Xa
que estes días Escocia decide o seu futuro como nación, estado ou o que sexa
nun exercicio de democracia moi saudable pero aplaudido e denotado por igual,
aquelas ás que o sentimento patriótico (sexa da índole que sexa) nola trae moi
frouxa decidimos poñernos iconoclastas e derrubar mitos. Tal é o meu caso.
Supoño que fago este post
“supercalifragilioportunista” porque hai un par de días lin na mal chamada prensa
seria que as vendas do DVD de Braveheart,
multipremiada película do hoxe algo malogrado Mel Gibson, se dispararan en
Escocia co gallo do referendo pola independencia, feito que me sorprendeu e non
deixa de abraiarme por varios motivos que exporei a continuación. Comezamos.
Boeno,
antes de nada direi que a min Braveheart
paréceme un puto peliculón. Así, sen vaselina nin xel lubricante. E que non
estou aquí para discutir a calidade do filme en si mesmo senón para contrastar
(ou contrarrestar, por que non) calquera parecido da ficción coa realidade. Dende que o mundo é mundo,
todas as ideoloxías máis ou menos descabezadas precisaron dunha base argumental
e ficcional na que apoiarse, e sen ser o australiano Mel ningún teórico
destacado do nacionalismo escocés, dende o ano 1995 converteuse nun sólido referente
motivacional para os partidarios da independencia de Escocia. Foi o australiano
Mel, si, manda tralla, o que mostrou a Hollywood e ao mundo enteiro a historia
de William Wallace, algo así coma o Alex Salmond do século XIII pero en gore.
Braveheart é
pura épica moi ben contada, pero de cando en vez adoece de certas pretensións,
pretensións que o respectable adoita tomar moi en serio considerándoa case unha
lección de historia e nada máis lonxe da realidade. Sendo Wallace un personaxe
real e tan histórico coma a invención da fregona, Gibson non renuncia a
explotar toda a mitoloxía xurdida arredor do mesmo cuns poucos engadidos,
imprescindible para darnos un monumento cinematográfico como Hollywood manda.
Concretamente, unhas tres toneladas de traxedia persoal, outras tantas da
pertinente historia de amor (heterosexual e cortada polo patrón do romanticismo
máis idealizado) e un quintal de acción, suor e sangue bélico. Ah, e non se nos
pode esquecer chamar a James Horner para que nolo pinte todo ben bonitiño cunha
banda sonora sublime e así gañemos Oscars a “cahcoporro” (cinco para ser
exactos).
Creo
que está de máis recordar que o retrato de William Wallace trazado por Mel
Gibson (o propio director asume o rol protagonista) é o dun home apartado dos
asuntos políticos ata que o apretan ben apretado e decide involucrarse. Dito
así parece a historia dun votante de Podemos (con todo o meu respecto para os
votantes de Podemos, que non son poucos) pero a cousa é algo máis complicada:
de neno perde ao seu pai e ao seu irmán maior a mans dos ingleses, que oprimen
ao pobo escocés dun xeito brutal. O tío Argyle (Brian Cox) asume a tutela do
pequeno William e lévao a ver mundo lonxe da represión do malvado rei Eduardo I
“Longshanks” (Patrick McGoohan), obsesionado con anexionarse unha Escocia con
sobredose de pretendentes ao trono (estes reis que palman sen descendencia,
ains...). Wallace regresa con algo máis de pelo no peito e sen máis aspiración
que vivir de “jipi” e casar co amor da súa vida, Murron (Catherine McCormack), á
marxe de todo enfrontamento. Pero cando Murron é asasinada por uns gardas ingleses,
Wallace decide vingar a súa morte nada máis e nada menos que liderando unha
gran revolta contra o inimigo inglés. Pero todo isto está de máis recordalo,
tamén que despois de liala parda e gañar inesperados aliados coma a esposa do
príncipe inglés (Sophie Marceau), Wallace acaba derrotado a causa da traizón do
“chaqueteiro” Robert Bruce (Angus MacFadyen). Pero nada, xa o sabemos, non fai
falta nin mencionalo.
Para
min, a identificación da trama ficticia co sentimento independentista escocés
real non é plena por dous motivos fundamentais: a actitude inicial de Wallace, por un lado, e, por outro, o detonante da revolta e do seu consecuente compromiso coa liberdade do pobo
escocés. Sei que o que vou dicir non lle vai molar a moita xente que moquea con
esta película (ao meu outro eu esquizofrénico tampouco lle vai gustar) pero ao
William Wallace de Mel Gibson Escocia e os escoceses sóplanlla moito de
principio a fin. Ao principio do filme, e aínda cos cadáveres de seu pai e seu
irmán enriba da mesa, o único que lle oímos dicir por activa e por pasiva é que
quere cultivar unhas terras e formar unha familia e que os problemas que poidan
ter os clans cos nobres ingleses a el nin lle van nin lle veñen. Pero, claro,
no momento en que lle tocan o seu aí si que se envalentona. Non teño nada en
contra das historias de vinganza, que sempre son moi interesantes, pero repetir
como loros a consigna de poderán
quitarnos a vida pero nunca nos quitarán a liberdade sabendo que quen a di
é un gran oportunista non é moi loable. Na miña humilde opinión, eh, non vou
negar que despois cumpre (ata se carga aos vendidos ao poder inglés). Mais,
remata a faena fiándose de quen non debe: Robert Bruce, que me parece o mellor
personaxe de todo o filme, un tío que nunca sabes por onde vai tirar e que se
debate constantemente en ser fiel ás súas propias conviccións ou seguir os
perniciosos consellos de seu pai.
A
lectura política en Braveheart cheira
e está de máis. Descoñezo o proceso e non sei de que maneira Mel Gibson foi
bater coa historia de William Wallace e en que momento se decidiu a levala á
gran pantalla pero honestamente creo que o tema da independencia de Escocia é
puramente circunstancial e na propia película está bastante transversalizado
(coido que esta palabra non existe). O que quero dicir é que Escocia é a
escusa, Mel Gibson só quere marabillarnos coas súas habilidades para comandar
lexións de extras e manexar orzamentos estratosféricos, só quere darnos épica e
teríao feito igual noutro contexto, noutra época e noutro lugar. A causa dos
sublevados escoceses de Braveheart é
tan digna de reducirse a un argumento épico como a da alianza rebelde de Star Wars. E calquera parecido coa
realidade é casual. Porque, ademais, hai outra cousa; estamos na Idade Media, os escoceses comandados por Mel non son baluartes da democracia nin nada que se lle pareza, o pobo vai seguir sometido a un poder autoritario tanto en Inglaterra como en Escocia se finalmente conseguen quitarse aos ingleses de enriba. Outro punto no que fraquea a mímese co independentismo actual e outro motivo polo que non creo en absoluto que esta película poida alimentar ese sentimento. A motivación que nos transmite o filme é máis deportiva que política, na miña opinión.
En
calquera caso, celebro que o referendo escocés pola independencia provoque que
se revise este xigantesco filme. Braveheart
é o meu particular Pretty Woman:
cada vez que a volven botar pola tele pásoo teta, nin ma perdo nin a aburro,
pois ten todo o que eu busco nunha película-espectáculo: traxedia, acción, boa
banda sonora, discursos motivadores, planos que non amosan nada máis que
inmensidade... Creo que é unha película que envelleceu moi ben, segue gustando, segue emocionando e segue impresionando (ata revisar os seus gazapos nos parece entrañable).
Pois iso, “la cosa grande”, para os da LOXSE, diría o cómico. E de
independentismo, niente. A
disfrutala.



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.