O
entroido pasou, xa o sei. Os disfraces, reviravoltas e idas de perola terán que
esperar nun caixón ata o ano que vén, lamentablemente. Pero precisamente pola
miña aberrantemente neglixente actitude de esquecemento e censura non
intencionada cara esta marabillosa festa pagá, que, como galega de ben, levo
moi dentro, hoxe propoño neste blog un temazo a modo de homenaxe en diferido.
Si, coma as indemnizacións de Bárcenas. Non vos descubro nada novo, pois non
adoito crear ningún tipo de tensión narrativa nin expectativa cos temazos da
semana, xa que anuncio cada canción dun xeito moi institucional e ritual. Nesta
ocasión, falarei dun amor cortés un tanto particular, dunha puella horaciana atípica, dunha cantiga
moi propicia para estas datas xa pretéritas e esa é Eloise, firmada polo tamén pretérito Tino Casal. Así que saquen as
súas mellores peles de leopardo, chatolas (“tachuelas”, a RAG nunca deixará de
sorprenderme...) e “lentejuelas” (que me caian todos os dardos do mundo pero,
sentíndoo moito, véxome incapaz de traducir isto), porque alá vamos!
A
verdade é que morría de “ghanas” de meter algo hortera e frívolo neste blog,
sobre todo despois das dúas últimas publicacións, que me deixaron as neuronas
atordadas con tanta reflexión, “profundidá” e demais lamazais do mundo tan
fodido que nos tocou vivir. E quen mellor que o grandísimo e inxustamente
olvidado Tino para solucionarme a papeleta e devolverme aos meus mundos de Yupi
nos que as chorradas e os coñecementos inútiles para mentes ociosas satisfán
axeitadamente o meu ego!
Son
moi consciente de que Eloise non é
unha canción de Tino Casal (boeno, son moi consciente dende hai dous meses
escasos de que non a compuxo el, tampouco son tan friki) pero era ou poñer esta e falar dunha versión que adecentou “moghollón”
a orixinal ou facer o contrario, enrollarme, por exemplo, con Embrujada (que por outro lado, xa é
menos interesante) e falar dunha canción destrozada en covers posteriores (iso e ter que volver citar a Marta Sánchez,
cousa que xa case me aterra máis que Marine Le Pen). Polo tanto, the chosen one é, finalmente, Eloise, canción mitiquísima que merece
un lugar destacado no meu particular olimpo melódico por méritos propios, xa
veredes.
Non
coñecer a Tino Casal debería ser constitutivo de delito no código penal, pero por
se as moscas, non criminalizarei a ninguén. Só para situar un pouco á xente
máis nova ou aos renegados da movida, darei un par de datos cos que calquera
pode bater gracias a San Google. Tino Casal naceu co pouco artístico nome de
José Celestino Casal Álvarez aló polo 1950 en Tudela Veguín, un pobo asturiano non
moi habitado que ten unha fábrica de cementos e o renome de “diosperdonea” Tino
como elementos identificativos máis reseñables. Antes de labrarse unha carreira
como cantante solista, foi membro dalgúns grupos como Los Archiduques, unha
especie de remix de Los Tamara, Los
Brincos e Fuxan os Ventos, a xulgar por este documento (brutal) que atopei en
Youtube chamado Lamento de Gaitas (se
eu tivese un grupo e un mínimo de talento, versionaría esta canción, en serio!
Viejuno pero memorable!).
Ata
achar o seu estilo pop tan definido e
definitivo, Tino pasou por varias fases, non só a de beatle cantábrico. A finais dos 70 intentaron convertelo no novo
Nino Bravo pero non chegou a callar como cantante melódico (daquel tempo quedan
restos fósiles como Emborráchate), de
modo que, por fin, nos 80 e coa efervescencia da celebérrima movida madrileña,
Tino Casal deu co seu lugar no panorama musical español da época, recorrendo a
un son fabricado a golpe de sintetizador, dando como resultado un estilo synth-pop/techno/new romantic ou
algo parecido a todo iso, e a unha estética caracterizada por un colorista
exceso barroco en xeral claramente influída polos postulados do glam rock, cousa que sorprendeu, innovou
e conmocionou case por igual nun país que intentaba fuxir da beataría cultural
franquista e post-franquista a toda costa e a calquera prezo. Desta época datan
os seus maiores éxitos: Embrujada, Pánico
en el Edén, Oro negro, Champú de huevo ou a canción que nos ocupará, Eloise.
Eloise,
incluída no seu álbum de 1988 Lágrimas de
cocodrilo e éxito rotundo (número 1 nas listas incluído), vén sendo un pouco o
gran peche (fortuíto) da carreira de Tino Casal, pois o destino quixo que
morrera novo nun accidente de coche en 1991. Curiosamente, un pasamento
prematuro non foi motivo suficiente para que a súa lenda se agrandase e parece
que nos últimos tempos, a súa figura queda relegada a un segundísimo plano na
confección do inventario dos grandes cantantes solistas dos anos 80 en España.
Semella que a fama da que gozou en vida se enterrou con el e, gracias a Eloise, tamén parece que foi tirado a un
pozo aínda peor que o do esquecemento total: o temido grupo dos one hit wonders. Tino é con frecuencia
rescatado da tumba para poñer banda sonora a todas estas festas horteras que
dun tempo a esta parte están tan de moda en pubs
e baretos de toda a península ou para ilustrar en diferentes “zappings históricos” o diferente que era
a televisión de dúas canles pola que saían bichos raros coma este facendo playback. E xa. Poucas voces falan dun
legado musical a reivindicar tratándose de Tino Casal, que adoita ser acusado
de abandeirar un estilo que envelleceu moi mal, cunha estética trasnoitada e
que pouca cabida ten nas nosas vidas post-ointenteiras se non é no entroido,
por exemplo.
