“Freddie
Mercury é un dos meus meirandes mitos musicais e sexuais”. Normalmente provoco
silencio e petrificación entre os meus semellantes cando no medio dunha
conversa trivial sobre temas igualmente triviais, como algúns gustos musicais
oitenteiros, solto esta máxima. Case todos coinciden en que Mercury debe ser
elevado ao olimpo da melomanía pero moi poucos pensan, coma min, que tamén
mereza un lugar destacado nun podium máis
terreal e frívolo. Semella que o bo de Freddie non se corresponde co paradigma
canónico da sensualidade e o erotismo, supoño que a súa mandíbula (que na vida
se topou cun protésico dental) é a culpable deste feito. Mais non vou dedicar
toda esta extensa prosa única e exclusivamente a falar de Freddie Mercury como
mito erótico (pese a que penso facer a miña pertinente exposición de motivos)
senón tamén coma o grandísimo artista que foi, é e será, superando calquera
moda e barreira física (máis que nada porque hai xa tempiño que finou). Se
alguén (troll ou non) considera que o
que vén a continuación non é máis que unha trapallada falta de rigor, anoto que
isto non é a wikipedia nin aspiro a firmar a biografía definitiva sobre Freddie
Mercury, o único que pretendo é facer un panexírico á altura do ídolo, que para
algo é ídolo, vamos (e que carallo, aquí escribo eu e escribo o que me apetece,
xa está).
Un
pouco de historia persoal para crear ambiente: coma se dunha avoíña prematura
(moi pop, iso si) me tratase, gosto
de dar o coñazo ao persoal coas miñas particulares “batallitas”, que raramente
son merecedoras de atención e/ou recoñecemento por parte dos que me rodean. Por
iso, nunca poderei deixar de contar unha e outra vez en bucle infinito a
historia de como coñecín á vosa... Perdón! De como batín cun grupazo chamado
Queen. Setembro. 2003. Todos temos un cuñado pero no meu caso teño e xa tiña
entón un cuñado que mola (parece ciencia-ficción, pero non o é) que me
emprestou unha caixa prateada que contiña os tres volumes de grandes éxitos de
Queen, ampliando así o meu coñecemento da mítica banda máis alá do We will rock you ou o We are the Champions que amenizaba as
vitorias do Depor (daquela o Depor ghañaba cousas, si). O que veu despois diso
é fácil de imaxinar: aqueles tres discos convertéronse nos meus álbumes de
cabeceira durante anos, sabía todas as cancións, entoábaas nun deficitario
inglés macarrónico no que tan só se intuían algunhas semellanzas fonéticas co
orixinal e Freddie Mercury pasou a ser, non un máis, senón un grandísimo ídolo
para min. Ata hoxe.
E agora, toneladas de prosa biográfica para dummies: Freddie Mercury naceu na illa
de Zanzíbar (Tanzania) o 5 de setembro de 1946 co nome de Farrokh Bulsara e no
seo dunha familia de orixe india e parsi. Sendo aínda neno, coma case todos os
xenios, mostrou unhas aptitudes descomunais para a música, o que provocou que a
súa familia se esmerase especialmente nesta parcela da súa educación. A
revolución de Zanzíbar de 1964 obrigou aos Bulsara a exiliarse no Reino Unido,
onde logo dalgunhas experiencias musicais con varias bandas e ao pouco de obter
un diploma universitario en deseño gráfico, Farrokh coñecería a Brian May e
Roger Taylor, que serían os seus compañeiros nunha das bandas máis míticas da
historia do rock: Queen (si, ambos
acabaron reciclados en peseteiros explotadores dun legado inmenso). O resto é
historia. E de sobra coñecida: éxitos a esgalla, estadios cheos e unha morea de
himnos que hoxe seguen resoando coa mesma forza de onte. Ata a súa morte o 24
de novembro de 1991, vítima da SIDA, o xa máis coñecido en todo o orbe como
Freddie Mercury non cesou de darnos mostras do seu innegable e colosal talento,
tanto xunto a Queen como en solitario (xa no cumio firmou un pop máis que decente en Mr. Bad Guy).
