A terceira entrega
desta sección merecía unha historia extraordinaria. E perdóenme o ousado
prexuízo pero nunca pensei que unha top
model fora protagonizar un destes grandes relatos de superación dos que,
por desgraza, a prensa gusta tanto para sodomizalos con sensacionalismo e falsa
admiración. Mais non é a miña intención limitarme a sinalala co dedo coma quen
mira para a muller barbuda por uns poucos dólares, pois esta moza ben merece un
recoñecemento mellor. Winnie Harlow é muller, é modelo e padece vitíligo. Non
sabía quen era ata hai dous días e xa a adoro por ter a valentía de desafiar,
aínda que fose accidentalmente, o canon estético actual, por ser quen de
mostrarnos outro tipo de beleza, sempre diversa e polimorfa (diga o que diga
Karl Lagerfeld) e por acabar con cada barreira que se interpón entre ela e as
súas aspiracións.
Winnie
Harlow naceu no Canadá hai 19 anos co nome de Chantelle Brown-Young e á curta
idade de catro anos diagnosticóuselle vitíligo, a mesma enfermidade dexenerativa
que segundo algúns tamén padecía Michael Jackson, causa pola que supostamente
“branqueou”. Esta doenza consiste na despigmentación progresiva da pel ao non
producirse melanina, substancia encargada de “colorearnos” un pouco, o que
incrementa o risco de sufrir queimaduras á exposición solar. Pero o vitíligo
implica, ademais, atravesar un padecemento a maiores cuxa crueldade non coñece
límites: a inxusta exclusión social por motivos estéticos. A propia Winnie
Harlow lembrou en varias entrevistas o rexeitamento que producía nos demais o
simple feito de contemplar a súa pel. Os seus compañeiros de clase dedicábanlle
epítetos tan pouco amables como “cebra” ou “vaca”, pero ningunha vexación
conseguiu desmoralizar a Chantelle nin impediu que se presentase ao concurso America’s Next Top Model, do que saíu
vendo realizado en gran parte o seu soño de converterse en modelo e nunha rara avis ben necesaria na industria.
Actualmente é a imaxe da popular marca de roupa Desigual, coñecida polos seus
publicitarios chascarrillos de dubidoso gusto sobre a maternidade. De feito non
sei que pensar das intencións de Desigual en canto a esta fichaxe e non vou
opinar. O caso é que Winnie Harlow, unha beleza diferente nada á marxe do canon
está aí e como tal podemos valorala.
Vale, acato que se me reproche neste punto da redacción
unha certa falta de rigor: se tanto prego que se vexa con normalidade que unha
moza con vitíligo queira ser modelo, por que o destaco tanto e fago unha reseña
coma esta da súa (curta) vida e (curta) obra? Porque por desgraza neste mundo
aínda fai falta que se nos lembre que a diferenza tamén mola e que,
contrariamente ao que moitos pensan, é unha das grandes riquezas da raza humana,
ademais de ser o fenómeno maioritario fronte a aqueles que nos impoñen a
tiranía da uniformidade física e mental. E, de novo, o meu ánimo dista moito de
pretender a ofensa con burdos vítores “telecinqueiros” á ousadía efémera (un
olé polo neoloxismo, por favor). Celebro que Harlow, ao igual que outras
malchamadas maniquíes (en serio, que maneira é esa de referirse a unha
modelo???), se chante fronte a un canon inxusto, pouco representativo e, por
que non, criminal. Entusiásmame que existan tops
como Tara Lynn ou Robyn Lawley, paradigma para todas aquelas que nalgún
momento sobrepasamos unha L; Moffy, que padece estrabismo, ou Carmen
Dell’Orefice, que simplemente é unha anciá de oitenta e pico e segue desfilando.
Negar a importancia cultural da moda é ignorar o mundo no
que se vive, está presente en moitos ámbitos da nosa vida (é o que ten non
ter pelaxe coma os gorilas) e serve tamén para facer arte. Mais é certo que
durante moitos anos, case dende os inicios da industria como tal, e salvo
contadas excepcións de lucidez estética (gracias, Coco, por pensar sempre en
nós mesmas), a moda sempre tomou como referencia o corpo feminino non para
dignificalo, senón para denigralo e para empregalo como unha simple percha, algo que nos últimos anos tornou en
prácticas tan salvaxes como enxalzar sobre as pasarelas a extrema delgadez e a
coñecida talla 0 como un ideal de beleza e perfección ao que aspirar e ao
que todas nos debemos asimilar (sempre orientado cara a nós, as mulleres, pois
a dieta é unha anestesia moi eficaz). Independentemente de que iso poida
derivar na apoloxía de graves trastornos do noso tempo como a anorexia ou a
bulimia (ai, Karl, que “jamao” estás), que tamén, cómpre termos moi presente
que como percepción relativa que é, a beleza non é unha soa, nin a feminina nin
a masculina. Deberíamos ser capaces, como mulleres e dada a exposición que
temos no mundo da moda e do “belo”, de confrontar novos modelos e propugnar
novos ideais estéticos, dunha forma sá e menos frívola.
Louvo
o atrevemento de Winnie Harlow porque me parece un dos precedentes máis esperanzadores
de cara a que as pasarelas pasen a ser o escaparate dos corpos reais, tanto de
mulleres coma de homes, para sentirmos que a moda, máis ou menos asequible, tan
importante nas nosas vidas “primermundistas”, realmente se concibe cunha funcionalidade,
a de vestir os nosos corpos e a nosa personalidade. Espero que gracias á achega
de modelos coma Harlow, nun futuro non moi lonxano deixemos de pedir perdón por
ter uns quilos de máis, unhas poucas engurras, algo de celulite ou por ser
multirraciais. Gustaríame que casos coma o desta rapaza xeraran unha
controversia moi necesaria para darlle a volta ao canon establecido. Polo de
agora, congratúlome de que unha muller como ela exhiba con tanto orgullo o seu
corpo perfectamente imperfecto.




Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.