Non
se pode negar que Tino Casal era moi hortera. “Moitirmo”. Con todo, discrepo desa
corrente de pensamento contemporáneo que condena ao ostracismo cultural a todo
aquilo que camiñe nesta dirección. Polo xeral, témoslle aversión a certas ousadías
estéticas e estigmatizamos toda manifestación cultural que se nos venda en
certos envoltorios. Ademais de todo isto, actualmente parece que se abriu un
debate sobre a movida madrileña que cuestiona o carácter revolucionario que
parecía inherente á mesma e, así, tíldanse de gratuítos e baleiros atrevementos
musicais e estéticos coma os de Tino Casal. Eu podería aplicar isto a Mecano
sen ningún problema e todos contentos (si, téñolles moita “tirria” e parécenme
unha panda de farsantes) pero síntome incapaz de empregar os mesmos termos tan
tallantemente con Tino, pois era un artista demasiado polifacético e movido pola
creación en xeral: era tamén pintor, produciu algunha das primeiras películas
de Almodóvar e é o padriño do primeiro grupo de heavy español, Obús. Neste gran proxecto de artista total había tamén
calidade vocal, bos referentes e unha certa sensibilidade pop, con moita reflexión ao respecto. Tino Casal era unha especie
de “titiriteiro doctus” que debería
resultar difícil de meter no mesmo saco que todos os seus coetáneos.
E
con todo este “rollaco”, voume por fin a concretar un pouco máis esta Eloise, tema que creo que resume e
xustifica á perfección todo o que pretendín esbozar neste último parágrafo.
Resulta un tanto paradoxal xa que se trata dunha versión da canción homónima dos anos 60 interpretada por Barry Ryan, polo tanto, un tema non propio. Pero
da cachola de Tino e algún colaborador saíu un arranxo da hostia que converteu
un tema melódico sesenteiro centrado nunha figura feminina que non estaba mal
nunha poderosa sinfonía pop, dándolle
unha segunda vida a unha composición xa bastante lograda pero instalada nun
concepto trillado. En efecto, a Eloise de
Tino Casal transita polo complicado sendeiro do pop sinfónico, mais a harmonía entre os dous conceptos que se remexen
neste subxénero é total. Nin queda cutre nin se pasa, nin predomina o son máis
clásico e tradicional nin se atasca preocupantemente no sintetizador e o puro
ritmo. Esta Eloise é máis rápida e máis
grandilocuente e Casal trata de darlle toda a pompa e ampulosidade posibles a
unha canción, en principio, máis sobria e pouco dada a fastos desta índole. E
faino sen queimarse en absoluto. Consegue un equilibrio excepcional e dignifica
o material de partida.
Pero
vaiámonos a ese videoclip antolóxico, por favor. O convencionalismo na forma
pode resultar decepcionante pero neste simulacro de actuación ante un público
fantasmagórico atopamos un verdadeiro manual de horterismo deliberado para fans
irredentos do exceso coma min. Pero que os hipsters
non se consideren mellores que todo isto! Quen non quere ser diferente? Aquí hai
de todo: as longas e enormes chaquetas de traxe de múltiples colores, o abrigo
de “lentejuelas”, os guantes con garras que parecen toxos dourados, o bastón, a
guitarra heavy decorada con letras e
números, homes con saia e ataviados con estilismos imposibles, os candelabros,
o micrófono clásico con luz, o teclista de pelo engominado e flequillo ultralongo
que pon cara de virtuoso ao aporrear as teclas e cre formar parte dunha sinfónica
de verdade... Barroquismo pop por
todas partes! Ti dis compendio de tópicos xa superados pero eu digo xenialidade
que non coñece límites!
Barry
Ryan inspirou a Tino Casal e, á súa vez, este inspirou a máis xente. Aínda que
antes falaba dun limbo de esquecemento no que parece estar actualmente a súa
figura, é certo que hai quen o ten como referente directa ou indirectamente (eu
neste segundo grupo case metería a Mónica Naranjo e o seu pelo bicolor) e,
deste xeito, Eloise foi obxecto de
novas re-versións. O exemplo máis representativo é o de Stravaganzza, banda de heavy cuxa Eloise segue ao pé da letra o guión indicado por Casal, sen
ningunha dúbida. Pouco aporta á canción aparte dun son máis duro e marcado. Non
por iso se debe deixar de citar, porque o seguinte paso sería empezar a
poñernos cos karaokes dos “triunfitos”que non se atreven cos agudos de Tino ou algún escarnio pouco logrado e paso de meterme nese berenxenal e
arruinar o post...
O disfraz de Tino Casal and his band é a repanocha e supoño que o traspaso de toda a
imaxinería vinculada a este artista ao ámbito festivo é a mellor forma que temos
de recoñecerlle os seus logros artísticos. A falta dunha reivindicación real da
súa talla como artista, pode que esta sexa a mellor homenaxe que se lle pode
facer. Pero ata pensar a comparsa do ano que vén, disfrutemos deste verdadeiro
temaaaaaaaaaaaaazo!




É frecuente que un artista precise da viaxe para atopar o seu camiño, sen que soe pedante. Gabinete Caligari naceron logo de horas de escoita de ritmo cañí por parte de Jaime Urruti no servizo militar. No caso de Tino Casal, Londres tivo moita culpa da súa conversión glam, penso.
ResponderEliminarCerto é. Un dato importante que se me pasou, mea culpa. Obviamente, a súa estadía en Londres foi determinante para dar co estilo co que finalmente se consagraría como artista.
EliminarMoitas gracias por lelo e opinar!