Vale.
Dende xa a miña tremendísima popularidade (por favor, non me fagades rir)
baixará tanto como baixou Hollande nas enquisas dende que se apoltronou no
Elíseo. Cónstame que as miñas inclinacións políticas e ideolóxicas molestan un
chisco en determinados sectores, sobre todo porque uso sen ningún tipo de pudor
e me parece completamente normal e comprensible un termo tan negativamente connotado
como FEMINISMO. A moitos próenlles estas catro sílabas tanto ou máis que unha
hemorroide e xa se contan por centos os neoloxismos perpetrados por unha humanidade
acomplexada para rebautizar esta ideoloxía que nada ten de malo nin depredador
dun xeito máis aséptico e (horror!) politicamente correcto. Boeno, eu declárome
obxectora de conciencia a tal tendencia e nesta segunda entrega dos meus
preferidos do Youtube non vou falar nin de igualdade real entre sexos, nin de
humanismo, nin de relativismo existencial posmoderno apocalíptico nin de
farrapos de gaitas varios. Que xa vou vella para andar con circunloquios e para
non falar claro, “leñe”! Vou falar de feminismo. Porque me peta. E punto,
porque nin que estivese eu aquí indicando o camiño cara a cámara de gas por
defender a idea radical que sostén que as mulleres somos persoas.
Moito
antes de que o coletas o petase nunhas eleccións a ese chiringuito que é o
Parlamento Europeo, moito antes de que a Marhuenda lle saísen urticarias só con
oír o nome de Pablo Iglesias e moito antes de que a Monedero comezaran a
chamarlle Billetero (como mola a iconografía da esquerda española, por certo),
comezou a súa singladura polos internetes un espazo coñecido como La Tuerka. Si, con “k”, porque somos moi
antisistema e molamos que te cagas. Eu comecei a seguir este espazo de debate
en Youtube presentado por un Iglesias que aínda tiña o piercing na cella con certo entusiasmo por dous motivos
fundamentais: os tertulianos non andaban a hostias nin se insultaban cada cinco
segundos (incluso respectaban as quendas de palabra e deixaban falar aos
demais) e os temas a tratar eran minimamente interesantes e incluso arriscados
se temos en conta cal é o actual estándar deste formato en bodrios televisivos
tales como Las mañanas de Cuatro, Al rojo vivo, La Sexta noche e 13 TV en xeral. Notábase un certo interese por ser
trascendental e facer algo diferente, víase que os promotores do espazo eran
xente preparada e versada en determinados temas que comezaban a saír do ámbito
académico para divulgárense nunha das maiores prazas públicas do mundo
contemporáneo, Youtube. A min gustábame. Moito antes de que se constituíra o
primeiro círculo de Podemos (moi poucos poden dicir tal cousa). Logo veu o
tsunami de Podemos, Iglesias quixo ser o Iñaki Gabilondo do espírito do 15-M
tendo o seu propio espazo de entrevistas, Monedero empezou a ser especialmente
estomagante (por que berra? Por que? Como diría Mourinho) e menos mal que nos
queda Facu Díaz. E Irantzu Varela.
Coma
sempre, o feminismo foi o último en chegar a La Tuerka. Sempre é o último en chegar a calquera organización
política, loita social e medio de comunicación (xa non digamos de masas). Pero
un bo día a Faktoria Lila comezou a producir o seu microespazo (curtiño, non
vaia ser que nos herníemos aínda que nos consideremos súper de esquerdas)
feminista, titulado El Tornillo e conducido
por Irantzu Varela. A idea era que en apenas cinco minutos se divulgasen unha
serie de conceptos vinculados ao feminismo e se analizasen algúns dos problemas
que aínda teñen que enfrontar as mulleres nun mundo actual máis machista e
patriarcal que nunca (si, aquí tamén, non só en Oriente, que aquí tamén hai
quen practica relixións coa mesma orixe), formato que só funciona se o que
transmites o fas dunha forma moi directa e clara e con algo de chispa. E é o
caso. O certo é que sen grandes disquisicións, a tal Irantzu dá no cravo case
sempre. Isto non é palabra de Deus, claro está, e tamén discrepo con algunha
cousa que di, con algunhas das citas que trae a colación e con algúns dos
personaxes históricos e coetáneos que pon como exemplos (son escéptica con
algúns dos ídolos contemporáneos da esquerda actual, que lle imos facer?), pero
adoita atinar con bastante precisión nas súas breves reflexións.
