Pouco
se lle pode reprochar a unha cinematografía que se está desenvolvendo dun xeito
tan ilusionante como a galega. Nun ano no que celebramos as 25 primaveras do
noso cine, só podemos recibir con moito entusiasmo a derradeira gran achega da
sétima arte galega: A esmorga,
adaptación da célebre novela de Eduardo Blanco Amor levada a cabo por Ignacio
Vilar (coñecido xa por outros filmes como Pradolongo
ou Vilamor). De visionado
obrigado na Cólquide, agora só nos queda compartir impresións.
Admito
que escribo esta publicación para desmontar argumentos prexuizosos que non ven
no cine en galego unha proposta cultural o suficientemente atractiva como para
xustificar un dispendio de oito euracos. Aínda que pode que xa non sexa
necesario porque A esmorga logrou
deconstruír a armazón de todo ese ideario en apenas tres semanas de exhibición.
A resposta do público foi magnífica (anda polos 30.000 espectadores e subindo) e
digno de aplauso é tamén que unha película así se poida ver nas grandes salas
comerciais, competindo directamente cos grandes bombazos foráneos da tempada,
como Interstellar, Os xogos da fame ou, máis recentemente, Exodus. Ata o mesmísimo The Hollywood reporter se fixo eco da
magnitude do seu éxito. Galicia respondeu efusiva e contundentemente SI (nin
maiorías silenciosas, que tan de moda están agora, nin farrapos de gaitas). Si
a unha cinematografía galega e en galego, si ás adaptacións dos nosos grandes
clásicos literarios, si ao oficio dos inmensos actores que temos na nosa terra,
si ao conxunto dunha industria cultural audiovisual á que aínda lle quedan
moitas alegrías que dar.
A esmorga
é moito máis que unha lectura obrigatoria de idade escolar, é unha novela dunha
gran complexidade que merecía unha adaptación cinematográfica á altura. A fatal
andaina do seu trío protagonista, Cibrán, Milhomes e Bocas é por fin trasladada
á gran pantalla cun resultado moi notable, xa que se consegue recrear ese
ambiente sórdido e de miseria moral que tan maxistralmente nos describía Blanco
Amor nas súas páxinas. Cada pequena decisión que arrastra a Cibrán e aos seus
dous compañeiros de esmorga á perdición resúltanos arrepiante. Ao igual que
lendo a novela, pensamos para nós “non o fagas” e somos quen de mergullarnos
dentro da trama e empatizar cuns protagonistas que nada teñen que ver coa
clásica figura literaria do heroe. Todo o contrario. Son os tres antiheroes por
antonomasia da literatura galega, fan cousas que non nos gustan e mesmo nos
producen noxo pero logramos comprendelos e apreciar a súa profundidade coas
súas múltiples arestas.
Aínda
que isto último non sería de todo posible sen o traballo dos seus actores.
Miguel De Lira, intérprete de sobra coñecido para o público galego polos seus
traballos en televisión, dá vida ao malfadado Cibrán, quen, incapaz de intuír a
súa desgraza, encadea un erro tras doutro, seguindo aos seus amigos, ata
rematar sendo mallado e interrogado pola garda civil por estar no lugar
equivocado e no momento menos oportuno. Bocas ten o rostro do único actor
foráneo implicado nesta produción: Karra Elejalde (para aqueles aos que o nome
lles di máis ben pouco, é o pai na ficción da protagonista de Oito apelidos vascos) aprendeu galego só
para interpretar este papel e, boeno, aínda que somos conscientes de que o
galego non é chinés (aínda que moitos castelanfalantes de alén e incluso dentro
das nosas fronteiras intenten facernos crer o contrario), o seu esforzo ben
merece unha mención especial, porque realmente no filme parece galego de
Ourense de pura cepa. Pero, o que para min está soberbio e que parece nado para
este papel é Antonio Durán “Morris”, toda unha celebridade en Galicia despois
das súas intervencións en Pratos
combinados ou Padre Casares. O
seu Milhomes é espléndido, unha das súas mellores creacións interpretativas e
dubido que, se a alguén se lle ocorre facer unha nova adaptación de A esmorga, outro actor poida superar
este traballo, máis que digno reflexo do Milhomes que nos descubriu Blanco Amor
na súa magnífica obra.