Por que Freddie Mercury é unha figura artística tan
inspiradora para min? Porque, na miña opinión, é o paradigma do artista total,
ese summum ao que calquera artista pop debería aspirar. Un tipo cuxa
versatilidade non coñecía límites, cun rexistro e unha calidade vocal
impresionantes, un auténtico showman
que o daba todo en cada directo, un camaleónico cantante e compositor totalmente
desprexuizado a quen non lle importaba abordar categorías aparentemente tan
dispares coma o rock máis puro ou a
ópera. Precisamente como gran admirador deste último estilo, atreveuse a gravar
un disco enteiro xunto á súa admiradísima Montserrat Caballé, coa que
inmortalizou o himno case accidentalmente olímpico Barcelona.
Aínda que semella que as extravagancias dunha
personalidade peculiar son as únicas capaces de configurar o estrelato do rock como tal, sen atender a calidades
de ningunha clase, non sempre é así. Ben é certo que Freddie Mercury non
escapou (nin tampouco pretendía escapar) á besta negra das lendas sobre os seus
variados excesos, baixo os que se ocultaba ironicamente unha persoa máis ben tímida
e reservada: festazas case bacanais nas que había ananos que levaban bandexas
de cocaína sobre as súas cabezas, a pedazo esmorga de tres semanas coa que
agasallou aos invitados ao seu trixésimo noveno aniversario, unha promiscuidade
sexual case épica e outras historietas dignas de contar onda a fogueira do rock n’ roll cervexa en man. Aínda así,
o seu traballo á fronte de Queen como líder e vocalista foi o verdadeiro
culpable de que a súa carismática figura se nos quedara gravada como unha das
grandes iconas do rock da nosa era. Por que si, queríao todo.
No contacto directo co seu público Freddie “crecíase”.
Coa súa posta en escena enérxica e teatral saciaba o voraz apetito dunha
audiencia que o seguía fixese o que fixese. Na retina de coetáneos e non tan
coétaneos quedará para sempre aquel inesquecible concerto no estadio de Wembley
no ano 1986, no que Queen fixo gala dunha plenitude artística na que non só
obsequiaron ao respectable cunha interpretación magnífica dos seus xa grandes
temazos, senón cun espectáculo que sería lembrado coma un dos mellores directos
da historia do rock.
Freddie
Mercury non se limitaba a executar e interpretar aqueles grandes temazos, senón
que foi o principal artífice de gran parte dos mesmos. Ben é certo que non é
doado rastrexar a autoría das cancións de Queen a partir dunha determinada
data, posto que, sendo xa unha banda consolidada, acordaron atribuir todas as
súas pezas ao conxunto e non a un ou varios membros en particular. Porén,
sabemos a ciencia certa que clásicos atemporais como Bohemian Rhapsody, Somebody
to Love, Don’t Stop Me Now, We are the Champions ou Crazy
Little Thing called Love e outros temas menos coñecidos pero igualmente
brillantes como The March of the Black
Queen (teño que nomealo nalgún momento porque me encanta!) foron compostos
de cabo a rabo polo amigo Freddie. Proba do seu incuestionable xenio é que
algunhas destas cancións non son para nada composicións fáciles: tanto The March of the Black Queen como Bohemian Rhapsody son temas longos,
con reminiscencias do rock progresivo
e moitos cambios rítmicos e melódicos que as converten en verdadeiras
experiencias sensoriais que debemos escoitar unha e outra vez para apreciar ata
o máis mínimo detalle. Por outra banda, o virtuosismo para escribir auténticos
himnos capaces de quedarse na túa cabeza durante días, semanas, meses e anos
sen que ningunha lobotomía che poida quitar o seu recordo, non está ao alcance
de calquera, e Freddie Mercury tamén posuía esa calidade, algo sobradamente
demostrado en todos e cada un dos celebérrimos temas que veño de citar. En
definitiva, tíñao todo o cabrón. Talento e arte “a cahcoporro”!