Traio
a Irantzu á Cólquide non só pola súa concisa e sisuda reflexión que valoro moi
positivamente, senón polo humor ácido, nada compracente, co que impregna cada
vídeo. A irreverencia é a nota predominante dende o momento en que se decide
que todos os vídeos comecen cunha intro con banda sonora das Vulpes. Non lle
recomendo esta sección de La Tuerka
aos gurús do humor branco, ese que segundo os seus defensores non se mete con
ninguén, é amable e respectuoso e... aburrido como ir de cañas con Luis del
Olmo! O caso é que se non simpatizas co ton satírico e mordaz de Irantzu (algo
que chama a atención tendo en conta que é case coma Eugenio e está sempre moi
seria) nin tampouco coa súa perspicua claridade e, si, radicalismo (porque vai
á raíz das cousas, ser radical non é nada pernicioso), mellor que poñas o canal
de Silvia Tortosa e sigas vivindo no país da gominola, crendo cousas tan de
ciencia-ficción como que xa acadamos a igualdade plena e trapalladas desas.
Precisamente por iso, por contalo sen cortapisas, Varela topou coa comunidade troll en pleno, tendo que aguantar
comentarios non só repugnantemente machistas senón que caen no terrorismo
disuasorio máis puro.
“Boenoooooo!
Que a “tipeja” que escribe este blog é de Podemos, bolivariana e o mal
encarnado! Mira que cousas ve en interné! Vaia pieza”. Xa o estou oíndo. Ou
lendo. E tamén ma trae... Boeno, iso, que non quero faltarlle a ninguén nin
meterme coa xente que ve porno duro con cabalos. Como ideolóxica e
politicamente non estou casada con ninguén (afortunadamente e moito menos con
Podemos) podo ver con máis ou menos indixestión case de todo (boeno, ao mellor
os vídeos de propaganda de Vox non, en fin, todo ten un límite e iso non entra
nin con un quilo de omeprazol). Ademais, pese a que El Tornillo se fai baixo o amparo de La Tuerka, non vexo eu que represente moito a Podemos e viceversa.
Coma case todos, non tardaron en asimilarse a esa casta (si, díxeno: casta!) que
non dubida en subirse ao tren do feminismo mentres a súa repercusión é mínima aparentando
ser moi guays e moi comprometidos coa igualdade e logo, cos bos resultados na
man, non tardan nin un chisco en baixarse e dicir que iso non é prioritario e que despista a loita de clases e a aniquilación da troika. Que as súas cores sexan malvas non ten absolutamente nada
que ver, mais ben semella unha provocación e unha apropiación indebida moi
consciente.
Boeno,
non me desvío máis que senón ao final falo de todo menos do que quero falar e
acabo coma eses vetustos catedráticos tan encantados de coñecerse a si mesmos
que ao final da conferencia só falaron do que tiñan que falar cando citaron o
título da palestra. Xa fun poñendo algún dos vídeos que máis me gustaron deste
espazo conforme avanzaba a redacción pero decidín deixar case para o final o
que para min é O vídeo do Tornillo.
Aquel cuxo título reza Yo no soy
feminista, dando un repaso a un par de mitos e verdades sobre esta
cuestión.
Recomendo
a quen lle interese, a quen non se ofenda rapidamente con estas cousas e a quen
non vaia pola vida chamándolle a todas as que pensamos deste xeito ou parecido que
somos unhas nazis histéricas feministas, feminazis histéricas ou como sexa esa
orde de conceptos tan pouco vinculados entre si e tan manidos pola misoxinia en
xeral, que vexan os vídeos de El tornillo,
que se poden atopar na canle de Youtube de La
Tuerka. Porque non, isto non é “Pablemos”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.