Xa
ía tocando algo novo por estes lares e, como aínda estamos apurando os últimos
sorbos deste agora lánguido agosto, vou falar brevemente de algo sinxelo,
lixeiro e que, por suposto, consiga debuxarnos un amplo sorriso na nosa cara de
“son un amarghado que acata sen chiar este ritmo de vida contemporáneo e
capitalista que me dá un placebo duns poucos días para descansar de verdade e
que me convence de que existen enfermidades mentais tan temibles coma o
síndrome post-vacacional”. Hai que rir e iso mesmo é o que me gustaría que
fixeran todos os que se paren a ler isto. Vou ir creando un horizonte de expectativas…
Se
empezo a falar así abertamente da dama de ferro, de Margaret Thatcher, a pelo, sen vaselina nin
ningún tipo de protección contra venéreas e/ou ideoloxías non desexadas, poderíase pensar que tiven unha especie
de revelación neocon que me levará a incluíla na miña galería de ídolos
femininos e nese caso necesitaría unha pronta intervención psicoanalítica. Nada máis lonxe da realidade. Admito que teño unha especie de
empatía pouco empática cara esta raza de mulleres con poder cuxa única obsesión
tras acadar o trono é chucharlle o sangue de xeito morboso e case vingativo a todos aqueles que enganaron para
que as votaran pero esta doenza non excede a mera sensibilidade pop cara un
estereotipo que se repite na historia dende a noite dos tempos. A Thatcher ía
coa verdade por diante, “son unha tía rancia con propósitos políticos, económicos
e sociais do máis rancios e demóstroo: deixo a todo un sector produtivo do meu
país a lamber na lata, defendo o meu dereito a decidir sobre os meus dominios
coloniais de ultramar (aínda que sexan realidades anacrónicas que non ten
ningún sentido manter) e pásome a unión económica dos veciños polos mesmísimos”,
non coma os abandeirados do do “yes, we can” que logo invaden Siria e non
pechan Guantánamo (o cal non quere dicir que ela sexa mellor, eh! Só dixen que
non era falsa, nada máis). Sempre houbo mulleres poderosas. E sempre houbo
mulleres que nos deixaron, como colectivo, en moi mal lugar, tal é o caso da
señora Thatcher (que en paz descanse se é que pode), merecedora do meu odio
sempiterno coma todas elas a pesar do volume indecente pero a cachos fascinante dos seus santos collóns…
digo ovarios!
Con
todo, hai algo que sempre terei que agradecerlle a esta señora, posto que
parecía imposible que unha das grandes figuras do neoliberalismo de finais do
século XX inspirase o que, dende o meu humilde punto de vista, é un dos
mellores sketches da historia do humor
en España. Non é casualidade. En realidade, Margaret Thatcher sempre foi un
personaxe moi risible, con esa estética british
tan pasada e obsoleta, esa forma de falar tan pausada pero á vez tan
autoritaria, ese aire de I have the
powerrrrrr… Non sei por que nola tomamos tan en serio, ela en si mesma
semellaba unha caricatura de todos os tópicos asociados á cultura anglosaxona.
Por iso, esta imitación de Joaquín Reyes para o xa extinto programa de Paramount Comedy La hora chanante (que realmente non sei
de cando data, encontreina pululando por youtube) dá no cravo, a pesar do
acento marcadamente manchego e da masculinización (por outro lado moi realista)
do personaxe.
O
humor tamén é arte e hai moitísimas cousas que podería destacar destes tres gloriosísimos
minutos. A parodia é tan absolutamente brillante que non hai palla, non hai
frases de recheo, todo conduce a unha sonora gargallada e a un “jolín,
realmente esta muller era así”, aínda que saibamos do absurdo que é atoparnos a
unha figura política tan emblemática e fortemente negativizada (Morrisey chegou
a preguntarlle cando morrería dunha vez) falando das súas “proezas” no poder
coma se estivese sachando na horta, tan directa e francamente, con ese ton de
debate de taberna tan ibérico, por outro lado. Seino de memoria, de cabo a
rabo. Ata tal punto me chegou á alma este sketch,
que vou pola vida repetíndollo a sufridos amigos e familiares e poñéndoo como
exemplo da mestría que poden chegar a acadar a sátira e a burla.
Pouco
máis podo dicir que exhortar a todo aquel que pase por aquí para que o vexa e o
disfrute, partíndose as cachas como é debido.
Yo entraba en Wehtminter, con mi bolso, eh, Y SE A-CO-JO-NA-BAN! Loh míoh y loh otroh! Se ponían a sudar!
Simplemente xenial!

Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.