O
estilo é algo fundamental en calquera estrela de rock que se precie e ao longo dos anos, Freddie Mercury foi
cultivando unha estética pouco convencional marcada pola súa forte
personalidade artística e polas máis diversas influencias. Gustaba dos grandes
grupos rock e cantautores da época
pero a súa estrela predilecta era Liza Minnelli. Só alguén que abarca un
espectro tan amplo pode erixirse nese algo máis que se busca en cada artista (e
que tanto se bota de menos no panorama pop
actual). Polo menos eu enténdoo dese xeito, ver a arte como algo polimorfo
e sen complexos logrando achegar algo novo e transgresor tampouco está ao
alcance de calquera. Freddie converteu isto en marca da casa e aplicouno a
todos os niveis: á súa forma de moverse, á interacción co público... Tamén á súa
forma de vestir nos videoclips e nos concertos, algo que horteras irredentas coma
min temos que agradecerlle á deseñadora Zandra Rhodes, creadora de moitos deses
deseños. É que alguén que remata un concerto ataviado cun manto de potocentos
metros e alzando unha coroa mentres soa o God
save the Queen logo de ofrecer horas de magnificencia rock’n rolleira realmente é moi ghrande! (Moitos simplificarían
este apartado dicindo que simplemente era gay. Evidentemente, eu non son tan
simplista nin creo que a cousa sexa tan simple).
E
que me dicides desa voz! Da mellor voz masculina da historia do rock! Que carallo! De todos os tempos e
todos os mundos mundiales! Menudo saque vocal tiña o moi cabrón... Non me vou
poñer a medir octavas coma se soubese moito de canto e esas cousas porque,
francamente, non teño nin pajolera idea pero alguén que estando case no
cadaleito foi capaz de levar a garganta aló arriba coma nunca firmando esa
epiquísima despedida que é The Show must
go on tivo que ter unha voz digna de ser declarada patrimonio inmaterial da
humanidade pola UNESCO. Non esaxero, ás probas me remito. Agudos, graves,
berros, murmurios... Dáballe a todo (nada de matices sexuais para esta expresión,
por favor) e sen despeitearse.
Ah!
Pensabades que se me ía esquecer falar do Freddie Mercury que pon (e moito) ao
persoal? Pois claro que non. A ver, xa sei que teño uns gustos frívolos
incomprendidos (e pode que raros, por que non) e que me parece atractiva xente
do sexo oposto cuxa beleza exterior non sería defendida nin por súa nai: Hugh
Laurie (House tivo a culpa), Roger Daltrey, Pablo Iglesias (o de agora, non o
que ten a man ergueita no parque de Vite)... Pero, en serio, ninguén é capaz de
ver nese rostro peculiar e nesa maneira de moverse e actuar a un fulano moi
pero que moi atractivo? Xa sei que obxectivizar e racionalizar estas cousas é complicado
(ou mellor dito, imposible) pero... Pero... Pero... Por que non reivindicar iso
tamén, eh?
En
fin, como tantos outros pero con aínda máis motivo, Freddie Mercury é un deses
artistas que lamento non ter disfrutado como coetánea. Como diría unha das
repijas do anuncio de Loewe, “soy fan de mucha gente muerta” e iso ten as súas
consecuencias, a primeira, mirar con nostalxia ao pasado pensando “por que
carallo na miña época non hai nada similar, salvando as excepcións?” Foi único
e irrepetible, como xa dixen, o artista total, o cénit en si mesmo e un
verdadeiro animal do espectáculo, un talento incomparable destes que só vemos
na Terra unha vez cada 2000 anos ou así (ano arriba, ano abaixo). Afortunadamente,
temos a súa música, unha herdanza marabillosa que perdura e na que dalgún xeito
aínda vive. O espectáculo continúa...




Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.