Boeno
e quere isto dicir que A esmorga é
unha película perfecta? Pois non. Claro que A
esmorga ten gazapos ou erros, como toda película de ben, nin máis nin menos
graves que calquera outro filme, nin en maior nin en menor número. Boto en falta
un pouco máis de risco nese final que ten que ser ambiguo si ou si, mais debo
recoñecer que a conclusión na que se citan as derradeiras verbas da novela de
Blanco Amor é algo máis que un recurso fácil. Teño sentimentos encontrados con
respecto a isto, xa que me gustaría que tamén no final se respectase a literalidade
sen renunciar ao código imposto polo formato audiovisual (como se fai en moitos
tramos ao longo da película, podendo recoñecer moi facilmente algunhas liñas)
pero, por outra banda, que se nos manifeste o autor da única forma posible na
que pode facelo (a través das palabras fixadas nun libro) na que pretende e
debe estar chamada a ser a adaptación definitiva da súa obra é unha bonita homenaxe
e un recoñecemento á magnificencia desta novela, case asumindo a humildade coa
que todos os que traballaron na película se achegaron a unha obra atemporal e
marabillosa. E, para rematar co apartado de erros ou inconsistencias, un apunte
algo bobo (atención, spoilers de sete
estalos!): debo facer constar que o misterio da moza enclaustrada que ten
obsesionados aos seus protagonistas e que finalmente resulta ser unha enorme
boneca, se resolve demasiado axiña para o espectador (incluso para os que leron
a novela e saben o que vai acontecer), que nota case dende a primeira toma que
a sorpresa non é tal.
A
música, obra de Zeltia Montes e que nalgunha publicación xa figura como unha
das mellores bandas sonoras do 2014, é xenial. Haberá quen poida dicir que
tampouco é para tanto, xa que é dun minimalismo case extremo. Pero non pode ser
doutro modo, non se poden acompasar estas escuras vivencias doutro xeito. Eses
sinxelos golpes de piano son tan perturbadores e crean unha atmosfera tan
inquietante... Sen palabras. Desas cousas que non se poden cualificar porque se
cualifican elas soas.
Pouco
máis podería engadir esta humilde cronista. Algúns pensarán que todo o que aquí
conto, nesta especie de crítica nada canónica (tampouco aspiro a asimilarme a
esa raza de críticos profesionais máis preocupados por cultivar o seu propio
estilo e o seu propio ego que en achegar unha opinión construtiva do filme), é
pura cuestión de militancia. Nada máis lonxe da realidade. É certo que non
podemos pretender ter unha industria cinematográfica galega forte se non a
apoiamos, se non imos ao cine cada vez que existe a posibilidade de ver unha
película feita no país, pero nunca falaría de A esmorga nestes termos, ou directamente nin falaría dela, se
realmente non me gustase. E celebro que unha película así sexa galega e que
teña a acollida da que está a gozar, porque é máis que merecida e a súa
calidade así o testemuña. E a ver se así, dunha vez por todas, comezamos a
mirar o cine feito na nosa terra cos mesmos ollos que o cine foráneo (si,
fundamentalmente americano, hai que dicilo) e non pensar iso de “jo, que
preguiza, unha película galega con pouco presuposto, sen caras megacoñecidas e
sen unha campaña de publicidade acolloante que me provoque unhas ganazas de
vela”. Porque o día no que o cine galego estea en igualdade de condicións co de
fóra está moi preto.
Mentres
tanto, noraboa a todos os que participaron en A esmorga.
(E
non a perdades, que aínda está nos cines!)





Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.