) pero sobre todo pesa a herdanza dunha xenética
propensa a seguir tamén os sendeiros máis tenebrosos da Forza. A historia
repítese nel mais non é un novo Darth Vader. Kylo Ren ten a súa propia personalidade,
pode que nun principio se nos presente máis poderoso no lado escuro que o seu
avó e a súa figura se proxecte moito nel, pero semella máis un adolescente
malcriado cuxa cota de perigosidade faría que Han e Leia chamaran a Pedro
García Aguado que un vilán realmente temible e atormentado. Mais Ren ten
múltiples arestas que o converten nun personaxe francamente moi interesante e
cuxo desenvolvemento devecemos por ver: as súas vacilacións á hora de dar morte
ao seu propio pai, Han Solo (o momento de maior intensidade dramática do filme
e brillante nota tráxica desta epopea marcada polo fatum pouco favorable) son puro teatro, é despiadado pero tamén é impulsivo e caprichoso e non esperta en nós ese respecto caliguliano que dende o minuto 0 lle tivemos
a Darth Vader, cousa que aínda o cabrea máis e o fai máis imprevisible. Pero,
coma case todos os viláns icónicos de Star
Wars, non pasa de esbirro destacado e ten o tarro ben comido por un
superior, o tal Snoke (Andy Serkis), outro fulano enigmático do que queremos
saber máis nas sucesivas entregas.
Despois
está Finn (John Boyega), protagonista das promos e do merchandising (a Disney debe custarlle iso de poñerlle rostro de
muller a algo que non sexa unha princesiña en apuros) pero, en realidade,
secundario que nos entenrece. O complemento ideal para Rey, fuxitivo da
Primeira Orde á que serve dende novo como soldado (parece que o de utilizar
clons non convence aos sucesores do Imperio, espero que vexamos porqué) e presa
do seu ímpeto. Dende o principio ten unha conexión especial con Rey e podemos
chegar a supoñer que a súa historia pode dar na primeira love story interracial da saga, pero polo de agora, esa conexión
fai que vexamos neste soldado atemorizado ante os horrores que foi obrigado a
perpetrar un amigo leal e no que se pode confiar, aínda que as súas virtudes
para a loita e a estratexia aínda estean en cueiros.
E
logo sentimos mágoa polos escasos minutos que se lle conceden a Poe Dameron
(Oscar Isaac) en pantalla. Non só porque o actor que encarna a este personaxe é
fantástico e está a todas luces desaproveitado, senón porque o personaxe en si
apunta moi alto para logo caer en picado coma un superdestrutor derribado sobre
a inconclusa Estrela da Morte. Despois dun principio no que desprende carisma
por todas partes, mostrando mesmo un lado canalla que nos retrotrae aos
mellores momentos de Han Solo na primeira triloxía, este talentoso piloto da
Resistencia desaparece despois de axudar a Finn a escapar para volver saír na
pantalla case ao final! Por que? As súas primeiras liñas molaban, a súa
chaqueta molaba, todo parecía molar... A ver se nos seguintes episodios se
corrixe esta, para min, tara.
Os novos personaxes son estupendos e moi dignos para esas
novas xeracións que se engancharán a Star
Wars despois da estrea de O Espertar
da Forza. Pero aos nostálxicos tamén nos fixeron varios agasallos, o
primeiro deles, ese Han Solo no ocaso da súa sempiterna chulería. Vai vello e
tamén arrastra o seu, vese que non volveu a ser o mesmo, pero non perdeu o
medio sorriso nin a súa “jeta”. Ao contrario do Indiana Jones de xeriátrico que
encarnou hai oito anos, Harrison Ford encarna a un Han Solo que na súa vellez
aínda ten marcha e remata por atopar as forzas necesarias para encarar as súas
pantasmas, que pasan pola perda dun fillo, dun amigo e do amor da súa vida,o
cal é irónico nun personaxe que non se apegaba a nada pero cuxa evolución o fai
redondo.
O
primeiro “jo” dos fans soltámolo cando nos damos conta de que Han e Leia fan
vida por separado dende que o seu fillo abraza o lado escuro da Forza. A nova
Leia (Carrie Fisher) tamén me gusta. Sempre foi madura e un ζῷον πoλιτικόν
de armas tomar que tanto podía ser diplomática ou demostrar tamén a súa valía
no corpo a corpo. Porén, o seu rostro solemne amosa a unha idealista que soñou
coa revolución e non chegou a vela. A decepción que semella transmitir esta
Leia que é consciente do seu fracaso vese paliado por unha nova esperanza
encarnada en Rey. O abrazo entre ámbolas dúas dá aínda máis que pensar sobre as
posibilidades de parentesco entre os vellos e os novos personaxes.
E
logo está Luke Skywalker, o derradeiro cabaleiro Jedi, oculto onde Obi-Wan
perdeu a sandalia e presa da vergonza e da culpabilidade, ou polo menos é así
como nolo venden. A súa aparición redúcese a uns poucos segundos nese
(abertísimo) final no que Rey lle fai entrega do sable láser que atopa no
castelo de Maz Kanata (Lupita Nyong’o) e que parece chamar por ela coma a súa
digna sucesora. Non hai espazo para respostas nese desenlace. Todo son
preguntas.
A modo de conclusión, podo determinar sen lugar a dúbidas
que me entusiasma esta nova triloxía que vén de comezar. Considero que aínda
non se esgotou toda a auga do pozo das ideas warsies a pesar da imitatio
máis evidente (defecto e virtude ao mesmo tempo) e sen necesidade de traumatizarnos con cousas tan incomprensibles
coma os midiclorianos ou os gungans.
Falar da súa indiscutible calidade técnica está de máis, claro que Disney desembolsou
e vai desembolsar o que faga falta para que as seguintes producións de Star Wars co seu selo luzan como teñen
que lucir na segunda década do século XXI. O que non está de máis é valorar que
volve haber historia, volve haber un recuncho para a emoción e esperemos que
para a sorpresa. Acabáronse as caracterizacións planas e desdibuxadas e a
estética de videoxogo. E na miña opinión iso é bo e beneficiará a unha saga que
segue dando de si e que promete obsequiarnos cun capítulo memorable cada ano de
aquí a 2020. Que a Forza estea connosco para que así sexa.









Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.